segunda-feira, fevereiro 25, 2008

Fóra do Sagrado en Ourense II


Chegan os lobos arraianos a Ourense... este mércores, 27 de febreiro, ás 8 da noite, poderédelos escoitar e ver, se hai sorte, na entrada do campus de Ourense, auuuuuuuu!.... e chegan da man do lobo de Manselle Anxo Angueira, recén chegado da Habana, e do seu poemario épico, esencia do Berbés vigués e lagarteiro e de todos os seus Vigos, Fóra do Sagrado empeza o espectáculo... E veñen de volta os tres luparios coa banda sonora do Leo i Arremecághona e os rechouchíos trasterrados do Aser Arraiano... Os irmaus de Dios póñenlle o marco e o fondo artístico sobrecolledor a este espectáculo multiorgásmico que ningún universitario, fumador de xarutos nin bo bebedor de augardentes e licandorios debera perderse. Auuuuuuuuuuuuuuuuuuu! Xa nos ouveamos...

O xefe fala da rota de Breogán

X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Comentabamos eiquí na pasada sesta feira a presenza estelar de Galicia na Feira Internacional do Libro desa Habana da que tantas ideas e iniciativas boas para Galicia teñen saído, xeralmente do desagrado da parte cavernaria do País. Debémoslle, pois, agradecemento hoxe ao goberno cubano cuxas autoridades culturais designaron o noso como País especialmente invitado. Nun País que ten algúns habitantes empeñados en non querer ser País que haxe un País que o considere País non deixa de constituir unha boa inxección de auto-estima, que é o contrario do auto-odio na terminoloxía psico-social contemporánea. Tamén os que consideran que Galicia é Nación deben de lle agradecer moito á Xunta, e especialmente á Consellería de Cultura, que ela soubese estar á altura das circunstancias e lles representase a multitude de xentes chegadas á Habana desde todo o mundo que Galicia, existe realmente.
A visibilidade de Galicia no panorama internacional cobrou nitidez a outra semana en Vigo, ou sexa sobre as ondas do mar de Vigo. O buque da súa Maxestade Británica Lancaster viaxou de pé feito ou sexa ex professo para que na súa cuberta tomase posesión a nova Cónsul do Reino Unido en Galicia. En presenza do comandante (catro galóns e coca) do barco, a embaixadora británica en Madrid, Denise Holt, fixo un belo discurso que en parte reproduciu a prensa. Falou da presenza, de súbditos (así se chaman a eles mesmos) británicos en Galicia e da etapa de relacións británico-galegas que se vai abrir coa nova orientación do consulado, con sede en Vigo. "Galicia e o Reino Unido comparten cultura atlántica e pasado celta", parece que concluiu a embaixadora, que demostrou saber de nós e das navegacións contadas no lebor Gabála e das relacións de Fisterra a Fisterra das que falara Paulos Orosio e que figuran secretas no interior do noso Himno. Lucy Watson, a cónsul recén nomeada, dixo coñecer Galicia ben e prometeu chegar a coñecela aínda mellor. Moitas grazas e beizóns a estas dúas señoras por recoñecer en a nosa existencia e agradecidos tamén ficamos ao Amirantado que ordenou a viaxe dunha súa fragata para que o acto de institución do Consulado británico en Galicia ostentase a relevancia formal máis alta. Naturalmente, a Madrid nunca podería ser enviado un navío de guerra. Con todo, este cronista non esquence que, na outra banda do noso mar, Irlanda do Norte continúa ocupada.
Galicia está a dar pasos firmes e seguros no camiño que rematará con recoñecemento mundial da súa realidade social, pasaxística, histórica, cultural e linguística. Lonxe quedan os tempos nos que os turistas marítimos corrían en Vigo a mercar recordos en forma de bailarinas andaluzas, touros e toureiros e chapeos mexicanos.

