terça-feira, novembro 17, 2009

Na defensa do uso público do mosteiro de Celanova

Ademais das opinións que viñemos publicando nos últimos días, publicamos eiquí tamén algunhas informacións aparecidas nos medios de comunicación sobre o proxecto do goberno local (PP) para desaloxar o centro de ensino secundario do mosteiro para privatizalo e facer nese espazo un hotel monumento de luxo. O debate segue aberto. As opinións de todos e todas serán ben recibidas.

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/tregua/Celanova/elpepuespgal/20091207elpgal_9/Tes

http://www.laregion.es/noticia/110843/celanova/proyecto/traslado/instituto/monasterio/san/rosendo/salvador/

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/PP/apoya/construir/hotel/monasterio/Celanova/elpepuespgal/20091119elpgal_14/Tes

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2009/11/19/0003_8116609.htm

http://www.altermundo.org/content/view/2789/1/

http://agalegainfo.crtvg.es/videos/?orixe=2&texto=mosteiro+celanova

http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2009/11/12/0003_8100270.htm

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Revuelta/Celanova/privatizacion/monasterio/elpepuespgal/20091114elpgal_15/Tes

http://cadernoarraiano.blogspot.com

http://www.galiciaconfidencial.com/?p=3980

http://www.laregion.es/noticia/109472/celanova/instituro/otero/pedrayo/traslado/claustro/poleiro/pol%C3%A9mica/


e sinaturas na defensa do uso público do mosteiro de Celanova:

http://ensinomosteiro.blogspot.com

porque goberne quen goberne, o mosteiro de Celanova non se vende!!!

quarta-feira, novembro 11, 2009

Polo uso público do Mosteiro de Celanova

O Mosteiro de Celanova e a vila de Celanova sempre se fundiron nunha mesma idea. Porque a vila de Celanova non sería hoxe vila nin o noso lugar de nacemento, de residencia, ou da nosa actividade, senón existira, coa súa impoñente presencia, o mosteiro de san Rosendo.
E isto é así porque Celanova nace ao pé e arredor do noso querido e admirado convento.
O mosteiro benedictino, que fundou san Rosendo fai mil anos, foi sempre non só un lugar de oración e de meditación para os monxes, senón tamén un lugar de estudo e de dedicación ao saber e a cultura durante innumerables séculos, e a súa biblioteca ateigada de milleiros de volumes era unha das máis afamadas de España. Pero tamén prestaba innumerables servizos ás comunidades veciñais, como foron a execución de obras de regadío, o aproveitamento eficaz das terras de cultivo, a atencións aos enfermos, e o despacho público da botica, situado na rúa do mesmo nome, onde se dispensaban remedios eficaces contra toda sorte de doenzas.
Non obstante podemos dicir que a vila de Celanova, a Celanova de hoxe, nace ou se vai conformando tal e como a coñecemos a partir da desamortización eclesiástica de Mendizábal no ano 1836, cando o Estado se fai cos bens e propiedades das ordes relixiosas e as pon a puxa pública para a súa venda.
Ese mesmo ano de 1836 comeza tamén a organización democrática do poder municipal en España, e por esa razón xorde na historia o concello de Celanova e a súa Corporación Municipal. E estes aparecen xusto no momento máis oportuno, nun momento transcendente: Para defender a utilidade pública do vello convento benedictino, arrepiados de que puidera poñerse en veda, caer en mans privadas, e imposibilitar o seu aproveitamento para os servizos públicos, tan necesarios que precisa a comunidade de veciños.
Así, o concello de Celanova, facéndose eco do sentir do pobo, desenvolve unha intensa e frenética actividade fronte ao Xefe Político en Ourense e fronte ao Administrador Xeral de Bens Expropiados, defendendo dende a súa mesma aparición que o mosteiro debe pasar a mans do pobo, representado polo concello, para acoller os servizos básicos que precisa a incipiente comunidade.
E grazas a aquela presión o Estado, primeiro por Real Orde do 8 de febreiro de 1840, e logo por Orde de 19 de outubro de 1842, retira o edificio da puxa e cede ao concello de Celanova á súa propiedade para O USO PÚBLICO, entre outras para:
CASA DO CONCELLO / ESCOLA DE PRIMARIA PARA HOMES E OUTRA PARA MULLERES / REDIDENCIA DO MESTRE E DA MESTRA / CÁTEDRA DE LATINIDADE / CUARTEL DA MILICIA NACIONAL e CARCEL DO PARTIDO.
Ademais o Concello, moi acertadamente, decide que o médico, notario, rexistrador, xuíz, etc., que veñan destinados á vila poidan vivir dentro do mosteiro ata que non atopen vivenda particular axeitada.
E así, deste xeito, o Mosteiro seguirá ao longo de máis de cento cincuenta anos cumprindo a súa misión administrativa, cultural, educativa e de servizos básicos á vila de Celanova:
En 1869 instálanse as Escolas Pías dos Padres Escolapios que gozan de recoñecida fama no ámbito educativo, en 1931 serán substituídos polos Padres Agustinos e máis tarde polos Salesianos, sempre con esa misión docente como prioritaria. Ata que en 1975 o concello cede ao Ministerio de Educación parte do edificio para crear o Instituto de Celanova, que por sorte para todos segue aí e ben vivo. A creación deste instituto foi unha das máis grandes alegrías que levou o pobo de Celanova ao longo da súa historia.
Esta é a verdadeira historia de Celanova. E ese foi o destino que sempre quixo dar a comunidade veciñal, e as anteriores corporacións municipais, a tan emblemático e marabilloso edificio.
Por todo iso, por respecto á xente que nos precedeu, aos nosos antepasados, a historia desta vila de Celanova, e a aquelas corporacións e políticos que nunca escatimaron esforzos e sacrificios na DEFENSA DO USO PÚBLICO DO MOSTEIRO, dende a mesma aparición dos rexímenes liberais e democráticos, non podo máis que lamentar que se pretenda deturpar e escamotearlle ao pobo, aos vellos, ás nenas e rapaces da nosa comarca, a posibilidade de estudar e gozar neste tan senlleiro edificio, porque o contrario sería ir en contra dos intereses que sempre defenderon os nosos devanceiros, en contra dos fins irrenunciables polos que o estado cedeu ao Concello de Celanova este mosteiro fai cento setenta anos.

