domingo, novembro 30, 2014

Gloria Díaz na lembranza dos Arraianos


Detrás de todo grande home sempre hai unha gran muller. Eiquí vemos a Gloria Díaz, con 85 anos, cubrindo a ruta entre Ludeiros e a fronteira da Magdalena. Lembro que cando coñecín a Elixio Rodríguez e á súa dona, Gloria Díaz, en Bande, descubrín realmente o que foi a Guerra Civil e a represión franquista en Galicia. Porque unha cousa é ler nos libros de Historia e outra moi diferente que che conten a súa vida os que tiveron que fuxir para conservala. Xa escribín algunhas cousas sobre Elixio neste mesmo blog, e na homenaxe que lle fixemos en Celanova trala súa morte. Pero nunca escribira sobre Gloria, a nai dos cinco fillos do Elixio, a súa compañeira e arquiveira de lembranzas, a amiga da nosa familia. Unha muller doce e agarimosa, unha amiga de verdade, a quen lle quedei debendo unha visita a México, como falaramos na súa derradeira viaxe a Bande. Saldaremos esa deuda logo.

Era unha muller moderna e activa, falangueira, fumadora e infatigable, cun extraordinario sentido da amizade, un sentimento tan fondo que mesmo a levaba a percorrer longas distancias con nós cando celebrabamos os nomeamentos do Arraiano Maior da Raia Seca. Atrevíase con calquera cousa. Nesta imaxe de Suso Díaz vemos a Gloria ao pé da Pena de Anamán, cos amigos do Castro Laboreiro, escoitando a invocación telúrica do Pai Fontes. 

E nestoutra imaxe, na que aparecen Gloria, Aser, Pementa Junior e Senior e o Xefe Arraiano, estamos comezando a nosa ruta entre Ludeiros e A Magdalena, onde nomeamos a Xose Luís Méndez Ferrín I Arraiano Maior da Raia Seca. Sabemos que cada día que vaiamos á serra, cada día que sigamos as mariolas da fronteira, Gloria vai seguir a camiñar con nós polos vellos vieiros do contrabando. Beizóns a Gloria, a Elixio e aos seus fillos e netos. Vémonos no Camiño.




segunda-feira, novembro 24, 2014

quarta-feira, outubro 22, 2014

Outro mundo rural é posible coa tracción animal

Este microdocumental, realizado por Plácido Romero e Aser Álvarez, acaba de obter un premio especial do xurado no Minidoc, un festival de documentais etnográficos organizado pola Fundación Carmen Arnau, de Toledo. Noraboa aos Arraianos por este traballo onde se recollen algúns dos aspectos tratados no II Congreso Transfronterizo de Tracción Animal, celebrado na Bola e Celanova, en Ourense, e no Castro Leboreiro, en Portugal. O vindeiro día 7 de novembro, os directores viaxarán a Toledo para recoller esta mención especial para o minidocumental "Traballo animal".

quarta-feira, outubro 15, 2014

Celanova é audioINvisual

Hoxe deixámosvos unha pequena mostra do que é a enerxía criativa dun lugar onde o mundo se chama Celanova. Este delicioso traballo de Xudit Casas é unha curtametraxe documental realizada para o II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio no Medio Rural, que se celebrou en Celanova no mes pasado e onde tamén participamos os de Arraianos e Aquela Celanova, cunha sesión de espiritismo práctico, na Praza do Millo, ao carón da Taberna do Galo, entre licandorios e mámoas. 
Somos unha potencia ou padecemos algunha doenza (individual e colectiva?. O futuro é prometedor, aínda que ás veces non o pareza... Adiante Ateneo de Celanova!!
Fe de ratas. O tipo das gafas de sol (uns óculos vilmente introducidos pola directora para desprestixiar ao entrevistado, cunha escura ferramenta de posprodución) e que fala a diorbenditodemildemos non quería dicir "contra o entorno" senón, "a pesares do entorno".
Polo demáis, desfrutade deste estupendo vídeo, onde poderedes comprobar que Celanova é audiovisual

terça-feira, setembro 30, 2014

Un pouco de tracción animal para o mundo cibernético

Veleiquí un pequeno documental de Plácido Romero gravado en Celanova e no Castro Laboreiro durante o II Encontro Transfronteirizo de Tracción Animal da APTRAN.

quarta-feira, setembro 24, 2014

Homenaxe ás vítimas da represión franquista no Mural do Furriolo

ESTE DOMINGO, 28 DE SETEMBRO, ÁS 12 NO MURAL DO FURRIOLO (A BOLA)

Homenaxe aos represaliados polo franquismo no Mural do Furriolo, obra de Xosé Vizoso

Presentación dunha investigación histórica de Pablo Sánchez sobre o derradeiro alcalde republicano de Celanova: "Benito Cancela e o seu tempo, un persoeiro esquecido da nosa historia" 

 
Este vindeiro domingo, 28 setembro, ás 12 da mañá, imos celebrar un acto reivindicativo artístico, poético e musical, para facer memoria e homenaxear ás vítimas da represión franquista. Vai ser no Mural do Furriolo (A Bola), unha obra promovida por Arraianos e deseñada por Xosé Vizoso, que está ao pé da estrada entre Celanova e Xinzo OU-531, no Alto do Furriolo.

Durante este acto público, que vai contar coa presenza do propio Xosé Vizoso, imos lembrar moi especialmente ao derradeiro alcalde republicano de Celanova, Benito Cancela, unha vítima da represión franquista que foi recuperada do esquecemento grazas a un traballo de investigación do historiador celanovés Pablo Sánchez, que vai ser presentado o domingo á mañá no Furriolo, contando tamén coa presenza dos descendentes deste exalcalde represaliado.  

Este traballo fai un percorrido pola vida do derradeiro alcalde republicano de Celanova. É a vida dun verdadeiro home de paz, atrapado nun mundo de desenfrenada xenreira, ira e violencia, desatada nos momentos máis críticos da historia desta vila. Momentos convulsos da nosa historia contemporánea nos que Benito Cancela ―unha figura que aínda agarda un reconoñecemento por parte das institucións― ofreceu desde o seu natural talante conciliador, pacífico e tolerante, un exemplo de integridade que lle permitiu gañar o respecto tanto dos seus correlixionarios coma dos seus opoñentes.
Bo e xeneroso coma poucos, o seu carácter humanista, compasivo e tolerante, non impedíu que vivira unha cruel represión franquista tralo alzamento fascista do 36, en forma de boicot ao seu negocio, o Bar Hotel Cuba, nin tampouco evitou que tivera que vivir agochado nun zulo ou pasar un pesadelo interminable de desterro, xuízos, cárcere e confiscacións, até morrer no anonimato e no ostracismo político, sen ter recibido ningún recoñecemento.