domingo, fevereiro 17, 2008

sexta-feira, fevereiro 15, 2008

O Xefe fala da rede Galiza non se vende

Por X.L. Méndez Ferrín
Houbo un tempo, xa moi recuado, no que o chamado "ecoloxismo" foi en Galicia un eco, ás veces mimético, das grandes liñas internacionais da corrente "verde". Daquela falábase moito do estrés que podían sufrir as troitas cos motores do catamarán do Sil, do problema das pillas, da promoción do reciclado do papel e da defensa das baleas. Hoxe, os asuntos que atinxen á conservación da natureza céntranse máis certeiramente nas necesidades do país e unha vivencia real da biodiversidade converte en tan importante a preservación dunha especie de insecto ou dun microorganismo como a protección dos grandes, vistosos e cinematográficos cetáceos. E sobre todo, o novo conservacionismo galego dase a man coa análise da predación económica do nos o país por parte do que só pode ser chamado capitalismo colonial e resulta un movemento amplo e plural moi ben arraizado nas localidades e ao mesmo tempo comprensivo de toda Galicia como realidade diferenciada.Non podemos esquencer que en 1964 xa a esquerda nacionalista (UPG) escomezara as súas accións directas e propagandísticas contra o sistema franquista combinando unha defensa da Terra e da auga do Miño coa denuncia do capital colonial e do capital monopolista de Estado no conflicto de Castrelo de Miño. Fagan memoria histórica.Constituido o movemento Galiza non se vende, a lista dos obxectivos e puntos de denuncia é varia e céntrase no corazón magoado da nosa realidade natural e social: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plan acuícola devastador, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, plan eólico contra-natura, destrucción e privatización da Tarra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías (Ruina Montium actualizada), industrias nocivas (Reganosa, Ence, etc.), sistema de transportes primitivo e insostíbel, especulación xeneralizada, extinción programada da agricultura, pobreza de espazos naturais protexidos e abandono dos que hai, desprotección do patrimonio arqueolóxico, especialmente do prehistórico.Estes e outras formas de malestar van sair a rúa na manifestación de Galiza non se vende do domingo 17 de febreiro. Coma nos grandes acontecementos patrios, desde o 25 de Xullo de 1968, a cita é á mediodía na Alameda de Santiago de Compostela, porque os sitios teñen memoria. Compre fixarse nisto: unha boa parte das críticas teñen como receptora a actual Xunta de Galicia, e estamos dentro dun acidulado clima electoral. Ao mesmo tempo, esta non vai ser unha manifestación en favor da bugallalismo e do franquismo de Rajoy Brey e do PP recuante e salaz. Todo o cal proxectará sobre os manifestantes de Galiza non se vende un feixe de luz rara. Eu espero que todo, os presentes e os ausentes, se decaten de que a protagonista da manifestación será non a "sociedade civil", nin a "cidadanía", senón algo tan distante desta palabra ou verba choca como é o Pobo Galego. Que o hai e está dotado de conciencia, anque a algúns lles doa na ialma.

domingo, fevereiro 10, 2008

Pegada no barrio de Bouzas (Vigo)

Sen comentarios... Bueno, si, só unha mensaxe moi clara para todos os políticos:
Goberne quen goberne, Galicia non se vende!!

domingo, fevereiro 03, 2008

Arraianos e o entroido de Ourense


Unha aposta arriscada a nosa e cunha competencia moi dura: O entroido arraiano... Mais case cen persoas asistiron á presentación de Arraianos VII (A vida nas aldeas) no Liceo de Ourense, un acto multimedia onde tamén puidemos visionar por o documental de Rafael Cid, Queda alguén aí?, sobre o despoboamento do interior de Galicia.
Finalizou a xornada cunha estimulante mesa redonda sobre o futuro do medio rural galego, que marca un fito na creación de espazos de encontro e de debate para xerar un gran pacto social que poida frear a desfeita e o esmorecemento do mundo das aldeas.
Na foto, de dereita a esquerda, Xosé Rodríguez, delegado de Medio Rural en Ourense, Henrique Alvarellos, editor de Arraianos, Aser Álvarez, director de Arraianos, Rafael Cid, director do documental, Francisco Sineiro, profesor de Economía Agraria na USC e Roberto Castro, voceiro parlamentar popular para asuntos de Medio Rural.