Xosé Benito Reza
6/11/09

segunda-feira, novembro 09, 2009

Carencias participativas nun abismo autosuicida

O ultimato municipal para imprimir a máxima celeridade á privatización do mosteiro de Celanova está a espertar un berro no corazón de toda a veciñanza que, malia ser inaudíbel e visceral no intre do seu xurdimento, vaise transformando velozmente cara un berro de autoconciencia veciñal, construtivo e reflexivo. Estas tímidas reaccións, desde atónitas e sentimentais ata combativas e pseudo-organizadas -como a Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova:
http://ensinomosteiro.blogspot.com/-, son todas elas lexítimas, patrimonial e democraticamente, para seren escoitadas e tidas en conta polo grupo de Goberno municipal. Un proxecto de tal envergadura, que mudará polos séculos dos séculos a paisaxe urbana e socio-cultural dunha vila que naceu e se desenvolveu paralelamente ao amparo da creación e vida do propio mosteiro, precisa ser avalado mediante o debate público e aberto; así como referendado mediante o voto por unha elevada maioría dos habitantes de Celanova. Unha decisión política de tal calado non se pode cociñar ás costas das celanovesas e celanoveses, sen permitir a súa participación nin escoitar as súas opinións.
Estes días, os medios de comunicación están a definir o sentir das celanovesas respecto a privatización do mosteiro como unha “división entre veciños”, mais á luz dos feitos, acho que se trata máis ben dunha “división entre veciños e dirixentes”. O histórico afastamento na xestión pública da vila entre veciñanza e institucións, ten como consecuencia directa este rexeitamento dos políticos á calquera opinión allea as súas irrevogábeis e pechadas formulacións previas, e moito menos, a calquera tipo de consulta social. As declaracións do propio alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, non deixan lugar a dúbidas: “A construción do hotel-mosteiro é irrenunciábel” (http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2007/06/29/5940329.shtml). Este autoritario atrincheiramento no seo do propio partido racha con calquera tentativa de encontro entre a veciñanza e alcaldía, a pesares de esnaquizar os compromisos previos que o alcalde manifestou nos medios de comunicación uns meses antes: “Pienso que la oposición al proyecto del hotel es una barbaridad, pero estoy dispuesto a hablar con cualquier vecino o plataforma vecinal y, aunque voy a defender un proyecto que considero el mejor para la mayoría de celanovenses, estoy abierto a cualquier alternativa”. (http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/01/18/3381044.shtml)
Ante esta cerrazón non é doado incidir na toma de decisións políticas, mais se as opinións veciñas non son escoitadas e se tentan apartar da vida pública, serán un xermolo para a posta en práctica de diferentes mecanismos para visibilizar al alternativas expostas e presionar aos axentes públicos.
As xentes de Celanova posuímos a lexitimación histórica, patrimonial e democrática para intervir neste proceso privatizador, revertelo, adaptalo ás nosas demandas ou, simplemente, botalo a baixo. A pesares da inconsistencia e da curta idade do sistema político español, ninguén pon e dúbida que a democracia é algo máis ca depositar unha papeleta nunha furna cada catro anos, é un proceso de intercambio entre axentes sociais e políticos, e mesmo no ámbito da política local o intercambio pode darse directamente entre individuos e xestores políticos. Cando o poder político se desenvolve as súas anchas con total ausencia de calquera tipo de control veciñal afiánzanse as lóxicas do enriquecemento persoal e aténdense os cantos de sirena especulativos e sa famosas comisións aportadas polas empresas adxudicatarias da devandita explotación. Unhas artimañas que se están a levar a cabo en boa parte dos municipios do territorio estatal e que, nesta Celanova nosa, non ía ser menos. Nembargante, as diferenzas entre agasallar o chan baldío e público dun concello ás empresas privadas e agasallalas co noso patrimonio material –e se cadra tamén inmaterial- máis senlleiro, son aínda notorias.
A historia pertence aos seus protagonistas, herdámola dos nosos pais e así temos o deber de lla dar en herdanza ás nosas crianzas. A vaga ultraliberal que está a azoutar os servizos sociais e recursos naturais a golpe de privatización está a chegar ata uns límites tan radicais como é a privatización do núcleo identitario dun pobo ou, o que é o mesmo, o autosuicidio como grupo social.
Iván Xil. Xornalista e ex alumno do IES Celanova

sábado, novembro 07, 2009

Manselle, 6 de novembro de 2009

Amigos e amigas de Celanova:

Non podo estar hoxe aí convosco. E ben que me doe, porque aproveito calquera motivo para volver a un lugar, a un mundo, a unha xente que amo.
Fun profesor nese Instituto, no Instituto máis fermoso do mundo. Aqueles dous anos deixaron unha pegada que irá comigo a onde eu for, que vivirá comigo mentres eu tamén viva. Pero esas son cousas subxectivas que non veñen seguramente ó caso.
O que vos quero decer é que non estou pero estou convosco. Estou convosco a prol da defensa do uso público do Mosteiro. Estou convosco na defensa da dignidade histórica do pobo de Celanova. Estou convosco contra a especulación, contras os que queren privatizar o que é de todos, contra os que venden un fume de futuro sepultando a nosa historia. Estou convosco porque un Instituto é infinitamente máis importante ca un hotel. Estou convosco porque o Ensino Público está moi ben nun edificio público situado no corazón da vila e que é un ben cultural da nación galega. Estou convosco porque si, porque creo con vós nun horizonte para Celanova que non sexa a venda da súa dignidade.
Acabo de olla-lo Meteogalicia e vexo o que para hoxe predín os semáforos meteorolóxicos. O vento frouxo do oeste baixará fresco da Casa da Neve ó Espolón e de Castromao á praza de Vilanova traguendo eses intervalos moi nubosos con chuvascos. Pingarán entón chorando as tellas da banda das Triguerizas, refachos escorrentarán os pardais do Campo da Feira e o Furriolo, lonxe, andará con branca touca. Pero en Celanova sempre hai acubillo, sempre hai onde pousar. Onde estades? Pois iso: contra o frío do negocio, a chuvia da especulación e mailo vento da desmemoria témo-la Instrucción, a dignidade e a cultura. Témo-lo Mosteiro. Defendámolo!
Unha aperta para todos e todas.
Anxo Angueira