Neste acto público de reivindicación, memoria e homenaxe, tamén van estar presentes os descendentes de Benito Cancela,  así como membros do colectivo Arraianos, persoeiros do mundo da cultura e representantes de organizacións de Galicia e Portugal que traballan na recuperación da memori
a. 

segunda-feira, setembro 22, 2014

Encontros na Raia Seca I (entre Arraianos Maiores)

Hai cousas na vida que realmente pagan a pena. Como propiciar conexións cósmicas e mesmo encontros entre arraianos. Nesta imaxe de Aser Álvarez, sobre un fondo posmoderno sen igual, vemos a dous dos máis grandes mestres da literatura galaicoportuguesa. Son Luandino Vieira e Xosé Luís Méndez Ferrín, que se coñeceron persoalmente o outro día en Lobios, no marco da entrega dos Premios Arraianos 2014, que nesta edición foron para Lois Soto (Arraiano Universal) e para o colectivo Porta Treze (Arraiano Maior), do que o Luandino é promotor e argallante maior, canda María Alonso Seisdedos. 
Encontros na Raia Seca I (entre Arraianos Maiores). "Un enorme pracer coñecer ao máis grande escritor africano de todos os tempos, mais eu pensei que eras preto, carallo", espetoulle o Ferrín. "Cala que pela túa culpa teve que estudar a literatura galega enteira", respostoulle o Luandino. Así foi como comezou a conversa entre estes dous grandes autores, que dende hai anos se len mutuamente e se admiran dende a distancia que a fronteira agranda. Mais desfronteirizando enténdese a xente. Porque todo o interesante acontece sempre na raia. 

quinta-feira, setembro 11, 2014

Habemus Arraiano Maior e Arraiano Universal do 2014

Por unanimidade do cónclave druídico celebrado polos Arraianos sen Fronteiras na croa de Castromao, coincidindo coa superlúa de finais do verán, o Premio Arraiano Maior de 2014 é para o coletivo cultural Porta Treze, de Vila Nova de Cerveira http://portatreze.wordpress.com/, polo seu traballo desfronteirizador e solidario entre os pobos, as artes e maiormente entre mundo e poesía.
Dende o alto do Castromao, e trala abondosa inxestión de poción máxica elaborada polo noso druída de garda, puidemos ver aínda a estrela libertaria de Lois Soto alampeando no ceo xusto sobre a torre medieval de Vilanova dos Infantes e da casa do Mago Ferrín, e por iso decidimos outorgarlle a distinción de Arraiano Universal, antes do amencer. E non  se fale máis, que todo se sabe. 
Pois iso, Arraianos do Mundo, vémonos o vindeiro venres, 19 de setembro, ás 18.30 en Lobios, para comezar esta nova viaxe ao pincipio do mundo.

quinta-feira, julho 17, 2014

Xa está eiquí Aquela Celanova, o libro

Xa está eiquí o fermoso libro Aquela Celanova, que o vindeiro 26 de xullo ás 12 da mañá imos apresentar na Casa dos Poetas de Celanova. 
Non estamos a falar só dun novo libro de fotos antigas de Celanova, que tamén, mais este proxecto colectivo é aínda moito máis ca iso. É o resultado dun longo proceso de recollida de material e de propiciar encontros entre aquela, esta e a outra Celanova, a través da famosa páxina de facebook creada por Pío Álvarez, a quen logo se lle sumaron Arraianos e Lareira Pop para facer realidade este proxecto, agora xa en papel, grazas á colaboración duns editores tan entusiastas como atrevidos.
Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Benito Reza, Baldo Ramos, Inés Vázquez, Toni Álvarez e Aser Álvarez axudaron a facer realidade este soño colectivo de Aquela Celanova.

quarta-feira, junho 11, 2014

O FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE CARLOS VELO DA A COÑECER OS DEZ TRABALLOS FINALISTAS


Veleiquí unha pequena mostra nesta promo do I FICCVelo realizada por Bruno Nieto. A natureza, a despoboación, os modelos de xestión do común ou o mantemento da memoria. O amor, a morte e os vencellos coa familila e cos amigos. Os traballos finalistas do I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo recollen unha boa mostra das temáticas, especialmente vencelladas ao presente, ao pasado e sobre todo, ao futuro do mundo rural, facendo seu o espírito co que nace o primeiro festival de cinema rural de Galicia. Os directores do FICCVelo, Inés Vázquez e Aser Álvarez, os membros do xurado e do comité de selección deron a coñecer os cinco finalistas en cada categoría a concurso, que se resolverá durante a celebración do festival, do 20 ao 22 de xuño en Cartelle e no Multiusos de Arraianos na Chaira de Amoroce (Celanova).  


No caso do documental, os finalistas son: Hijos de la Tierra, de Patxi Ruiz; Trazos en la Cumbre, de Alejandro Victorero; Espés, de Tànit Fernández Ciria e Isaac Rodríguez; La selva invisible Albert Pérez e Concejo Abierto, de Carmen Comadrán. “Trátase de traballos de gran calidade centrados en comunidades no rural como Espés, no que se narra a situación dun pobo do pirineo aragonés na voz dos seus útlimos catro habitantes, ou Selva Invisible, centrada nas comunidades indíxenas da marxe do río Ampiyacu, na amazonía peruana. En grave perigo de desaparición tamén. Son realidades transversais que encaixan perfectamente co espírito e cos intereses do noso festival”, explica o seu director, Aser Álvarez. Unhas curtas que veñen abaladas, ademais, polos recoñecementos en prestixiosos festivais como o Premio 'Perpetuum Libertas' Cinema Perpetumm Mobile, Bielorrusia (2014) no caso de Concejo Abierto; o de Mellor Guión e Mellor Dirección do Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña de Espés ou o premio a Mellor Curtametraxe no Festival de Cine ELCO, acadado por Trazos en la Cumbre. 

