quarta-feira, agosto 24, 2016

Discurso Arraiano Maior 2016


Fotos máxicas de Rodomiro Teixeira, fotógrafo Arraiano... 

Os Arraianos toman o campamento romano máis grande da Gallaecia... Coelernos e Querquernos loitan xuntos e xa non hai volta atrás... A sorte está botada, ou algo así... 

O Xefe Arraiano, o Mago Ferrín, abre as columnas que cruzan o Leteo, escorrentando a algún que outro Bruto. Isaac Alonso Estraviz, Arraiano Maior saínte, dille de tanguer ben aos romanos chungos, ao Arraiano Maior entrante, e dalle paso coa Aguillada Arraiana ao Xosé Benito Reza... quo vadis e dixit algo así como...


Gracias a Asociación Arraianos de Aser Álvarez e Quique Moreiras por este agasallado que me dan, e grazas a Ferrín polas súas verbas entrañables e xenerosas e polo cariño que me dispensou durante tantos anos.
Gracias a toda a xente do Bosque Máxico e de tantas asociacións como hoxe están a agromar, felizmente e como se fora un milagre, no colo deste val.
Gracias a Antonio Rodríguez Colmenero, pai de todas as cousas que nos rodean neste campamento romano de Aquis querquennis.
Gracias a todas as persoas, amigos e amigas que están hoxe con nós, especialmente a xente que veu de lonxe.
Vádesme desculpar pero, cavilando que quizais sexa esta a única ocasión que teña, quixera dar conta dalgúns agradecementos, porque moitas cousas que a min se atribúen non foron máis que o resultado dun gran traballo colectivo; da xente do parque natural da Baixa Limia – Serra do Xurés e sobre todo da xente dos pobos que creron en nós. Eu só son un enxeñeiro funcionario da Xunta de Galicia que intentou facer o seu traballo o mellor que puido, iso si, con honradez, sacrificio e unha enorme ilusión.

ENTRE ELES:
Antonio Ferreira, exalcalde de Lobios, que se puxo ao noso dispor para todo canto precisáramos, porque nos acompañou e nos deu ánimos nos tempos duros primeiros, e nos deixou a sala de plenos do concello para facer as primeiras xuntanzas cando non tiñamos sitio onde facelas.
A meu bo amigo Manuel González do Bar Lisboa de Lobios Unha persoa entrañable cuxa perda repentina deixou un fondo baleiro no meu corazón. Tanta estima e cariño que lle tiña.
Un día chamoume a Celanova para me dicir que queimaran as bandeiras do parque. Pero díxomo como el dicía as cousas, con esa serenidade e seguridade que ten a xente de ben que te quere e aprecia: “Vostede non se preocupe. Xa estiven alí, e non pasa nada. Non lle dea importancia. Siga traballando e poña outras bandeiras”. E foi o que fixen.
A Hermindo Ferreira de Riocaldo que era (e segue sendo), algo así como o cerne daquelas montañas, como a sabia daquelas árbores ou a escuma das fechas que choutan de pedra en pedra dende aquelas alturas impresionantes.
Hermindo estaba tan preocupado con todos os animais que por primeira vez campaban por las ladeiras da Serra de Santa Eufemia, que eu ata penso que non debía durmir cavilando en toda a riqueza que agora tiña que coidar. Un día díxome ansioso: “Pola noite, arredor do peche dos cervos, hai un cantar de lobos que mete medo”. E eu imaxinábame a Hermindo camiñando de noite cunha lanterna na man, rodeado de lobos pola espesura da Corga da Canda, escrutando a escuridade dende o lugar “Onde Morreu o Martiño”, repasando o peche por se había algún buraco por onde pasar as feras.
A José Otero, a persoa que viña comigo, sempre pendente de min. Como esquecer aqueles días escuros, coa xente rebotada mirándote de esguello, cun alcalde berrando e erguendo a aguillada por riba dun carro mentres ti intentabas poñer algo de cordura na veciñanza. E alí estaba el, o José, o Otero, como unha especie de garda pretoriano, ollando firme e severo, sempre cunha palabra de ánimo, e esa risa explosiva e sincera cando recordabamos aqueles malos momentos, que lle saía directamente do corazón.
A Sindo García, de Prado, que me levou por vez primeira no seu Land-Rover a Sagueiros hai corenta anos, camiño daquela descuberta.
Que ledicia cando me comunicou José Luís Veiga de Patrimonio que a aldeíña e todos os montes nunha superficie de 660 hectáreas xa eran da Xunta de Galicia. Naquel intre case choro lembrando os tempos de mociño de había vinte anos atrás
Recordo como se fora hoxe aquel luns 24 de novembro de 1997, un día chuviñoso e morriñento aos mil metros de altitude de Salgueiros. Abriuse a porta traseira do camión e aló se meteu o José, o Otero, para soltar as primeiras 16 cabras montesas que pisaban a Raia dende había máis dun século: 8 femias, 4 machos e 4 crías.
Só tres anos máis tarde, na primavera do 2001, os portugueses anunciaban con gran gozo e satisfacción que a cabras cruzaran a “raia”, e que nas ladeiras fragosas do Cabril o biólogo do Gerês Armando Loureiro avistara tres parellas ateigado de fonda emoción.
Hoxe as cabras cóntase por centos, espalladas en distancias quilométricas ao longo de toda a cordal a un e outro lado da fronteira.
Gracias a todos os técnicos que pasaron polo parque e ao persoal de campo.

Gracias a Perfecto Paz Montero, Fernando, Milo e Manolo Oliveira  de Manín, a Rosa de Olelas,  Celso Paz de Araúxo, Modesto de Queguas, Nido Barroso da Illa; José Paz de Lobios, Benito Pereira de Lantemil, José Araújo de Requiás, Manuel Lamela e o seu irmán, meu querido e admirado amigo, alma destas serras José Lamela Bautista, e tantos e tantos outros como Lino Perdiz, Perfecto García e o seu irmán Manuel, que foron membros da Xunta Rectora do parque.