sexta-feira, novembro 06, 2009

Lembranzas

Non vou escribir dos datos obxectivos polos que penso que o IES ten que quedar onde está, non, hoxe só quero falar das miñas lembranzas nese lugar.
Despois de máis de catorce anos aínda podo falar con claridade do primeiro día que entrei como alumna nese gran edificio que daquela se chamaba Instituto de Bacharelato Celso Emilio Ferreiro e que hoxe queren que se converta nun centro hoteleiro grazas a especulación do Concello da vila onde nacín e medrei pero na que, por desgraza, non podo vivir.
E así foi, como entrei nun mundo novo, de aulas cos teitos moi altos, escaleiras de pedra e unha biblioteca tan espectacular non só pola súa forma senón por algunha xoia que garda nos seus estantes.
O tempo foi pasando e alí topei con algúns bos profesores que me ensinaron moitas cousas pero sobre todo axudáronme a medrar como persoa, a amar a miña lingua, a miña historia e a miña vila.
Dentro destes muros, neses catro anos, estudei, rin, chorei, púxenme en folga pola calefacción, actuei en obras de teatro e nunha curtametraxe, fixen grandes amizades e fun descubrindo, pouco a pouco, o afortunada que era de estudar nesa marabilloso edificio.
Gústabame saír entre cambio e cambio de clase mirar por unha ventá ou ir ata as escaleiras de pedra. Non o facía sempre, pero si moitas veces. Tamén me encantaba meterme na biblioteca (ao entrar á esquerda, no fondo) onde hai unha ventá con dous asentiños de pedra e alí sentábame para ler ou estudar.
Pasados catro anos, ao acabar a facultade volvín para facer as prácticas do CAP e sentín a mesma sensación que o meu primeiro día de curso como alumna e tamén me parei nunha ventá un minuto e fun á biblioteca. Entón entendín, de repente, a importancia que ese conxunto de pedras tivo na miña experiencia, no que hoxe son. Agora non exerzo a docencia pero se algún día acabo nela espero ter a sorte de poder impartir as miñas clases nesas mesmas aulas.
Será que lembro isto (nestes últimos días moitas veces) porque, como di un sabio amigo meu, os grandes momentos da nosa vida —aínda que cando pasan non saibamos da súa importancia— quedan gravados nun recuncho do noso pensamento para sempre e aínda que non sexamos conscientes de que están aí, cando menos o esperas volven a ti como algo natural.
Supoño que moitos dirán que estas mesmas lembranzas tamén as podería ter en calquera edificio de calquera cidade pero eu dígolles que non, o IES non é só un edificio sen identidade e somos moitos os que alí pasamos algúns dos mellores momentos da nosa vida e ademais foi onde nos formamos e nos fixemos maiores. Educámonos nel moitas xeracións que non podemos permitir que se nos borre o noso pasado e o noso futuro polos intereses económicos duns poucos que non vai beneficiar en nada aos veciños.
Está claro que as miñas lembranzas non pesarán na decisión do concello, non terán importancia, pero se unimos todas, as de cada persoa que pasou por ese edificio si que terían forza.
Non podemos permitirllelo, espero que desta vez si loitemos contra os que nos queren roubar un anaquiño da nosa memoria que é o único que é realmente noso. Por iso gustaríame como veciña e ex-alumna que nos unamos toda a vila e os que dende fóra nos entenden e apoian cunha única voz para esixir que o Mosteiro siga sendo o que hoxe é, un edifico público de todos e cada un de nós.
Laura Montes García. Filóloga e ex alumna do IES de Celanova.