Deste primeiro peneirado tamén saíron os cinco finalistas en la categoría de ficción, traballos de temáticas tamén moi diversas pero vencelladas a evolución persoal e as relacións humanas: Epitafios, de María Ballesteros, que conta coa participación do televisivo Arturo Valls; Porsiemprejamon, Ruth Díaz; Mi ojo derecho, de Josecho de Linares, que acadou, entre outros o premio ao Mellor director no Festival de cine "¡qué bello es vivir!" e o segundo premio a Mellor Curta no Festival Internacional de Cine Rengo (Chile); “Al otro lado”, a cargo de Alicia Albares y Trío de Ases, de Virginia Valderve y Javier Gallego. 

Os organizadores agradeceron a todos os autores que enviaron os seus traballos para optar a unha praza como finalistas nesta primeira edición do FICCVelo. “Sentímonos moi soprendidos pola calidade e pola cantidade dos traballos recibidos e tamén vemos que os realizadores que apostan por este formato de curtametraxe coinciden con nós necesidade de crear un circuito estable de visionado deste tipo de traballos”, aseguran Inés Vázquez e Aser Álvarez, "e por iso creamos a Cineclube Carlos Velo, co que lle imos dar continuidade ás nosas actividades ao longo de todo o ano". 

quarta-feira, junho 04, 2014

Xuño é o mes do cine rural

Coa chegada do soslticio de verán chega tamén o primeiro festival galego de cinema rural, o I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, que se vai celebrar os vindeiros días 20, 21 e de xuño en Cartelle, localidade natal do gran cineasta galego Carlos Velo no Centro Multiusos de Arraianos en Celanova. Nos vindeiros días daremos conta do programa completo de actividades.

O FICCVelo forma parte dunha rede nacional e internacional de festivais de cinema rural vai manter unha estrutura e programación estables a través da creación do Cineclube Carlos Velo.

Case 200 traballos, cunha calidade media extraordinara e chegados de todo o mundo, aspiran a ser un dos dez finalistas nas categorías de documental e ficción. No marco deste festival tamén imos presentar o primeiro número do Xornal Agrario Galego, unha publicación de referencia sobre o mundo do agro e do comunitarismo de Galicia.

Alí onde estea, Carlos Velo anda a argallar cos deuses celtas para que todo flúa coa forza irreductible dos ciclos naturais. O festival que leva o seu nome, para reivindicar a súa figura e o seu xeito de ser e de estar no mundo, vai celebrar a súa primeira edición, superando as nosas espectativas máis optimistas, grazas á colaboración e confluencia de vontades de numerosas persoas, institucións e empresas. A teimosía de Velo por facer de Galicia un referente internacional no mundo audiovisual está a dar os seus froitos tendo como epicentro o seu Cartelle natal e as actividades que imos desenvolver, ao longo de todo o ano, no Cineclube Carlos Velo. Marcade na axenda as datas, do 20 ao 22 de xuño, e reservade o solsticio de verán para viaxar con nós ao principio do mundo a través do mellor cinema rural nacional e internacional. 

segunda-feira, abril 21, 2014

Celso Emilio Ferreiro on the road no mes de maio

Testemuños, arte a poesía arredor de CEF


Venres, 2 de maio en Celanova ás 20.30. Casa dos Poetas.
Venres, 9 de maio en Pontevedra ás 19.30. Feira do Libro. 
Luns, 12 de maio en Santiago ás 11. Seminario Menor. 
Mércores, 14 de maio en Lugo ás 20 h. Maio de Lingua.
Venres, 16 de maio en Ourense ás 20.15. Centro Cultural da Deputación.
Mércores, 28 de maio ás 12.45 en Santiago. IES Pondal (Conxo).
Xoves, 29 de maio ás 19.30 en Madrid. Casa de Galicia en Madrid. 

Trala edición dun dobre deuvedé con abondoso material inédito sobre o poeta, que inclúe a aproximación contemporánea do cineasta Aser Álvarez á figura de Celso Emilio Ferreiro, e que se concretou na longametraxe documental 100 % CEF (Mestre Mateo ao Mellor Documental do ano pasado) xa está dispoñible nas librarías este traballo colectivo, baixo o título 102 testemuños de aniversario, onde se recollen as opinións dos seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, xunto cos testemuños doutros persoeiros como Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, César Portela, Daniel Salgado, Sabino Torres e Anxo Angueira. Tamén interveñen os fillos de Celso Emilio, Isabel e Luís, artistas como Francisco Leiro, Baldo Ramos, Manolo Paz e Baldomero Moreiras, e músicos como os Labregos do Tempo dos Sputniks, rapeiros ou gaiteiros. 

A edición, coordinada por Plácido Romero para Arraianos, inclúe tanto a versión reducida da obra, 50 % CEF, o poeta da vida -unha síntese cun claro obxectivo didáctico e que leva subtítulos en inglés-, como a ampliada, rescatando da mesa de edición «unha selección das opinións máis interesantes e valiosas, por achegaren enfoques novidosos e mesmo polémicos sobre Celso Emilio», segundo os seus responsables. O 102 do título vén condicionado pola súa publicación neste 2014, cando se fan 102 anos do nacemento do escritor. O propio Romero tamén é autor dunha achega a como se fixeron os documentais, un making of sobre estes traballos. A edición complétase con outros dous títulos que teñen un carácter máis artístico. Trátase de Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, unha curtametraxe sobre unha instalación de Baldomero Moreiras, creada para este traballo, así como Noutrora, unha videocreación que asina Xudit Casas. Arraianos, que dedicou máis de dez anos a investigar a vida e a obra de Celso Emilio, está a presentar os deuvedés en diferentes localidades de Galicia, España e Portugal. Seguiremos informando...

sexta-feira, março 28, 2014

Somos arraianos??

