sábado, janeiro 30, 2021

No cabodano de José Velo Mosquera


Hoxe, 30 de xaneiro de 2020, hai flores frescas no xacigo de José Velo Mosquera (Carlos Xunqueira de Ambía) no cemiterio de Getsemaní, en Sao Paulo, dende onde nos envía esta foto o seu fillo, Víctor Velo. Hoxe fanse 49 anos da morte deste galeguista histórico, infatigable activista antifranquista e celanovés universal, aínda que nalgunhas informacións biográficas se afirma erróneamente que morreu o día 31 de xaneiro de 1972. Até este punto descoñecemos, na súa propia terra, a historia, a vida e a obra deste ser humano extraordinario...


Nestes días fanse tamén os 60 anos da acción política con máis repercusión internacional na vida de José Velo, o auténtico ideólogo da Operación Compostela. O secuestro do transatlántico Santa María fixo tremer as ditaduras de Franco e Salazar. Entre o 21 de xaneiro e o 3 de febreiro de 1961, 24 comandos do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) secuestran este buque portugués para rebautizalo como Santa Liberdade e denunciar internacionalmente a existencia de dúas ditaduras fascistas en Europa.


Para reivindicar esta figura imprescindible, decidimos por en marcha un proxecto audiovisual que é unha proposta pedagóxica para a posta en valor e divulgación da vida e obra de José Velo Mosquera, un notábel político e escritor nacido en Celanova en 1916, mais lamentablemente moi pouco coñecido e escasamente recoñecido, a través dun documental que nos fala do contexto da loita antifranquista en Vigo, onde Velo pasou unha parte moi importante da súa vida e onde naceu o seu único fillo vivo, Víctor Velo.


En 1959 fundou o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) cun grupo de exiliados españois e portugueses. A principios de 1961 dirixiu, xunto co galego Soutomaior e o portugués Galvão, o secuestro do trasatlántico Santa María, acción que pretendía denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. O goberno brasileiro acolleu aos secuestradores como refuxiados políticos, e Velo e o seu fillo Vítor, que tamén participara no secuestro, establecéronse en São Paulo. Nesta cidade fundou unha libraría e logo a editorial Nós, que publicou unha traducción de Rosalía de Castro ao portugués. 

Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocidades Galeguistas, José Velo chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935. Despois da guerra, fuxindo dos falanxistas paramilitares de Celanova, trasladouse a Vigo, onde o detiveron pola súa actividade antifranquista. En Vigo tivo unha academia privada de ensino e axudou a moita xente a exiliarse e apoiou decididamente a loita armada contra o franquismo. En 1948 fuxiu a Portugal e foi detido pola PIDE, aínda que grazas á mediación do Unitarian Service e ao apoio do goberno de Rómulo Gallegos, puido trasladarse a Venezuela. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e, como delegado desta institución, participou activamente no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires. Morreu en São Paulo o 30 de xaneiro de 1972.

Agardamos que este documental sexa unha ferramenta útil para divulgar a vida e obra deste persoeiro. Un primeiro paso nunha xeira que non fixo máis que comezar. Tamén vos deixamos eiquí unha pequena peza audiovisual que fixemos para conmemorar esta acción política internacional ideada por Velo Mosquera, cuxo arquivo persoal está a ser inventariado e dixitalizado polo Arquivo da Deputación de Pontevedra, a quen lle agradecemos a súa sensibilidade e receptividade para valorar este material e poñelo a disposición da cidadanía. 



Título: XOSÉ VELO EN VIGO

Ligazón: https://vimeo.com/488837752/8b9d739663
Xénero: Documental
Público Potencial: Para todos os públicos.
Promotor: Asociación Galega de Cultura e Desenvolvemento Rural

Produción: Arraianos Producións 

Duración da Peza: 16 min.

Equipo Técnico:
Dirección e guión: Aser Álvarez
Axudante de Dirección: Nadia Sniba
Imaxe e Son: Alberto de la Torre, Plácido Romero, Nadia Sniba, Marta Balo e Aser Álvarez
Edición e Montaxe: Nadia Sniba e Aldán Delgado.
Animación: Aldán Delgado.
Música Orixinal: Miguel Abalo (Voz), Sindo Otero Badás (Guitarra), Xośe Velo (Letra)

Saúde