ONDE O MUNDO SE CHAMA DIGNIDADE

A dignidade dun pobo calíbrase pola capacidade que ten de deixar en herdanza un futuro sen hipotecas.
E o futuro dos pobos que non senten vergoña do seu pasado é o futuro que se crea dende a fidelidade á súa historia.
Ser fiel á nosa historia supón, primeiro, coñecela, e a seguir facer todo o posíbel por divulgala e conservala.
Teño para min que, nos tempos que corren, conservar xa non é a ideoloxía que inspira aos conservadores.
Agora os conservadores prefiren esquecer, cando non directamente ignorar.
Ignoran o seu patrimonio e esquecen dignificalo e enriquecelo. Hipotecan o futuro que non lles pertence, o futuro no que nunca creron, porque nunca demostraron ter unha visión madura e consistente de país. Gobernan para perpetuarse na ambición e pasan por alto –quizais por falta de cultura democrática, máis que por incompetencia– a maneira de paliar as necesidades daqueles que lles outorgaron un voto de confianza.
E isto, nun país coma Galicia, que custodia unha historia de resistencia e de constancia na súa identidade –nunca desenvolvida plenamente– é o preámbulo dun destino que as xeracións futuras –as que teñan que facer memoria desa herdanza común que chamamos patrimonio– non han saber asimilar, e do que han responsabilizar a todos aqueles que tivemos nas nosas mans o seu remedio.
Que Celanova é unha das vilas máis fermosas de Galicia sabémolo todos. E que é unha das vilas que menos desenvolveu as súas potencialidades culturais e turísticas resulta aínda máis evidente.
Eu, que vivo dende hai 21 anos nunha das cidades máis conscientes do seu patrimonio, como é Santiago de Compostela, que soubo acompasar os seus intereses económicos á súa circunstancia histórica, sempre dende o respecto e a posta en valor do seu inmenso capital turístico, relixioso e cultural, non deixo de sorprenderme con iniciativas como esta que hoxe nos une aquí coa finalidade de conter a hemorraxia de despropósitos que teño oído nos últimos tempos sobre a entelequia especulativa que o concello pretende arbitrar cun ben de interese público e patrimonial como é o mosteiro de Celanova.
Haberá algún inxenuo que pense que nunha cidade como Compostela o motor turístico e económico puido ser nalgún momento o Hostal dos Reis Católicos ou calquera outra empresa de hostalería situada na cidade?
Pregúntome como é posíbel pensar no futuro económico e turístico dunha vila como Celanova sen ter feito un estudo planificado, integral e contextualizador das súas necesidades e das posibilidades reais e contrastadas para a súa concreción.
Un proxecto coma este, que afecta non só a un pobo, senón a toda a comunidade galega, debería ser un proxecto público, consensuado e integrador. E de non se facer así, deberemos pensar que a iniciativa non é transparente nin beneficia os interesas xerais dos seus veciños.
É coherente que nunha vila como esta, onde non hai ningún tipo de oferta hostaleira, se conciba un proxecto tan afastado da súa realidade e das súas carencias? É razoábel que se pense en facer nun contexto sociolóxico no que o visitante que se move por intereses culturais ou relixiosos –que é o visitante que aquí se esperaría– reclama hoxe un tipo de hospedaxe que as axencias cualifican como “hotel pequeno e con encanto”, que é, por certo, o modelo hoteleiro que nos últimos anos ten éxito en destinos culturais como Santiago, Córdoba ou Toledo.