Atentos a esta noticia da epopea do parapentista arraiano

El parapentista ourensano Aser G.L., de 50 años, se estrelló el domingo 16 en el lado portugués de la raia seca, a 400 metros de la frontera, sin saber que viviría para contar una odisea de 500 kilómetros de traslados en ambulancias medicalizadas por 5 centros sanitarios de ambos países, incluidos Chaves, Vila Real, Vilanova de Gaia (cerca de Oporto), y los hospitales Meixoeiro y Xeral-Cíes de Vigo. Tardó diez días en llegar al complejo CHOU de su ciudad, situado a solo 60 kilómetros del accidente, donde finalmente quedó ingresado por sus lesiones.
La familia culpa a la burocracia que convirtió una emergencia sanitaria en una pesadilla de papeleos y permisos. Primero, porque el helicóptero del 112 no tenía permiso para aterrizar en la sierra portuguesa de Montalegre, a escasos kilómetros de Baltar, después porque el médico de urgencias de Verín no se atrevía a admitir al herido grave porque el papeleo le iba a llevar horas. Tras pasar por varios complejos hospitalarios portugueses fue operado de una dolencia cardíaca en Oporto y derivado el día 19 al hospital del Meixoeiro, en Vigo, que no lo admitió porque consideró que el Xeral-Cíes era el centro que le correspondía para ser tratado de sus politraumatismos. Su calvario no terminó ahí, porque en el Xeral, los médicos se dieron cuenta de que al ser ourensano, el área sanitaria que le correspondía era el CHOU de Ourense, y ordenaron su traslado el día 26 al hospital situado irónicamente a solo 60 kilómetros del lugar del accidente.
Fuentes del Sergas no se explican a qué se debe tanta polémica. El servicio sanitario gallego se desentienden del peregrinaje del lesionado por hospitales de Portugal, algo lógico pues el herido cayó en suelo luso, y solo responde de la atención que le brindaron en Vigo y que, según dicen medios sanitarios, fue impecable. Según dicen, el jefe del servicio del Meixoeiro valoró al paciente que llegó de Portugal y se dio cuenta de que podría necesitar cuidados torácicos y, por eso, lo desviaron al hospital Xeral-Cíes, que es un sitio de referencia. Allí estuvo una semana y cuando lo estabilizaron le dieron el alta a Ourense, por ser su centro por domicilio. El Sergas cree que todo esto ha ocurrido por un cúmulo de cosas y lamenta las peripecias del lesionado pero insiste en que la atención sanitaria que recibió fue impecable.

sexta-feira, março 14, 2014

Vente á presentación do I FICCVelo en Cartelle

Mañá ás 11 presentamos o I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, no Auditorio Municipal de Cartelle (Ourense). Xa podes anotar os teus traballos no primeiro festival de cinema rural de Galicia. Consulta toda a info na nosa paxina de facebook ou na nosa web 
Estaremos a só uns metros da casa natal de Carlos Velo presentando a primeira edición do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo. Así que este sábado, 15 de marzo, ás 11 da mañá, vémonos no Auditorio de Cartelle, con Carlos Velo.  

terça-feira, março 04, 2014

Testemuños, arte e poesía arredor de Celso Emilio

Recollemos a información de Xesús Fraga hoxe na Voz 
Editado un dobre deuvedé con documentais e abondoso material inédito
A aproximación «contemporánea, non académica e fresca» do cineasta Aser Álvarez á figura de Celso Emilio Ferreiro, e que se concretou na longametraxe documental 100 % CEF, xa está dispoñible nunha edición en dobre deuvedé que recolle máis materiais extra arredor do escritor de Celanova. Deste xeito, a cinta, que foi elixida mellor documental nos Mestre Mateo do ano pasado, combina unha caracterización do autor, a cargo de Luís Tosar, con testemuños dos seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, xunto cos de outros como Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, César Portela, Daniel Salgado, Sabino Torres e Anxo Angueira. Tamén interveñen os fillos de Celso Emilio, Isabel e Luís, artistas como Francisco Leiro, Baldo Ramos, Manolo Paz e Baldomero Moreiras, e músicos como rapeiros ou gaiteiros.
Reducido e ampliado
A edición en disco, coordinada por Plácido Romero para Arraianos, inclúe tanto a versión reducida da obra, 50 % CEF, o poeta da vida -unha síntese cun claro obxectivo didáctico e que leva subtítulos en inglés-, como a ampliada: así, 102 testemuños de aniversario compensa os recortes que por mor do espazo tivo que sufrir 100% CEF, e rescata da mesa de edición «unha selección das opinións máis interesantes e valiosas, por achegaren enfoques novidosos e mesmo polémicos sobre Celso Emilio», segundo os seus responsables. O 102 do título vén condicionado pola súa publicación neste 2014, cando se fan 102 anos do nacemento do escritor. O propio Romero tamén é autor dunha achega a como se fixeron os documentais, un making of sobre estes traballos.
A edición complétase con outros dous títulos que teñen un carácter máis artístico. Trátase de Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, unha curtametraxe sobre unha instalación de Baldomero Moreiras, creada para 100?% CEF, así como Noutrora, unha videocreación que asina Xudit Casas.
Arraianos, que dedicou máis de dez anos a investigar a vida e a obra de Celso Emilio, está a presentar os deuvedés en diferentes localidades de Galicia e Portugal.

segunda-feira, março 03, 2014

El primer festival de cine rural de Galicia pretende recuperar la casa de Carlos Velo

Estupenda información de Elena Ocampo sobre o I FICCVelo
Recuperar el espíritu de 'mundo comunitario' para un certamen audiovisual contemporáneo y abrir al foco internacional el rural -que languidece por despoblación en Galicia-, a través de la figura del cineasta Carlos Velo. Algo así se propusieron dos colectivos que trabajan por la cultura y el desarrollo rural gallego, Arraianos y Lareira Pop, que se han aliado para levantar el que será el primer festival de cine de temática rural en Galicia: el festival internacional de cine rural Carlos Velo.
Cinco cortometrajes de ficción y cinco documentales se exhibirán en fase de concurso en el municipio natal del documentalista exiliado en México, Cartelle, que dista media hora de la capital ourensana y una hora de Vigo.
La casa natal del cineasta, exiliado a raíz de guerra civil española en México -se convirtió en figura llave del cine en el país azteca- será "recuperada", como parte del legado de Velo. "Queremos converter a súa casa natal nun gran centro de referencia do documentalismo a nivel internacional, a medio e longo prazo", asegura el presidente de Arraianos, Aser Álvarez y codirector del festival junto a Inés Vázquez. El certamen será la primera piedra. Los organizadores tenderán puentes con México en un intento de "retomar el trabajo que Velo dejó interrumpido por la guerra" y cuya biografía aún guarda detalles inéditos.
El juego simbólico que plantean se traduce también tanto en la fecha elegida para el certamen: 20 y 21 de junio -solstiticio de verano- y que marcó tradicionalmente un ciclo en las tareas agrícolas; como el lugar elegido para la presentación oficial del festival que se hará en el centro educativo y comunitario de Chaira de Amoroce, en Celanova, el próximo día 15.
Aún así, desde la organización aseguran que ya han recibido más de veinte cintas a concurso de diferentes procedencias. El auditorio de Cartelle será el lugar central de las proyecciones. Que sea un lugar de debate para personas, colectivos y empresas es otro de los objetivos implícitos:"Botamos en falta un debate aberto e multidisciplinar sobre o futuro do rural.", justifica Álvarez, director también un documental sobre Celso Emilio Ferreiro que obtuvo un premio Mestre Mateo. "Queremos propiciar ese intercambio de experiencias, porque cremos que outro mundo rural é posible". Así, el festival, ya cuenta con apoyo del Concello de Cartelle, la Diputación de Ourense y la Xunta.

quinta-feira, fevereiro 27, 2014

Que din do I FICCVelo?

