Hoxe, 17 de novembro, ás 12 horas, o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela acolle o acto de presentación dos V Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez, "O Vello dos Contos", coincidindo co 90 aniversario dos inicios da radio en Galicia, onde este personaxe foi unha figura esencial.
quinta-feira, novembro 17, 2022
V Premios de Podcast Xosé Mosquera "O vello dos contos". 90 anos de radio en Galicia
Hoxe, 17 de novembro, ás 12 horas, o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela acolle o acto de presentación dos V Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez, "O Vello dos Contos", coincidindo co 90 aniversario dos inicios da radio en Galicia, onde este personaxe foi unha figura esencial.
segunda-feira, janeiro 24, 2022
Xosé Velo. O libertador ibérico. No seu 50 cabodano
Cando se fan os cincuenta anos da morte de Xosé Velo (Celanova, 1916 - Sao Paulo, 1972) queremos dar conta neste Caderno Arraiano dunhas pezas audiovisuais que fixemos recentemente e que foron inspiradas pola historia de amor que dende hai anos nos une con este ser humano extraordinario.
Estas dúas pezas foron inspiradas durante a nosa recente viaxe a Brasil, onde puidemos coñecer ao seu fillo, Vítor Velo, e recuperar unha parte do arquivo persoal, adquirido pola Deputación de Pontevedra e que xa se pode consultar na web.
En primeiro lugar, queremos partillar co vós unha homenaxe en forma de recreación audiovisual dun fragmento dun discurso de Velo a bordo do Santa Maria / Santa Liberdade, pronunciado o 25 de xaneiro de 1961, mentres navegaban polas augas do Caribe, un acontecemento do que deu boa conta Margarita Ledo no seu documental sobre esta audaz acción do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación, inspirada e organizada fundamentalmente por Velo.
En segundo lugar, un pequeno avance do documental, titulado Xosé Velo. O libertador ibérico, que fixemos dende Arraianos Producións para a Deputación de Pontevedra, coa que tamén colaboramos na produción desta peza audiovisual, con fins pedagóxicos, que fixemos con Acude Rural arredor dun aspecto moi descoñecido da súa biografía, a participación de Velo na guerrilla antifranquista galega.
Este ano 2022, con motivo do 50 aniversario da súa morte, imos axudar no desenvolvemento dun completo programa de actividades para reivindicar o legado de Velo dende unha perspectiva contemporánea, contribuindo a divulgar a súa vida e obra, coa colaboración do Concello de Celanova, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia e tamén coa área de memoria histórica da Deputación de Pontevedra e coa Dirección General de Memoria Democrática.
E xa para rematar este post de homenaxe a Xosé Velo polo seu cincuenta cabodano, facémolo cun videopoema baseado nuns versos inéditos de Velo, recitados por Aser Álvarez González, con BSO de Moisés Quintas Suárez e con montaxe de Aldán Delgado Fernández para Arraianos Producións. E veleiquí unha entrevista que nos fixeron no Diario Cultural, onde lembramos e reivindicamos a Xosé Velo Mosquera.
segunda-feira, novembro 29, 2021
Carlos Valcárcel in memoriam, a propósito da expo A vida lenta...
Unha homenaxe do noso irmau Arraiano, Moisés Quintas Suárez, ao fotógrafo Carlos Valcárcel, cuxos fondos forman parte do proxecto expositivo A VIDA LENTA, que estes días se pode visitar no Café Moderno de Afundación, en Pontevedra. Beizóns ao mestre Valcárcel.
"Coñecín a Carlos Valcárcel hai 10 anos cando lle solicitei colaborar en “ Terra e Alma” coas súas fotografias, que tanto admiro. Sumamos ilusións e a pesar de moitas adversidades, foi entregándome cada unha das que eu lle solicitaba, sempre tratando de acadar o que para el era o resultado óptimo, sen importar o traballo e o esforzo que lle supuña. Ao tempo, tamén a Ed. Canela se interesou pola súa obra, publicando 197 fotografías do seu arquivo no libro, “Carlos Valcárcel. Fotografía etnográfica 1960–1980”. Carlos, a pesares da enfermidade e da dificultade para poder moverse, estivo e disfrutou nas presentacións dos seus libros e exposicións coa alegría e humildade que o caracterizaba.
Ultimamente, na correspondencia que mantiña con el, amosábame a satisfacción de que súa obra formara parte da exposición «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», comisariada por Aser Álvarez de Arraianos Producións, xunto a valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos como a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión ou os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Eu mandáballe con asiduidade fotos e recortes de prensa para mantelo informado e facelo partícipe, como si el estivese con nós en cada presentación. Sei que traballar nestas publicacións e proxectos expositivos arredor da súa obra deulle moitos folgos e ilusións para seguir loitando. Eu, síntome afortunado de telo coñecido e compartido parte destes últimos anos da súa vida, nos que ademais descubrín unha excelente persoa e un bo amigo.
Que descanses prezado Carlos..."
Un obituario de Moisés Quintas Suárez sobre Carlos Valcárcel.
III Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera "O Vello dos Contos"
ENTREGA DE PREMIOS DO III CERTAME ESCOLAR INTERNACIONAL DE PODCASTS XOSÉ MOSQUERA PÉREZ, “O VELLO DOS CONTOS”
Os premios do III Certame Escolar de Podcast Xosé Mosquera Pérez, O vello dos contos, entregáronse o venres 11 de Xullo no instituto Rosalía de Castro. Xa tes na web do certame todos os traballos finalistas e gañadores:
www.ovellodocontos.gal
GAÑADORES DOS III PREMIOS DE PODCAST
Categoría de primaria: Mestre Manuel García. “Vibrando con Xela”.
Categoría de secundaria: IES Fontexería: “Xela nas ondas”.