E por que, nunha vila tan necesitada de iniciativas creativas, de proxectos de futuro, de construír en definitiva, se propón destruír o que xa está feito: o noso instituto?
O instituto no que eu estudei non é só un centro de ensino que segue a xerar a maior riqueza á que un pobo pode aspirar (a formación e a cultura), senón que é un modelo de reconstrución que no seu día foi recoñecido co premio Europa Nostra.
E esa reconstrución, coherente coa historia deste edificio, é a nosa obriga respectala e conservala. E máis cando segue a dar o uso para o que foi concibida.
Quen non pasou por estas aulas ou carece da máis mínima sensibilidade para concordar coa indignación que inspira estas miñas palabras, dirá que esa mesma tarefa de formación podería facerse nun deses institutos de nova construción que uniformizan os espazos.
Pasar por estas aulas, por esta biblioteca, por estes corredores foi para min un dos maiores galanos que me ten feito a vida. É máis: estou convencido de que sen a fortuna que tiven de compartir cos meus compañeiros nestas dependencias centos de horas de estudo, de amizade, de descubertas durante catro inesquecíbeis anos da miña mocidade e formación, eu non tería aprendido o que é escribir dende a fidelidade a unha orixe e á estirpe de homes como Curros ou Celso Emilio.
Nesas aulas, nesa biblioteca, en tantos recunchos dese claustro escribín os meus primeiros poemas co convencemento de que o estaba a facer nun lugar privilexiado, no instituto máis fermoso que existe hoxe en Galicia –daquela aínda non era consciente disto– e nun dos poucos centros educativos de España –quizais comparábel só ao instituto Ramón Olleros Gregorio de Béjar, en Salamanca– que concilian dun xeito natural e exemplar a arquitectura co saber, a historia dun pobo coa esperanza de que os seus fillos sintan orgullo das súas raiceiras e constrúan un porvir que estea á altura do seu legado.
Cando no seu día o concello de Celanova xestionou intelixente e coherentemente a restauración da casa paterna de Curros e a converteu nun museo que divulga e promociona as traxectorias literarias dos autores que naceron nesta vila, todos os que sentimos Celanova coma un río que atravesa as nosas vidas, soubemos que se trataba dun traballo ben feito e imprescindíbel, porque se estaba sendo fiel a un patrimonio literario que pedía a súa conservación e dignificación.
Aceptaría algún veciño –por moitos ingresos que lle xerara a unha empresa privada a súa explotación– que ese edificio fora entregado en poxa pública para ubicar nel un hotel ou cousa semellante?
Pois como é posíbel concibir que o corazón polo que latexa toda a historia deste solar que San Rosendo chamou Villare e que se converteu cos anos neste impoñente conxunto monumental poida ser arrebatado a un pobo coa finalidade de poñelo en mans dunha empresa privada foránea que fará del un edificio sen memoria, sen a identidade coa que chegou a nós e non fomos quen de conservar?
Como estou convencido de que o pobo no que aprendín as cousas máis importantes desta vida non vai permitir que isto pase, e que vai estar á altura da súa xinea, comparto estas humildes palabras con vós, unhas palabras que respiran polas bocas das gárgolas que vixían, ameazantes, os pasos de todos aqueles que pretenden traizoar a súa memoria e o seu futuro.

