domingo, abril 07, 2013

Arraianos gaña o Mestre Mateo de 2013 ao Mellor Documental por 100% CEF

Arraianos do mundo enteiro. É para nós un pracer comunicarvos que 100% CEF, o documental sobre Celso Emilio Ferreiro, producido, escrito e dirixido por Aser Álvarez, presidente do noso colectivo, foi o gañador do Premio Mestre Mateo de 2013 na categoría de Mellor Documental. Dende Arraianos, colectivo que promoveu e producíu este traballo audiovisual que foi o colofón do centenario do poeta celanovés, queremos reivindicar o discruso e a figura de CEF, cen anos despois do seu nacemento, e agradecer tamén o apoio dos académicos e académicas, a pesar dos extraordinarios traballos que este ano estaban nominados nesta categoría.

Queremos adicar este premio a CEF, á súa familia e fundación, biógrafos, e a todas as persoas, empresas e institucións que, con maior ou menor implicación, nos axudaron a facer un pandeiro de Celso Emilio Ferreiro, como a todos os membros do equipo, especialmente a Plácido Romero, Lois Codias,Raúl García, Olalla Moreiras, Xudit Casas e a TVG, Concello de Pontevedra e Concello de Vigo.

E moi especialmente, as nosas beizóns a Luís Tosar, Baldo Ramos, Xesús Alonso Montero, Baldomero Moreiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xose B. Reza, Xosé Neira Vilas, Ramón Nicolás, César Portela, Sabino Torres, Basilio Losada, Joaquín Marta Manuel Bragado, Francisco Leiro, Manuel Paz, Daniel Romero, Mini e Mero e aos Labregos no Tempo dos Sputniks, Nuno, Fred e Ferriman MCs.


Beizóns a todos polo voso apoio e a Celso Emilio pola súa forza, vixencia e autenticidade. Porque o lume que alampea endexamais o veredes morto...