Incluímos neste post algunhas informacións aparecidas nos medios sobre o primeiro festival de cinema rural de Galicia, que se vai presentar no Muliusos de Arraianos en Celanova o día 15 de marzo. Na imaxe, o fermoso cartaz do I FICCVelo, deseñado por Baldo Ramos e supervisado por Carlos Velo.

Xesús Fraga na Voz de Galicia. El panorama de festivales de cine de Galicia contará este verano con una nueva cita. Los días 20 y 21 de junio se celebrará el Festival Internacional de Cine Carlos Velo en Cartelle, el municipio natal del pionero cineasta gallego. "A figura de Velo aínda non está plenamente recuperada para a importancia que tivo, especialmente en México, onde viviu como exiliado e onde formou a toda unha xeración de cineastas que segue en activo", afirma Aser Álvarez, codirector del festival con Inés Vázquez.
Pero la cita, organizada por los colectivos Arraianos y Lareira Pop, no nace solo con el objetivo de honrar a Velo, sino que tiene muy claro su planteamiento: apostar por el cine de temática rural, que se verá en dos categorías, la de ficción y documental. «Queríamos unha liña de traballo que aunase a recuperación do patrimonio material e imaterial coa proxección universal que permiten os materiais audiovisuais», explica Álvarez. Así, Cartelle reúne las condiciones idóneas para albergar la cita, tanto por ser un enclave de carácter rural como por ser el lugar de nacimiento de Velo, cuya casa natal sigue en pie.
La proyección de las películas también tiene un objetivo más allá del disfrute de las historias que cuenten y sus valores estéticos, ya que el festival pretende contribuir al debate sobre el modelo de futuro para el rural. «Botamos en falta un debate aberto e multidisciplinar sobre o futuro do rural. Estamos convencidos de que o rural ten futuro, pero temos que falar sobre que modelo queremos e como artellalo», justifica Álvarez, director también de trabajos documentales sobre Celso Emilio Ferreiro. De este modo, el festival, que cuenta con los apoyos del Concello de Cartelle, la Diputación de Ourense y la Xunta, pretende involucrar a colectivos vinculados a todos los aspectos de la vida rural, desde pequeñas empresas, denominaciones de origen o entidades tan curiosas como el colectivo portugués que propugna el uso de la tracción animal en los trabajos agrícolas. El plazo para presentar películas acaba el 17 de mayo y hasta ahora ya superan la veintena recibidas. «Queremos aunar a recuperación do patrimonio coa proxección do material audiovisual». Aser Álvarez.

terça-feira, fevereiro 25, 2014

O rural é futuro. Onde o mundo se chama galeguesa.

Carne de vacún criada en liberdade nos montes de Ourense. Este é o proxecto que empezou Roberto Álvarez canso da vida na cidade. Dez anos despois na zona non hai lumes e si unha carne de excelente calidade que está a triunfar. Esta é a historia das Galeguesas...

Roberto Álvarez, coma moitos outros mozos galegos, emigrou a Madrid. Despois de anos de traballo e canso da gran cidade, decidiu voltar á aldea familiar en Celanova (Ourense). Alí onde había monte abandonado dende había anos, hoxe hai máis de 100 cabezas de gando que xeran riqueza e emprego; alí onde había lumes devastadores, hoxe hai prados verdes e carballeiras grazas ás vacas que desbrozan o monte todos os días. Un aproveitamento multifuncional que nos debería facer cuestionar as políticas de extención de incendios que consumen cada ano centos de millóns de diñeiro público sen resultados satisfactorios. Velaquí unha alternativa...
-Qué te levou a dedicarte á cría en extensivo de gando vacún de carne?
Despois de anos emigrado en Madrid quería facer algo ligado á terra, quería volver á aldea e facer algo que me permitise vivir aquí. E a gandeiría en extensivo foi o que máis me atraeu.
-Cómo naceu o proxecto da Facenda O Agro?
O primeiro paso foi matricultarme nun curso de pastoreo de ovellas e fabricación de queixos en Euskadi. Despois, durante tres anos, entre o 2003 e o 2005, dediqueime a convencer aos veciños de Santiago de Amoroce, unha aldea situada a uns quilómetros de Celanova, para que me arrandasen os montes comunais. Eran uns terreos sen coidar dende había décadas que, como desgraciadamente sucede en Galicia,  eran pasto do lume de forma periódica. Finalmente, os veciños e veciñas arredendáronme as 115 hectáreas por 20 anos.
Tiña claro que quería facer gandeiría extensiva e a idea inicial era mercar razas autóctonas de Galicia, sobre todo cachena. Pero polo camiño, avarióuseme o tractor e tiven que chamar ao proveedor de Cataluña para encargarlle a peza danada. Na conversa xurdiron os meus plans e tanto falamos que me convenceu de que, polo menos, fose coñecer vacas da raza francesa Salers. Convencéronme e en maio de 2005 desembarcaron en Amoroce as 25 primeiras vacas de raza salers.
O nome de Facenda o Agro púxenllo porque “Agro” é o acrónoimo de Álvarez González Roberto e porque ese era o alcume do meu avó. Dende aquela, e a base de moito traballo, tanto a superficie como a cabana gandeira foron aumentando. Hoxe temos 100 cabezas de gando salers.
-Por qué optaches pola raza Salers para a túa explotación e non polas razas autóctonas galegas?
Como dixen foi por casualidade. Pero a día de hoxe tamén teño un rabaño de 140 cabezas de vaca Cachena. A raza Salers é unha das mellores vacas do mundo para alta montaña: é unha vaca moi mansa e rústica que da moi bos resultados en carne, tanto en cantidade como en calidade. É unha raza que deberíamos ter en conta para os nosos montes.