O xurado tamén decidiu por unanimidade outorgarlle un premio especial ao podcast titulado “Xela”, realizado polo alumnado do CEE Saladino Cortizo de Vigo.
domingo, abril 11, 2021
Ritmos naturais para unha vida lenta
sábado, janeiro 30, 2021
No cabodano de José Velo Mosquera
Hoxe, 30 de xaneiro de 2020, hai flores frescas no xacigo de José Velo Mosquera (Carlos Xunqueira de Ambía) no cemiterio de Getsemaní, en Sao Paulo, dende onde nos envía esta foto o seu fillo, Víctor Velo. Hoxe fanse 49 anos da morte deste galeguista histórico, infatigable activista antifranquista e celanovés universal, aínda que nalgunhas informacións biográficas se afirma erróneamente que morreu o día 31 de xaneiro de 1972. Até este punto descoñecemos, na súa propia terra, a historia, a vida e a obra deste ser humano extraordinario...
Nestes días fanse tamén os 60 anos da acción política con máis repercusión internacional na vida de José Velo, o auténtico ideólogo da Operación Compostela. O secuestro do transatlántico Santa María fixo tremer as ditaduras de Franco e Salazar. Entre o 21 de xaneiro e o 3 de febreiro de 1961, 24 comandos do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) secuestran este buque portugués para rebautizalo como Santa Liberdade e denunciar internacionalmente a existencia de dúas ditaduras fascistas en Europa.
Para reivindicar esta figura imprescindible, decidimos por en marcha un proxecto audiovisual que é unha proposta pedagóxica para a posta en valor e divulgación da vida e obra de José Velo Mosquera, un notábel político e escritor nacido en Celanova en 1916, mais lamentablemente moi pouco coñecido e escasamente recoñecido, a través dun documental que nos fala do contexto da loita antifranquista en Vigo, onde Velo pasou unha parte moi importante da súa vida e onde naceu o seu único fillo vivo, Víctor Velo.
En 1959 fundou o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu, xunto co galego Soutomaior e o portugués Galvão, o secuestro do trasatlántico Santa María, acción que pretendía denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. O goberno brasileiro acolleu aos secuestradores como refuxiados políticos, e Velo e o seu fillo Vítor, que tamén participara no secuestro, establecéronse en São Paulo. Nesta cidade fundou unha libraría e logo a editorial Nós, que publicou unha traducción de Rosalía de Castro ao portugués.
Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocidades Galeguistas, José Velo chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935. Despois da guerra, fuxindo dos falanxistas paramilitares de Celanova, trasladouse a Vigo, onde o detiveron pola súa actividade antifranquista. En Vigo tivo unha academia privada de ensino e axudou a moita xente a exiliarse e apoiou decididamente a loita armada contra o franquismo. En 1948 fuxiu a Portugal e foi detido pola PIDE, aínda que grazas á mediación do Unitarian Service e ao apoio do goberno de Rómulo Gallegos, puido trasladarse a Venezuela. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e, como delegado desta institución, participou activamente no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires. Morreu en São Paulo o 30 de xaneiro de 1972.
Agardamos que este documental sexa unha ferramenta útil para divulgar a vida e obra deste persoeiro. Un primeiro paso nunha xeira que non fixo máis que comezar. Tamén vos deixamos eiquí unha pequena peza audiovisual que fixemos para conmemorar esta acción política internacional ideada por Velo Mosquera, cuxo arquivo persoal está a ser inventariado e dixitalizado polo Arquivo da Deputación de Pontevedra, a quen lle agradecemos a súa sensibilidade e receptividade para valorar este material e poñelo a disposición da cidadanía.
Título: XOSÉ VELO EN VIGO
Ligazón: https://vimeo.com/ 488837752/8b9d739663
Xénero: Documental
Público Potencial: Para todos os públicos.
Promotor: Asociación Galega de Cultura e Desenvolvemento Rural
Produción: Arraianos Producións
Duración da Peza: 16 min.
Equipo Técnico:
Dirección e guión: Aser Álvarez
Axudante de Dirección: Nadia Sniba
Imaxe e Son: Alberto de la Torre, Plácido Romero, Nadia Sniba, Marta Balo e Aser Álvarez
Edición e Montaxe: Nadia Sniba e Aldán Delgado.
Animación: Aldán Delgado.
Música Orixinal: Miguel Abalo (Voz), Sindo Otero Badás (Guitarra), Xośe Velo (Letra)
Saúde
domingo, dezembro 13, 2020
Acto de entrega de premios do II Certame de Podcast Xosé Mosquera Pérez "O Vello dos Contos"
quarta-feira, novembro 25, 2020
II Premios de Podcast "O Vello dos Contos"
O pasado 19 de Novembro do 2020, ás 12:00 h, reuniuse de forma virtual o xurado do II Certame Escolar de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Arraianos Producións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio do colectivo Ponte nas Ondas, o Museo do Pobo Galego, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a Radio Galega, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.
Logo de valorar os traballos finalistas, acordou por unanimidade conceder os seguintes premios, consonte as bases do concurso:
Categoría de Primaria
Primeiro Premio
Sinécdoque, un podcast do CEIP Raíña Fabiola de Santiago de Compostela. Tendes aquí o enlace para escoitalo.
Premio Especial 25 Aniversario de Ponte nas Ondas
Ánimo, xente, un podcast do CEIP Canosa-Rus de Coristanco.
Accésit
Na verea da igualdade, un podcast do CEIP Baamonde de Begonte.
Categoría de secundaria
Primeiro Premio
O vello dos contos, un podcast do IES de Foz.
Premio especial 25 Aniversario Ponte nas Ondas
Morriña, un podcast do IES Manuel García Barros da Estrada.