sábado, fevereiro 20, 2010

21 de Febreiro - DIA DA LINGUA MATERNA
A verdadeira identidade soñada e desexada,non é un fósil do pasado,
senón unha meta colectiva de futuro que debemos construír entre todos.

No ano 2001 a UNESCO identificou ao galego coma un idioma en perigo de desaparición no seu Atlas de línguas, activando todas as alarmas e inducindo a profundas reflexións sobre a saúde do idioma e as medidas a tomar para fortalecelo. O 19 de febreiro do 2009, o mesmo informe declara que o galego deixou de formar parte do grupo de risco, non porque a súa situación teña mellorado ostensiblemente, senón porque os criterios de avaliación foron modificados.

A raíz do cambio de goberno, o galego voltou a ser tema de actualidade por diante de problemas estructurais tais que o desemprego e conxunturais coma a crise económica, non porque a súa relevancia sexa meirande, senón porque de todas as promesas electorais que fixo, para o novo presidente da Xunta esta era a máis urxente: modificar a lei do ensino en Galicia reducindo a 1/3 as materias ensinadas en galego en prol do Inglés.

Na súa defensa do plurilingüismo como asegurador da riqueza e diversidade cultural, a organización das Nacións Unidas sinala que as ameazas máis importantes que levan a unha comunidade a abandonar a lingua nativa son as políticas gobernamentais que sistematicamente desalentan o emprego das linguas locais nas escolas, goberno local e medios de comunicación, e tamén os pais que alimentan ós seus fillos a aprender a lingua doutra cultura dominante, sobre todo como un medio para obter un traballo
[1]. Parece escrito a propósito. O galego é parte da cultura, da historia e do pobo, é patrimonio seu e ningún político, ningún partido sexa cal for a súa ideoloxía, ten dereito a usar o idioma galego con fins partidistas, e isto deberíamos telo en conta cando vaiamos votar.

O idioma galego, non é un fósil do pasado; abriuse ó entorno, evoluiu, adaptouse, medrou, adquiriu novas formas de expresión, aprendeu a serlle útil ás novas tecnoloxías, púxose ó servizo da sociedade á que pertence, e converteuse en sina de identidade dos seus membros. A cultura galega, goza dunha singularidade que lle outorga independencia e carácter no eido da ciencia, da literatura, da pintura, da música, dos medios audiovisuais, do ámbito político e empresarial. Cada unha das súas expresións é unha amalgama de historia, lingua, innovación, creatividade e iniciativa individual ou colectiva, pero en calquera caso, é un compendio de elementos indisociables e inevitables. Se prescindirmos dun distes elementos, os demais perden senso.

A diferencia doutras linguas minoritarias do continente, e para a súa sorte, o galego non é un idioma tradicionalmente xerárquico, senón que seguiu sempre e segue unha estratexia ascendente, bottom-up se queremos empregar vocabulario en voga, que lle asegurou a súa supervivencia. Para entendernos, é a estructura social a que sostén ó idioma galego, son os que o falan os que determinan, os que deciden, os que escollen. Escolleron non sucumbir á “doma del Reyno de Galicia”, escolleron non calar durante os Séculos Escuros e escolleron un ensino en Galego cando rematou o “nacionalismo” Franquista malia teren sido tratados de bárbaros, polo tanto, son eles mesmos os que sen dúbida decidirán sobre o seu futuro, independentemente de que o goberno de vez se crea con potestade para mudar o curso da historia con políticas lingüísticas de marcado contido electoralista.

O director xeral da UNESCO Koichiro Matsuura, nunha mensaxe con motivo do día internacional da Lingua Materna, afirmou o seguinte: "Das linguas que se falan no mundo, a máis importante para o desenrolo emocional e cognitivo temperán é aquela a través da cal aprendemos a nomear o noso universo persoal e por medio da cal comezamos a lograr un entendemento común cos nosos pais e coa comunidade en xeral, cos amigos e na escola. É a linguaxe da infancia, da experiencia íntima e familiar e das nosas primeiras relacións sociais”.

Se algo é certo, é que nós non aprendemos galego na escola, por desgracia, no meu tempo a EXB era integramente en castelán agás Lingua Galega, só faltaría. A nós ensináronnos galego na casa, foi a nosa xente a que se ocupou de darnos unha educación en galego suplindo a inconsistencia das políticas lingüísticas gobernamentais, igual que fixeron con eles, e xa ven que deu resultado. Polo tanto, é a nosa responsabilidade e o meu pracer ensinarlles galego ós meus fillos, porque quero que medren aproveitando o máximo de oportunidades, e isto implica darlles a oportunidade de herdar dos seus pais e avós todo o coñecemento que ten para transmitirlle, e darlles a oportunidade de acceder a unha cultura propia que está indiscutiblemente construída en galego.

