quinta-feira, julho 24, 2008

Elixio en Compostela


A viúva, fillos e netos do Elixio Rodríguez Domínguez, enviamos os nosos parabéns aos
irmáns nacionalistas polo día da Patria Galega. Acompañámolos dende México co
corazón.

quarta-feira, julho 23, 2008

Dia 15 de Agosto de 2008, no lugar da vila de Castro Laboreiro, Hotel Castrum Vilae
10:30 NEP dos Montes Laboreiro
Abertura: Música de concertina e notas sobre o trabalho do NEPML
Realizador Aki Kaurismaki
Documentário video: "Notícias de Portugal"
Pequeno video gravado no lugar de Bico e transmitido em primeira-mão no programa Euronews.
Realizador Victor Coyote
Documentário video: "Só Concertinas" A concertina e alguns dos seus melhores interpretes no Alto Minho e no Olelas.
Paula Dacosta e Manuel António *
(Alua e Pólen)
Viver e Pintar em Castro Laboreiro
12:30
Debate / Encerramento
Exposição de pintura

Dia 16 de Agosto de 2008,
21:30
NEPML - Abertura
Fotos antigas, videos e música
NEPML / José Alfredo Cerdeira*
Lançamento do livro: "O Buraco da Serpe".
Romance ficcionado baseado numa lenda, com o enredo a desenrolar-se em locais de Castro Laboreiro e da Gavieira.
Angel Rodriguez Gallardo
A PIDE contra os Crastejos
Américo Rodrigues / José Domingues
Apresentação do Projecto: "Casa dos Refugiados"
NEPML / António "Bernardo"*
Lançamento do livro: "Ecos dos Montes Laboreiro".
Textos mistos, de ficção e realidade sobre modos de vida de tempos idos.
Manuel Rivero Perez
A Construção/Utilização de Poças de Aire na Montanha
José Domingues / Américo Rodrigues
Trajes de Montanha; Lenços de Pedidos (Namorados) em Castro Laboreiro
24:30
Debate / Encerramento

segunda-feira, julho 14, 2008

O xefe dille adeus a La vanguardia

Se eu fose profesor dunha escola ou facultade de xornalismo inculcaríalle aos alumnos a idea de que non se debe escribir nos periódicos sobre os periódicos. Tal especie de metaxornalismo só lles interesa aos profisionais, e penso que non demasiado. Todos temos un periódico e un periodismo moi definido na cabeza pro vémonos na obriga de escribir e de traballar nos periódicos que son propiedade de outros. Como todo periodista anda sempre á procura do xornal ideal, compra moitos periódicos e en cantas linguas como pode ler. Isto sábeno moi ben os donos dos quioscos de prensa. Con todo hai xornalistas cuxa curiosidade polo que escriben e publican os outros xornalistas exténdese aos xornais portugueses, franceses, ingleses, alemáns, segundo as posibilidades lingüísticas de cada un e abundan os xornalistas cuxa atención prioritaria é a prensa escrita de Madrid. Estes últimos son os xornalistas galegos que se sinten desterrados no Noroeste e que padecen unha sorte de saudade permanente da Corte. Nembargantes, existe un grupo, para min moi definido, de xornalistas galegos moi atentos a Cataluña e lectores habituais de La Vanguardia, como antes a miña xeración e a anterior o eran do inesquencíbel semanario Destino. Como tamén se dá a categoría de lectores non xornalistas de condición pro-catalá, pois as distribuidoras colocaban un lote de Vanguardias en todos os quioscos de Galicia que se vendían ao cen por cen. Segundo me di Raquel a de Sequeiros (o meu quiosco de Vigo), as distribuidoras deixaron de ofrecer La Vanguardia en toda Galicia e hai un grupo de clientes que se queixa. Queixárase xa diso José Manuel Ponte, pluma fina e lúcida que non soe queixar sen que poderosas razóns éticas o movan. Eu non son dos de La Vanguardia a diario, mais noto a súa falla só de saber que ela xa non estará nunca alí para eu ir a ela cando a necesite. É certo que hai internet, pero un xornal no ecrán da computadora non é o mesmo que un xornal en papel de periódico. La Vanguardia é o xornal que acolleu xeneroso Blanco Amor cando La Región, da súa amada Auria, lle diu coas portas nos fuciños, e tamén o medio que, lonxe das gadoupas de Fraga Iribarne, se abriu á campaña de Suso de Toro a propósito do Prestige e contra a barbarie do PP. Mesmo, o do Conde de Godó semella un xornal estranxeiro pesia a estar escrita integramente en castelán. Eu procuraba La Vanguardia cando ventaba un boicot totalitario de EFE, por exempo, secundado polos medios histéricos ou prepotentes de Madrid. Procurei La Vanguardia para me informar da verdade sobre o caso de Francoforte (feira do libro) e procureina para seguir o ascenso do independentismo escocés deica a victoria electoral. Deica pouco La Vanguardia informará moi ben do concontro internacional de embarcacións tradicionais de Brest, e suliñará sempre a presenza alí de Galicia como nación invitada especialmente, cousa que fará rabear a Corte e os exiliados da Corte que en Galicia ruminan os ácidos da galegofobia.
Os socios de Galicia Bilingüe, por exemplo, seguro que non notarán a ausencia de La Vanguardia nos quioscos pola razón de que ela, escrita en castelán, xamais combateu a recuperación do idioma catalán. Estou seguro de que alguén en algures tén moito interese en que La Vanguardia non circule en Galicia.

