segunda-feira, abril 21, 2014

Celso Emilio Ferreiro on the road no mes de maio

Testemuños, arte a poesía arredor de CEF


Venres, 2 de maio en Celanova ás 20.30. Casa dos Poetas.
Venres, 9 de maio en Pontevedra ás 19.30. Feira do Libro. 
Luns, 12 de maio en Santiago ás 11. Seminario Menor. 
Mércores, 14 de maio en Lugo ás 20 h. Maio de Lingua.
Venres, 16 de maio en Ourense ás 20.15. Centro Cultural da Deputación.
Mércores, 28 de maio ás 12.45 en Santiago. IES Pondal (Conxo).
Xoves, 29 de maio ás 19.30 en Madrid. Casa de Galicia en Madrid. 

Trala edición dun dobre deuvedé con abondoso material inédito sobre o poeta, que inclúe a aproximación contemporánea do cineasta Aser Álvarez á figura de Celso Emilio Ferreiro, e que se concretou na longametraxe documental 100 % CEF (Mestre Mateo ao Mellor Documental do ano pasado) xa está dispoñible nas librarías este traballo colectivo, baixo o título 102 testemuños de aniversario, onde se recollen as opinións dos seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, xunto cos testemuños doutros persoeiros como Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, César Portela, Daniel Salgado, Sabino Torres e Anxo Angueira. Tamén interveñen os fillos de Celso Emilio, Isabel e Luís, artistas como Francisco Leiro, Baldo Ramos, Manolo Paz e Baldomero Moreiras, e músicos como os Labregos do Tempo dos Sputniks, rapeiros ou gaiteiros. 

A edición, coordinada por Plácido Romero para Arraianos, inclúe tanto a versión reducida da obra, 50 % CEF, o poeta da vida -unha síntese cun claro obxectivo didáctico e que leva subtítulos en inglés-, como a ampliada, rescatando da mesa de edición «unha selección das opinións máis interesantes e valiosas, por achegaren enfoques novidosos e mesmo polémicos sobre Celso Emilio», segundo os seus responsables. O 102 do título vén condicionado pola súa publicación neste 2014, cando se fan 102 anos do nacemento do escritor. O propio Romero tamén é autor dunha achega a como se fixeron os documentais, un making of sobre estes traballos. A edición complétase con outros dous títulos que teñen un carácter máis artístico. Trátase de Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, unha curtametraxe sobre unha instalación de Baldomero Moreiras, creada para este traballo, así como Noutrora, unha videocreación que asina Xudit Casas. Arraianos, que dedicou máis de dez anos a investigar a vida e a obra de Celso Emilio, está a presentar os deuvedés en diferentes localidades de Galicia, España e Portugal. Seguiremos informando...