"En Galicia a gandeiría extensiva é a solución máis efectiva e máis económica para loitar contra os incendios"

-Elaboras hamburguesas con carne das túas reses e bautizáchelas co nome de Galeguesas. De onde xurdiu a idea? Cales son as súas características e que tal se están comercializando?
O meu irmán recomendoume que fixera hamburguesas porque hai uns anos empezáronse a poñer de moda nos restaurantes. Decidimos probar, e moimos a carne do noso vacún, mesturámola con pan relado, sal, ourego e perexil. Démoslle forma redonda e empezamos a introducila nos lotes de carne que vendíamos. Foi un éxito.
Unha vez feitas, un amigo alemán de Hamburgo, chamoulles “Galeguesas” e trunfaron. Elaborámolas na nosa carnicería que temos en Celanova e vendémolas tanto en fresco como envasadas ao baleiro, para consumir nos seguintes 3 ou 5 días. Tamén se poden conxelar e aguantan meses. Para preparalas non requiren desconxelación, senón que se poden poñer directamente na plancha ou na tixola.
O seu sabor e  o seu valor nutricional non son comparables ás hamburguesas das grandes industrias. As nosas están elaboradas cunha carne de altísima calidade, alimentada con produtos naturais e que vive ao aire libre.  E iso nótase.

-Onde podemos atopar os produtos da facenda O Agro?
As Galeguesas comercialízanse en diferentes tendas gourmet de Galicia e degústanse en restaurantes de Santiago, Vigo, Ourense, A Coruña, Madrid e Barcelona.
Ademais, pódense encargar na nosa páxina web www.facendaoagro.com
-Qué potencial lle ves á gandeiría extensiva en Galicia?
Véxolle todo o potencial porque temos todos os elementos necesarios: clima, tradición gandeira, base territorial e xente traballadora. O que nos falta é que todas estas pezas se combinen para aproveitar o enorme potencial que temos para producir carne de calidade.
-Galicia, e en concreto a provincia de Ourense, é pasto dos lumes cada verán. É a gandeira extensiva a mellor política de prevención de incendios forestais?
A gandeiría é unha ferramenta imprescindible para minimizar o risco de lume. É a máis efectiva e a única economicamente viable pois transforma o mato susceptible de ser queimado en proteína animal. E ademais, permite outro tipo de actividades ao seu redor como o sendeirismo, a produción de cogomelos, o mel, a caza, a reforestación con frondosas, as enerxías renovables...etc.
-Cales son os vosos proxectos e obxectivos para este ano?
Seguir coidando o producto e intentarmos medrar un pouco na comercialización. Despois de dez anos loitando, queremos aliviarnos tamén un pouco das débedas e queremos chegar a outros mercados tamén locais.
-Por último, que lle pedirías ás administracións públicas, e en concreto á Xunta, á hora de apoiar aos emprendedores que coma ti queren vivir da gandeiría en Galicia?
Pois pediríalles que fagan as leis cos pés na terra, coñecendo o traballo a pé de campo, e non só dende as oficinas. Neste sentido, paréceme imprescindible que se acometa en Galicia un ordenamento do territorio e poñer en valor a enorme base territorial que está abandonada.
Tamén me parece fundamental que se incentive que entre capital humano novo na agricultura e na gandeiría para poder levar adiante novos proxectos nun entorno rural que en Galicia está morrendo.
Publicado no Galicia Confidencial

segunda-feira, fevereiro 17, 2014

Nace o FICCVelo, o primeiro festival de cinema rural de Galicia

 
O 20 e 21 de xuño de 2014 Cartelle e Celanova (Ourense) van acoller a I Edición do Festival Internacional de Cine Carlos Velo, un espazo para a divulgación e exhibición de curtametraxes documentais e de ficción cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo. Mais este evento tamén vai ser un lugar de encontro para os profesionais do audiovisual en xeral e para o debate multidisciplinar e creativo sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural. 

Con esta iniciativa reivindicamos a figura e o legado do gran cineasta de Cartelle, Carlos Velo, e imos promover a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais e obras colectivas e creacións audiovisuais arredor do mundo rural e do seu futuro. Arraianos e Lareira Pop promoven e organizan este festival.

O Centro Educativo, Comunitario e Terapéutico A Chaira de Amoroce vai acoller o vindeiro sábado, 15 de marzo, ás 11 da mañá, a presentación oficial do primeiro festival de cinema rural de Galicia, o I FICCVelo. Mais xa podes inscribir a través da rede a túa curtametraxe documental ou de ficción para participar no I Festival Internacional de Cine Carlos Velo, que se vai celebrar en Cartelle e Celanova os días 20 e 21 de xuño, coincidindo co solsticio de verán. Un evento para os amantes do bo cine e para os que cremos que outro mundo rural é posible. Seguiremos informando.


sábado, fevereiro 08, 2014

CEF cruza a raia

O vindeiro sábado, 15 de febreiro, ás 16 h os compañeiros de Porta XIII de Vila Nova de Cerveira acollen a presentación do dobre DVD "102 testemuños de aniversario". Agardamos escoitarvos ouvear da outra beira da raia. Por se aínda non estades convencidos deixamos eiquí un pequeno petisco destas máis de dúas horas do mellor material audiovisual editado sobre Celso Emilio Ferreiro. Aínda menos mal que nos queda Portugal...

sábado, fevereiro 01, 2014

Xa está eiquí o material audiovisual definitivo sobre Celso Emilio Ferreiro: "102 testemuños de aniversario"


Dexámosvos eiquí un pequeno petisco, elaborado especialmente por Plácido Romero para este Caderno Arraiano, sobre o dobre DVD que acabamos de editar co mellor material audiovisual existente sobre Celso Emilio Ferreiro. Esta caixa inclúe as obras 102 testemuños de aniversario, 100% CEF, 50% CEF, o poeta da vida, o making off do documental, Homenaxe a CEF, de Baldomero Moreiras, e Noutrora, de Xudit Casas. 

Quen queira conseguir o seu exemplar, recén asinado polo propio CEF, pode buscalo nas mellores librarías de Galicia ou mesmo enviarnos unha mensaxe encripatada ao seguinte enderezo electrónico: arraianos@arraianos.com

quinta-feira, janeiro 30, 2014

Demo de rabo. Día de Pedra. By Pomba Branca and someone else

Vouvos deixar eiquí hoxe este texto que me solicitaron os irmaus anglogalaicos para escarnio da súa crew. Son lembranzas lonxanas dun tempo pasado que non sempre foi mellor. E para ilustrar este artigo extraordinario, non pola súa calidade senón por non usar o til en todo o texto, nada mellor que unha foto que non ten nada que ver co asunto que hoxe nos trae eiquí, mais si con outro dos proxectos cos que queremos celebrar este décimo aniversario de ARRAIANOS
Foto do libro Aquela Celanova. A emoción daquelas primeiras eleccións democráticas. Quen dera hoxe poder manter a emoción e a ilusión que esta xeración depositou na política...