sexta-feira, julho 11, 2008

Á espera de Ramón Piñeiro

Por X.L. Méndez Ferrín. Logo de deixar claro para sempre o feito de que a editorial Galaxia non o foi todo na difusión da cultura galega nos anos cincuenta grazas a que o Día das Letras focou a figura de X.M. Álvarez Blázquez, a Academa Galega acordou que a próxima celebración terá como punto de interese, a vida e obra de Ramón Piñeiro. A partir de agora, os investigadores dos ramos, interesados pola personalidade de Ramón Piñeiro poñeránse a traballar duramente e a revista os preconceitos e as certezas que xiran arredor da persoa celebrada. Velaí a capacidade mobilizadora da autoridade da Academia: ela pon os deberes cada ano e moitas persoas (críticos, historiadores, profesores, editores, activistas culturais, xornalistas) reflexionan e difunden a figurar marcada con lapis vermello. Durante todo un ano se falase e se escribira se sobre Ramón Piñeiro, como se fixo sobre os autores anteriormente designados. Milleiros de persoas ouvirán falar del por primeira vez e outros expertos no tema, acharán novas interpretacións. Case ninguén con curiosidade sobre a historia contemporánea de Galicia vai sair do próximo ano da Letras Galegas coa idea sobre Ramón Piñeiro que tén neste momento, poden estar seguros. Quén foi Ramón Piñeiro? -Pregúntaranse algúns. E obterán respostas. O traballo ao que están chamados os estudosos e os interesados en xeral non é dos doados. A obra de Ramón Piñeiro é moi pequena e redúcese ao xénero esaístico. Haberá que ler de novo ese corpus e explicalo á luz do tempo en que vivimos. O Piñeiro que aspiraba a unha imposibel metafísica especificamente galegoportuguesa a partir da vivencia da soedade ontolóxica que el chamaba Saudade terá que ser analisado e divulgado para que os alumnos -digamos- o coloquen dentro da historia da filosofía tal como lla aprenden no Instituto. A Facultade de Filosofía e as revistas de pensamento poñamos A Trabe, terán que estar moi activas o ano que vén. E as Facultades de Filoloxía tamén, pois a teoría da linguaxe e a crítica literaria foron tocadas de xeito ben polémico por Piñeiro. Pro Ramón Piñeiro foi un escritor ao dez por cento e un activista político ao noventa por cento, máis ou menos. Se alguén non está dacordo comigo terá unha boa ocasión para explicarse perante o público adecuado. E a historia do galeguismo desde o final da guerra civil até o intre da Reforma política e da autonomía outorgada a Galicia poderá estudarse debidamente tendo como punto de partida as actividades clandestinas e legais de Ramón Piñeiro. Clamamos, xa moitos, porque a memoria histórica se exerza tamén sobre a Resistencia ao franquismo en todas as súas formas e sobre a repressión sobre ela. A figura de Ramón Piñeiro está implicada nesa Resistencia e padeceu esa represión e compre saber (primeiro) en que consistiu a pecularidade de Piñeiro como axente efectivo galeguista contra o franquismo. Logo, a figura de Piñeiro servirá de referencia para falar de outros e de outras: de todos os que, de Alexandro Bóveda a Moncho Reboiras, se enfrentaron á monstruosidade histórica con honor. Penso que a Academia certou, como certa sempre, ao nomear a Ramón Piñeiro como personaxe central do próximo Días das Letras Galegas.

quinta-feira, julho 10, 2008

No cabodano do coronel arraiano


Foise con el un dos bos e xenerosos. Era un deses homes que levan na fronte unha estrela e no bico un cantar. Nado en 1910, Elixio Rodríguez Domínguez deixounos hai agora un ano. Esta é a imaxe do seu velorio en México, unha foto que nos enviaron os seus fillos, Paio Fiz, Denís, Iago Xes, Elixio Gael e Alda Olaia, o mesmo día en que o ían soterrar.
Uns meses máis tarde, no día do seu aniversario, rendémoslle ao aviador arraiano unha merecida e multitudinaria homenaxe en Lobios e Celanova. E agora xa por fin o seu libro de memorias, Matádeo Mañá, que levaba anos esgotado, volve estar nos andeis das librarías. Queremos mandarlle dende eiquí unha agarimosa aperta á toda a súa familia e moi especialmente á súa dona, Gloria, a quen lle mandamos un bico enorme dende a distancia para lle lembrar que o seu home segue e seguirá a ser sempre un referente para todos nós.