Resumindo, diríalles que non se preocupen, ou mellor, preocúpense pero non máis do necesario, porque os gobernos pasan e poucos deles deixan pegadas significativas na historia, precisamente porque as súas accións se atrancan no curto prazo por non veren máis alá dos catro anos de lexislatura, polo tanto, son as nosas accións conxuntas como sociedade as que contan para enxergar un futuro sostible e de todos.
Ninguén dubida que somos un país cunha historia rica e milenaria, herdamos un legado único que nos foi doado polos nosos devanceiros e grazas a isto, existimos, temos un lugar na historia pasada e presente, sen embargo o ter un lugar no futuro depende de nós, e sería importante que o teñamos en conta porque é alí onde van vivir os nosos fillos e as xeracións que nos sucedan. Do que se trata pois é de ter visión de futuro e propoñer metas colectivas, erguer a testa e imaxinar onde nos agradaría que estivese Galicia dentro dun século e camiñar decididos nesa dirección, para legarlles ós nosos fillos unha terra fértil na cal medrar, e un ourizonte amplo no cal desenvolverse, sen esquecer que unha árbore sen raíces está sempre á mercé do vento.
[1]http://translate.google.es/translate?hl=es&langpair=en%7Ces&u=http://portal.unesco.org/en/ev.php-URL_ID%3D1864%26URL_DO%3DDO_TOPIC%26URL_SECTION%3D201.html

quinta-feira, fevereiro 18, 2010

Que pasa en Celanova?

SEÑOR XUIZ: en primeiro lugar, presentémonos. Somos un grupo de profesores do instituto de Celanova que, ante a posibilidade de perder a liberdade condicional e vixiada da que agora disfrutamos, queremos contar unha historia edificante: a dun probo cidadán calquera que, cunhas simples chamadiñas de teléfono, consegue movilizar á nosa anquilosada administración. Pero, antes, relatemos os
FEITOS:
Como case todo o mundo sabe, estamos no Entroido. Nada que engadir ao de sempre: festa, transgresión e conservadurismo (das tradicións, non do outro)
Como estamos no Entroido, o IES de Celanova colga dos seus elegantes balcóns dezaoitescos uns mecos. Ata, aquí, normal. Pero é que o IES de Celanova está ameazado de desaloxo para que o seu claustro sexa convertido nun superhotelazomonumentoquexaverás, e, vaia por deus, catro tolos non estamos de acordo.
E, daqueles polvos, estes lodos, coas seguintes CONSECUENCIAS:
Algúen, moi, pero que moi preocupado por ambos feitos, chama a os que considera Centros de Poder… ¡e consegue que lle fagan caso! ¡Para que logo digan que a Administración non é dilixente! ¡Suizos, alemáns e xaponeses, poñédevos a tremer que vos imos adiantar no ranking! Así que, en menos do que canta un galo, aparecen polo centro:
A Inspección Educativa, á que ese alguén fora capaz de mobilizar. Ai, “que delito cometí contra vosotros naciendo”… Colgar mecos, no Entroido. ARRE DEMOO…
A Policía Nacional, versión autonómica (¡Deus, isto sí que é serio!) veu para… ¿levar alguén preso? O que aínda non sabemos é a quen: aos profes que cosemos os mecos, ás pedras do mosteiro que os suxeitan ou o que sería moito máis barato aos propios mecos. ¡Que ben quedarían no Pereiro, un por cela, coas súas cabezas de plástico e os seus pelos de mocho de fregar!
Pero, ao que iamos: temos que felicitar ao honrado cidadán que se molestou en denunciar un feito tan terrible; temos que felicitar ás autoridades correspondentes pola súa rapidísima resposta e temos que felicitar aos propios mecos polo seu carácter de protagonistas indiscutibles dun titular de prensa. Tamén queremos animar a ese honrado denunciante a que continúe na súa loita como un superheroe calquera e denuncie todas as cousas terribles que, como esta, ocorren na nosa vila. ¡Fóra atentados contra o patrimonio! ¡Fóra a xente sen medo! ¡Fóra os que non opinan coma min! ¡Fóra os que pensan que vivimos en democracia!
Engadimos un poema de Manuel María moi acaído, pero, señor xuíz, teña en conta que, coma nas películas, calquera semellanza coa realidade é… pura coincidencia
BANDO
Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia pra voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de familia.

Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chorar tan só cando hai sequía
para que non fiquen baleiros os pantanos.

Un só se pode emocionar
os xoves e domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra da Lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros.

Dáse este bando en tal e cal
pra que se cumpra
da orde do Alcalde.
Firmado e rubricado.

terça-feira, fevereiro 16, 2010

Baldo Ramos presenta "Palabras para un baleiro"

Este xoves, 18 de febreiro, ás 8 da tarde, na Libraría Couceiro de Santiago. Este poemario recibiu o premio Fiz Vergara Vilariño do concello de Sarria. Parabéns ao noso amigo e poeta arraiano.

terça-feira, fevereiro 02, 2010

CADEA HUMANA NA DEFENSA DO INSTITUTO DE CELANOVA

Venres, 12 de febreiro de 2010
Hora: 12:00 - 12:30
Lugar: PRAZA MAIOR DE CELANOVA
O VENRES 12 DE FEBREIRO FAERASE UNHA CADEA HUMANA CO OBXETIVO DE RODEAR O MOSTEIRO DE CELANOVA, COMO ACTO REIVINDICATIVO DO USO PÚBLICO DESTE ESPAZO DE ONDE QUEREN DESALOXAR O IES PARA FACER UN HOTEL
PARTICIPA NA CADEA, POLA DEFENSA DO USO PÚBLICO DO MOSTEIRO DE CELANOVA