O tipo aquel case que nin me mirou. “Noooon, si cando o demo non ten nada que fagueeer mata as moscas co raaabo”, dixo aquel petrucio chepudo sen erguer a vista do chan cando me dispuña comezar o meu primeiro ascenso a Pena Trevinca. Aquel vellote con acento oriental andaba a acomedar os porcos e quixo avisarme dun perigo mortal mais dun xeito sutil. Eu fixen que non escoitaba e teño que recoñecer que foi unha cagada boa porque case remato a miña historieta naquela subida invernal que mesmo chegou a ser infernal por momentos.

Unha inmensa praca de xeo baixo a neve fixo que andivera a escorregar coma unha cucaracha sobre un espello branco coas Trevincas ao fondo. Unha bimbarreira insondable turraba de min dende abaixo coa fodida dozura da vertixe que provocan a nada e os xistos de coitela. Un cumio branco e xeado, afiado coma una faca xitana de corte limpo, desafiaba calquera rastro de vida que puidera alviscar entre o medo dende o alto do ceo, coma unha anfetamina xigante de luz branca de charcuteiro. Non sei moi ben como nin por que carallo, mais o certo foi que demo quixo darme outra oportunidade.

Dende aquela aventura montañeira con final feliz trato de reservar o rabo do meu demo interior para actividades que non teñan nada que ver con iso de matar moscas que tan ben facedes por estes lares. E agora que o penso ben, revisando as entradas e as calvas deste blog anglogalaico, penso que aquela frase pronunciada polo sabio labrego de Prado resume ben o procobravismo ilustrado, vitalista, cervexeiro e futbolante que catacteriza ao fato de tolos que andades polas ribeiras desta nosa mar, onde conviven os deuses celtas co demo priscilianista que todos levamos na punta do nabo. E por iso cando o demo non atopa nada mellor que facer mata as moscas co rabo.

Pola vosa puta culpa galicialbiona andiven toda a noite polo faiado da casa dos vellos na procura da musa que se agochaba dentro do meu Spalding de rugby. A mesma pelota coirona que cruzou comigo a nosa mar no maleteiro do Seat 124, un coche coñecido na familia coma Pomba Branca e que tiña eu daquela. O moi atrevido mesmo chegou a escribir unhas memorias de ultratumba despois dun ano xogando o seu tipo latino por conducir pola outra beira da estrada cos tolos dos ingleses. E mira que estivemos con Chateaubriand e coa derradeira pita de monte de Anglesey, e choveu un mundo durante aquela viaxe de retorno ao principio do mundo, de Plymouth a Santander, con ondas de oito metros meneando o universo enteiro. E chove hoxe miudo nos prados galeses que percorro montado no google earth, dende onde vexo medrar a herba e os cogumelos e fago voo rasante sobre as agullas de Snowdonia onde se mataron os fodidos londoners por non facer caso dos sabios. E furo esta noite polas toxeiras da costa de granito de Pembrokshire e reviso os portos dos contrabandistas de Cornualles.

Onde cona van xa a miña pombiña branca, a xefa da ferralla, e a pelota dos domingos soleados de resaca que me dera o welsh thug vexetariano, o grande bimbas Watkins, canda unha camiseta dos all blacks cheirando a crica podre. E onde il vai xa a musa putona do noso barrio obreiro de Cardiff, e aquel waterfront oxidado que anos despois mercou un emigrante de Santa Comba, quen se fixo rico coa venda de viños a granel, para erguer o Millenium Stadium e a casa do fodido fodedor de mulleres e de ovellas, como lles din os ingleses, o gran Tom Jones de escrava, cruz e pelo en peito.

Xa non sei canto tempo hai que Dylan Thomas me deixou tirado no pub da aldea a cambio dunha manchea de berberecho podre e unha pinta de cervexa quente galesa?. E que ben fixo o marraxo. Mais foi demasiado tarde, galo, demasiado tarde... Xa non cantes que pasou a primavera e nin a cheiramos con aquelas cuncas de fungos disecados pola mesa adiante e o disimulo do meu escuro pasado como lateral dereito do Sporting de Celanova. E toda aquela montaxe para que me deixaran sentar arredor das do ganchillo das mesas camilla (ou debera dicir mesas padiola in enxebre style) desta incivilizada parroquia de canibalismo como Dior manda (con rotacirmo fashion).

Hai que dicir na miña defensa, se existise algunha defensa posible, que a amnesia foi aplicada a base de estadullazos sobre un pasado duro, violento, marxinal e perigoso. Penso que renunciei a facer memoria definitivamente cando voltei do meu retiro espiritual en Gales, xusto antes de deixar o opio e trasladarme a Madrid para coñecer ao futuro padriño do meu fillo, Luis Boullosa, que xa daquela estaba deixando de fumar e escribindo con moito xeito. Mais xa choveu tanto sobre os nosos mortos que a auga borrou ata a memoria das corridas de touros en Pontevedra. So escoito xa , moi de cando en vez, as voces ancestrais que turran de min coma o ouveo dun lobo dende o alto do Penagache.

Cando chove miudo nos Mociños, por baixo da Coriscada, na faldra do Leboreiro, no mesmo principio do mundo, lembro de onde son os antergos e recoñezo na intimidade do cemiterio que os mellores anos da miña vida xuvenil paseinos fuxindo de Compostela, de Celanova e de Cardiff. As tres ces que me deixaron eivado e me levaron a Swansea, Cardigan e Llareggub, onde cheguei sen saber moi ben que carallo andaba a procurar. Atopei a Dylan Thomas unha noite nun andel cunha folla medio abterta e xogando ao snoocker. Intimamos unha tarde gris nadando arredor da Boathouse do artista maldito, onde mataba de fame aos pequenos. Xa lle dixen eu que non se liara con Stravinsky pero non fixo caso. As anfetas e a noite neoiorquina fixeron o resto. E no derradeiro taxi da esmorga ficou esquecida aquela obra mestra titulada Baixo o Bosque de Leite, escrita para a BBC e que despois recuperamos porque o taxista era de Celanova, capital Newark, e adaptamos ao teatro aquel fermoso texto na sala Nasa de Compostela. Ata Vidal Bolaño veu presenciar aquel atentado feito para esquecer.

