domingo, agosto 11, 2019

Arraiano Maior da Raia Seca de 2019


E xa van dez... Se o sentido da vida é cruzar fronteiras, o certo é que a nosa vida está chea de sentido, pois xa levamos cruzado unhas cantas... A de Entrimo acolleu a terceira edición dos 'Encontros Arraianos do Cinema Rural', uns encontros multidisciplinares que fusionan cinema, literatura, etnografía, música e humor no Principio do Mundo da Raia Seca. 




Organizado por Arraianos Producións e o Concello de Entrimo, neste evento foi nomeado 'Arraiano Maior da Raia Seca' o músico e escritor Xurxo Souto e as asociacións Galega e Portuguesa de Tracción Animal, que recibiron unha mención especial polo seu traballo desfronteirizante. Unha pequena achega a estes colectivos, neste documental, de Plácido Romero e Aser Álvarez, "Fronteiras de enerxia animal"



O programa destes III Encontros Arraianos de Cine Rural arrincou o mércores, ás 10,00 horas, co 'Roteiro arraiano de Concertinas', organizado pola Central Folque, un inesquecibel paseo musical e arraiano de Olelas ata O Ribeiro de Abaixo, con Sindo de Olelas na lembranza, un tocador de concertina ao que lle adicaron un libro dvd, Xurxo Souto e Pedro Pascual, con fotos de Eutropio Rodríguez. 


  

Xa o xoves, ás 18,30 horas, houbo un paseo en burro pola Alameda da Terrachán de Entrimo e o acto de nomeamento de Xurxo Souto como 'arraiano maior da Raia Seca de 2019', un acto que xa chega así á súa décima edición.


A continuación, ao redor das 19,30 horas, houbo a mesa redonda 'Arredor de Nós, con talento propio', apadriñada por Manuel Mandianes, no salón de actos do Concello e a presentación do número III da revista cultural 'O Picaraño'.

Pola noite, todos os presentes puideron escoitar os 'Contos de contrabando', de Quico Cadaval, ás 22,00 horas na Alameda da Terrachán e, como final da noite, ás 23,00 horas, sesión de cinema rural, con proxeccións de traballos feitos por Arraianos Producións e documentais chegados de contrabando dende Portugal.




Unha vez máis, unha demostración de que todo o interesante sempre acontece na fronteira. Beizóns a todos os que quixestes acompañarnos ao longo destes dez anos de Arraianos Maiores. Beizóns a Xosé Luís Méndez Ferrín, Bento da Cruz, Paula Godinho, Xosé Benito Reza e Isaac Alonso Estraviz, entre outros tantos desfronteirizadores e arraianos entre arraianos...