Baldo Ramos, poeta e ex alumno do IES Celanova

O mosteiro de Celanova non se vende

Iniciamos con este texto un debate aberto sobre o uso público do mosteiro de Celanova e o proxecto do goberno local para desaloxalo e facer un hotel monumento. Agardamos as vosas opinións.
É comunmente aceptado que o patrimonio é o conxunto de bens tanxibles e intanxibles, que constitúen a herdanza dun grupo humano, unha sociedade ou un pobo e que reforzan emocionalmente o seu sentido de comunidade cunha identidade propia.
Tamén é sabido que para que haxa unha percepción desta idea por parte da comunidade é necesario que o patrimonio sexa posto en valor, isto é rescatalo da escura ignorancia sexa ésta material ou inmaterial, inocente ou interesada. Así pois para que un obxecto arqueolóxico, un monumento, unha obra de arte, etc., poida ser considerado como un ben patrimonial debe ser activado isto é, escollido e amosado ou utilizado publicamente de variadas maneiras.
A activación dos repertorios patrimoniais corresponde ós poderes públicos e así se ten feito ata actualidade no conxunto monacal de Celanova. Os usos sociais que se lle viñeron dando dende xa hai anos, sen lugar a dúbida redundaron en beneficio de toda a sociedade e en especial de toda a xente da vila e de arredores, sen distinción.
Pero de todos eles o que me pareceu o mais acertado e que garda unha especial vinculación co significado profundo do mosteiro foi o de adicar a zona claustral do Poleiro a Instituto de Ensino Medio. E non me refiro só a parte material, que por outra banda segue cumprindo a súa función con moita mais dignidade que moitos dos edificios modernos actuais dedicados a este fin. Senón, sobre todo, polo que significa de relación directa e continuadora cun antigo centro de cultura, historia
e arte que forma parte da mellor riqueza patrimonial de Galicia e de Celanova. E non se pode obviar este principio. O papel de uso para o ensino que, desde hai xa varios decenios, cumpre o IES de Celanova non só é un xeito insuperable de activación do ben patrimonial polo seu carácter de aproveitamento social e público, senón que é en sí mesmo xa un ben patrimonial, inseparable dos vellos muros do edificio, da biblioteca, do Poleiro, da Capela de S. Miguel, do coro gótico, da
fachada da igrexa, e de todo o demais. Porque só é así cando cumprirase de forma xusta a definición que fai a UNESCO cando ditamina que “o patrimonio é o legado que recibimos do pasado, o que vivimos no presente e o que transmitimos ás xeracións futuras”.
Non aceptalo así e frivolizar con argumentos supostamente economicistas xustificadores dunha privatización que posiblemente, e de forma non moi clara, beneficiaría só algúns é un xeito escandaloso de recoñecer o fracaso ou o escaso interese que as administracións manifestaron desde sempre por Celanova e a súa comarca.
Plácido Romero Bernardo,
Profesor de Historia do IES de Celanova desde 1988 a 2000