Cando podo deito no esquecemento aquel pastilleo de Bristol, o house e os viños malos e as nenas con cara de vella que pululaban por aquela cidade de triquinose e purgatorio victoriano, onde os contrabandistas sempre nos sentimos coma na casa, arrolados polo mar e pola raia invisible que cruzaba o seu porto pirata a altas horas da madrugada. Sempre aquela raia e outra irrepetible cruzando a circunferencia infinda da rosa dos ventos. Aquela raia seca e branca que marcaba os lindeiros do lateral dereito, arrepentido crebanoces da rexional preferente grupo sur do norte. A sempre lonxana raia da liña de gol trala que agardaba aquela moza a xogar coa cometa azul celeste en Castro Baroña, agardando a chegada da novena onda e unha pinadela de rabo de demo ipso facto. Porque na raia onde se xuntan a terra e o mar sempre acontecen cousas interesantes.

Son arraiano porque me peta e dame a gana, dende as raigames do tempo. Habito a mesma raia onde o demo xoga a matar moscas co rabo e onde o rabo do demo mosquea ao destino xogando coa vida e coa morte de xeito circular. Debeu ser aquela a derradeira raia que quixemos cruzar cando fundamos en Malasaña o mesmo destino daquela banda de rock chamada os Porcos Celtas, o desgrazado grupo terrorista que nunca deu ensaiado porque Shane MacGowan sempre deixaba os dentes na casa e porque Luis Boullosa non confiaba no ritmo tribal deste menda, que proviña do interior da terra, da gran cona santa de Pena de Numao. E cantos mortos aforramos grazas a iso...

Lembro que deixamos Vilanova dos Infantes a rolos. Ficamos derrotados definitivamente no Cristal e collimos monte arriba pola congostra que leva a Castromao, con corenta quilos de metralla ao lombo e unha botella de augardente de herbas. Vimos Celanova ao fondo dende aquel outeiro, coma unha raqueta de tenis, e deixamos a San Rosendo facendo o peixe grellado na Chaira de Amoroce mentres as vacas andaban a pacer tranquilas e os lobos fozaban polos carreiros dos contrabandistas na procura dos mellores poemas de Curros e Celso Emilio Ferreiro e algunhas pedras de chisqueiro coas que prender o derradeiro xaruto da noite.

Dende Penagache ao Castro Leboreiro fomos perseguidos pola terrible besta do Castelo das Poulas, onde fomos finalmente esmagados baixo as grandes gadoupas peludas e sepultados nas pedras inmensas das motas, os mesmos megalitos onde xa foran soterrados os nosos antepasados e os antergos da outra ribeira do mesmo mar. Son as mesmas penedas onde estivemos a comer enormes bocadillos de chourizo con pan de broa e onde a graxa e o pemento ficaron gravados coma unha pintura rupestre e unha marca do noso sangue porqueiro galaicoalbionante. E xogamos despois unha pachanga no mato entre as carqueixas e as torgeuiras, chegando xa de paso ao remate deste singular exercicio de onanismo inocuo do que debedes procurar aos reponsables entre as vosas bancadas.

Eu non sei escribir ben. Iso ficou claro dende sempre, mais seino facer sen utilizar nin un til en todo o texto. Heivos confesar que non foi unha licencia. Simplemente o feito de que este teclado andara tan mal coma min, desconfigurado, e non soubera onde carallo andaban os putos tiles. Desconfiado, agora ben podes comprobalo. Hai que ser valente. Os erros atopados poden canxearse por unha cervexa na vindeira viaxe dos bravos porcos celtas a terras dos nosos antepasados. Xa sabedes que cando o demo non atopa nada que facer, mata as moscas do rabo. Se non os houber, vou a gastos pagos, como quedou acordado en Ribadumia. Que demos e rabos habelo hainos. E de demos anglogalaicos imos sobrados, como se pode comprobar nesta poza sen fondo onde nos emborcamos de cando en vez co xabaril que todos levamos dentro, para fozar nos baixos da fochanca.

segunda-feira, janeiro 06, 2014

Arraianos inaugura o seu Centro Cultural, Educativo e Terapéutico A Chaira de Amoroce en Celanova

Antonio Crespo (AGADER), Moreiras e Álvarez (Arraianos) e Xosé Manuel Puga (GDR16)

Despois de dez anos de intensa actividade, o colectivo Arraianos comeza unha nova andaina coa posta en marcha dun ambicioso proxecto de desenvolvemento rural pioneiro en Galicia. Coincidindo co 102 aniversario de Celso Emilio Ferreiro, o pasado sábado 4 de xaneiro de 2014, inauguramos o Centro Cultural, Educativo e Terapéutico A Chaira de Amoroce. 

Na Voz de Galicia, Faro de Vigo e La Región recolleron este importante acontecemento e as palabras de Antonio Crespo, director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, cando definía este proxecto coma "un dos mellor valorados por Agader dos que se presentaron en toda Galicia, polo seu carácter innovador e comprometido cos colectivos máis desfavorecidos e co territorio e pola súa capacidade para xerar actividades de valorización do entorno e desenvolvemento rural en toda a zona, por iso acadou unha valoración tan alta", dixo o director de Agader durante a presentación, diante de autoridades, veciños, amigos e responsables de diferentes colectivos e do GDR 16

Os Arraianos comezamos así con forza este ano 2014, no que imos desenvolver unha intensa actividade ligada á celebración do noso décimo aniversario como colectivo. Coa inauguración do Centro Cultural, Educativo e Terapéutico A Chaira de Amoroce, espazo de encontro, de axuda aos máis necesitados e de intercambio de ideas, saberes e experiencias, empeza unha nova andaina aínda máis comprometida co territorio, coa nosa identidade, coas novas xeracións e cos colectivos máis desfavorecidos. 

Todos sodes benvidos ao noso principio do mundo e lembrade que contamos con todos vós para desenvolver o noso proxecto complementario de voluntariado social. Levamos xa 10 anos desfronteirizando mais, como podedes ver, seguimos a loitar por derrubar os límites, as barreiras e as fronteiras irracionais, xa sexan políticas, sociais ou simplemente mentais. Adiante Arraianos!!