sexta-feira, julho 04, 2008

O cronopio en Celanova

Acabouse o silencio. Seica xa vai sendo hora de voltar ao triciclo xigante e de andar a rolos por entre as mámoas que se erguen nos Montes do Leboreiro, dende Cachiquimbra até a Peneda, dende Penagache até o Couto do Corno Dourado. Palabras e máis palabras... Só no monte son libre, e aínda sen unha perna. O certo é que sigo sen atopar nada humano que pague a pena e que me anime a baixar a Celanova para tomar uns tróspidos de licandorio de verán. Nótase que levo uns días a dieta de filosofía zen e que estou preparando unha orixinal peregrinación a Santiago e algunhas cousas máis das que aínda non podo contar ren. Mañá igual vou comer cos cans e bailar coa pianola da casa da collona. E é que a política sempre me turrou moito. Pero tranquilos, que seguiremos informando.

O Xefe homenaxea a Maite

Escribe Maite Gómez Tapia así: "O vindeiro sábado (por mañá) terá lugar no espigón do Parrote, na Coruña, a inauguración dunha imaxe adicada á Virxe do Carme que lle custa ao concello 15 millóns das antigas pesetas. Para instalar esta imaxe retirarase unha escultura adicada á expedición do médico Francisco Javier Balmis, que en 1803 partiu da Coruña coa finalidade de erradicar o virus da viruela (ou vixigas) en América. Por outro lado, o concello de Oleiros vén de inaugurar unha estatua adicada ao mítico guerrilleiro Ernesto Che Guevara... Nunha sociedade que debemos construir desde a democracia, a igualdade, a xustiza e o laicismo é totalmente disparatado que mentres o PP promove manifestacións contra un ser humano que loitou pola xustiza social, o PSOE levante cos cartos de todos unha representación relixiosa nunha zona pública, priorizando a relixión sobre a ciencia". O escrito esta asinado en Meicende-Arteixo.
Por as liñas transcriptas eu concederíalle a Maite Gómez Tapia o Premio Nacional de Xornalismo, se o houbese en Galicia. O "Fernández-Latorre" non penso que vaia ser para ela. En todo caso eu fago miñas tales palabras, ás cales simplesmente lles engadirei un escolio.
Debemos afastar de nós a impostura de que a da Virxe do Carme sexa unha devoción antiga e aceite pola Galicia mariñeira e que, consecuentemente, resulte democrático apoiar desde as institucións públicas o seu culto. O laicismo nega a totalidade, e a ciencia histórica clama á falacia. "Nosa Señora da Barca,/ dádeno-lo vento en popa/ que somo-los de Cariño,/ traguemo-la vela rota". A da Barca si non a do Carme, que é un deserto dos interiores do Líbano. Por suposto: "Santo Cristo de Fisterra,/ santo da barba dourada,/ axúdanos a pasare/ o cabo de Touriñana".
Na realidade, a da Virxe do Carmen, a do Monte (non Mar) Carmelo, era unha devoción particular da raíña María Cristina, rexente, mamá de Alfonso XIII. Tal Virxe sacaba as ánimas do Purgatorio mediante un cabo que lles tiraba en forma de escapulario. Escapulario que os frades carmelitas comercializaban e cuxa imposición aseguraba que, ao cumpriren os fieis a práctica de frecuentar a comuñón os primeiros venres de cada mes, eles irían o Ceo sen pasar nin polo fume do Purgatorio (promesa a Margarita María Alacoque). Logo a rexente dona María Cristina inspirou a Real Orde segundo a cal a Virxe do Carme se instituía en patroa da Mariña de Guerra Española, e ségue a selo oficialmente na España nacional católica na que vivimos. Da Mariña de Guerra, non dos mariñeiros.
Mañá a Coruña de Juan Canalejo, de Molina de Brandao/ Vázquez, de Millán Astray, en suma, a Coruña que bate hoxe todos os records en Galicia de permanencia da nomenclatura pública franquista, vai superarse a ela mesma e subsistuir o monumento a un episodio científico e humanitario e por un monumento a esa Virxe do Carme que, ao pouco tempo, o bisneto de María Cristina celebrará a tambor batido na Escola Naval de Marín a seguir da misa de campaña. O bispo ultraísta Del Río acaba de ser nomeado Vicario Xeneral Castrense (categoría arcebispal) con gran acumulado de tenente xeneral e cun soldo que gravitaría sobre min e sobre todo os posíbeis lectores. Ou como proferira o Celso: "Santo Cristo de Fisterra,/ santo da barba dourada,/ axúdanos a pasare/ a negra noite de España".