segunda-feira, novembro 02, 2009

O Xefe fal de católicos e católicos

Por XL Méndez Ferrín. O primeiro que aprende o inxenuo continental ao chegar a Oxford é a diferencia entre "católicos ingleses" (ou sexa anglicanos) e "católicos romanos" (os que obedecen ao Papa). Logo, ao recén chegado, se provén dun país de maioranza papista, chócalle moito a liturxia anglicana polo que ten de semellante a aquela á que está afeito desde a infancia. Sen entrarmos en disquisicións dogmáticas, o caso é que a Igrexa católica de Inglaterra (e todas as igrexas nacionais da súa constelación) é a cousa máis parecida que un poda imaxinarse á Igrexa Católica Apostólica Romana.Desde o século XIX, flúe una corrente de cregos e bispos anglicanos que se integran no catolicismo romano. O máis famoso foi o Cardeal Newman, de grande influencia no seu día. Na Grande Bretaña hai dous tipos de católicos romanos, moi diferentes entre si. O primeiro é o dos homes e mulleres de clase obreira que proceden de Irlanda e que soen ser seguidores do Celtic de Glasgow. O segundo, reducidísimo, intégrano os aristócratas e plutócratas (no R.U. esas cousas poden ir unidas) que, procedentes do anglicanismo, abrazaron eles ou os seus antepasados, o catolicismo romano. Os segundos poden parecer una elite soberbida e orgullosa da súa diferencia. Evelyn Waugh retratou moi ben este tipo curioso de parásitas sociais na novela Brideshead Rervisited. O propio Waugh, snob, era católico romano de novo troquel e apoiou, coma outros ingleses do xénero, a sublevación de Franco en xullo de 1936. Se a anglicana é a relixión da realeza e da clase alta, a relixión católica romana adoptada por anglicanos convértese nun signo de rara distinción.É certo que formal e aínda dogmaticamente os anglicanos parécense moito aos católicos romanos, pro non podemos ignorar os elementos protestantes que entran na composición da súa doctrina, disciplina e tradición. O máis notorio é o matrimonio, pois é ben sabido que os cregos poden casar e, aínda, as mulleres poden recibir o sacramento da orde, esquencendo estes anglicanos anovados que Deus escolleu encarnarse nun Xesús varón e non nunha femia humana e escolleu apóstolos masculinos. Ten importancia o feito de que o luteranismo levou os anglicanos a abolir as ordes relixiosas, así de frades coma de monxas. Finalmente, lembran vostedes os divertidísimos Canterbury Tales, de Chaucer, onde un conxunto de 29 peregrinos se poñen a contar estorias? Pois ben, o cisma anglicano, por influencia luterá, prohibiu terminantemente as peregrinaxes, por consideralas vá observancia, pouco acordes co espírito cristián e fonte de lucro ilícito para o clero.E ben, eu pregúntome se esta avalancha de cregos, bispos e pobo anglicano que está a punto de integrarse na denominación católica papista vai influir sobre o resto dos fieis desta até o punto de forzar o matrimonio dos cregos no rito romano, ou enfleblecer as comundiades de clero regular (e das monxas) e as perigrinacións e romarías, grandes coma a de Santiago, Roma e Xerusalén, ou pequeñas coma a do Corpiño, por un caso. Pero non penso eu que vaia haber demasiada conmoción co proceso de que estamos a falar. E confío en que a aversión que os anglicanos senten polas peregrinacións non vaia afectar seriamente ao chamado actualmente Xacobeo en canto negocio e en canto impostura.En todo caso parece que os usos e costumes eclesiásticos van mudar. Antes, só podíamos ver cregos (obedientes a Roma) casados en Oriente. Agora, ímolos ver tamén en Occidente. Será isto o primeiro anuncio de que a abolición do celibato sacerdotal obrigatorio está ás portas como signo dos tempos na Igrexa Católica Apostólica Romana? Non me preocupa en absoluto.