E tamén un recordo para os meus amigo portugueses do Gerés, sobre todo para Tito Costa, que tivo que abandonar a área protexida o 6 de xullo de 1996 por defender o seu Lima, deixando en min unha fonda sensación de orfandade e ausencia. Tivemos que sufrir por algo que hoxe todos asumen: no ano 2009 o goberno da Xunta prohibiu a instalación de novas centrais hidroeléctricas nos ríos galegos pola sobreexplotación á que estaban sometidos, e agora, coa aprobación do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, esa prohibición adquire carta de natureza. Así remata esta historia.
Tal era o respecto e o cariño que nos profesábamos que o ano seguinte de ser eu cesado no cargo de xefe do servizo e cando estaba a piques de selo como director do parque, Tito escribiu unha carta de queixa nada menos que a Fraga Iribarne e ao presidente da República portuguesa Jorge Sampaio, onde, entre outras cousas dicía: “Acabeime de me aperceber que o Engº Benito Reza –un inteletual, sensivel aos problemas ambientais e ás fragilidades de vivéncia das pessoas e tecnico dotado de grande sentido prático e empenhamento-, poderá vir deixar os cargos que ven ocupando. Constituindo este Engº o elo da cadeia que poderá ainda induzir a vivência entretanto perdida, de que as populaçoes tanto beneficiaram, nào me contive em dirigir-me a V. Exas, no sentido de trasmitir esta situaçao, tendo por base todo o acompanhamento e apoio por V. Exas, entretanto facultados a estas Areas Protegidas, inseridas em regiâo de interior, de montanha, deprimida, e nunca antes objecto de tanta atençao. Faço-o tambén na perpectiva de que vale a pena as pessoas materem-se mobilizadas e lutarem
(O cidadao Tito Costa)”.
O remate da carta evidencia a valía e coraxe deste home único, que hoxe, por mor dunha enfermidade, quizais xa non saiba nin quen foi nin o que fixo na súa vida.
Levamos moito traballo... pero, para que? Pedimos e esiximos que se trate estes territorios e as súas xentes con respecto e dignidade, que se atendan as súas necesidades, que se defendan e aproveiten con racionalidade e intelixencia os seus valores naturais e culturais.

As institucións levan investido nos últimos anos millóns de euros na promoción e posta en valor de lugares como a Ribeira Sacra, as Illas Cíes ou a Praia das Catedrais, ben está, pero... que pasa con nós, co Val do Limia? Nós xa somos todo o que poden ser eses outros territorios grazas ao traballo que se fixo e á implicación e xenerosidade da xente que vive eiquí: Reserva da Biosfera da UNESCO, o parque internacional máis grande da Unión Europea, Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Protección de Aves da Rede Natura 2000.... ¿Como se pode deixar podrecer a única aldea propiedade da Xunta logo do que custou comprala e recuperala?



Pedimos respecto, investimentos e discriminación positiva, porque, entre outras cousas, hai moita vida e moita natureza polo medio destes montes e corgas que seguen as liñas de fallas e as diaclasas do granito, paisaxes onde quedaron integradas as pegadas dos devanceiros, das aldeas, da arquitectura tradicional e a etnografía que estudio Xocas; dos camiños, pontes, levadas e outras obras da enxeñería dos antigos; dos montes estivadas inzados de mámoas no val da morte do Salas ou nas chairas elevadas do Leboreiro que estudou Eguileta; da mansión, o campamento e o paso dos romanos pola Portela do Home, con máis miliarios que en ningunha outra parte do Imperio a dicir de Colmenero; co suevo ou visigótico de San Trocado, o campión Odoario e o monxe Odoyno, o barroco cargado e revirado de Entrimo, as ermidas caladiñas que observan o paso do Limia na curupela dos outeiros; vilas, prazas fortes e niños de aguia enfrontados a Lindoso; polos lombeiros do Leboreiro ata a penechaira infinda onde remata e suspira o mundo un exabrupto de humidades; pola montaña de pura pedra chamada Anamán, refuxio de bandoleiros e morada de deuses primitivos; polo Quinxo de Alberte Adán, as cachenas e as paredes arrepiantes que esfragan no abismo sobre Portugal; pola mole xigante da Santa Eufemia onde cantaron os carros dos carboeiros e corren ceibes os últimos garraos; polas agullas do Xurés, esgarradas das montañas primixenias polo xeo dos glaciares e un millón de anos de chuvias e temporais; por Salgueiros e o Camiño dos Mortos ata a última morada; pola Serra do Pisco e da Pena entre medias de Pitós; polo Camiño Privilexiado dos Mixtos, os camiños do contrabando, da mente prodixiosa de Méndez Ferrín e Bento da Cruz; tantas e tantas valiñas escorregando dende as alturas, por corgas abrigosas estoupando en cachoeiras de prata e aldeas suspendidas en socalcos como en Gustomeau; tantas e tantas cousas que non acabariamos xamais…, pero si temos que rematar este acto.
 Moitas grazas a todos.
SAÚDE E TERRA, IRMAUS ARRAIANOS!!!

XB Reza / 20 agosto 2016

domingo, agosto 14, 2016

Unha viaxe polo Principio do Mundo de Xosé Benito Reza, Arraiano Maior de 2016


ACTA DE NOMEAMENTO DO ARRAIANO MAIOR DE 2016


Esta é a historia dun pescantín que aprendeu co seu pai, o Pepe Reza, a cazar e pescar. Aquel mociño daquela aínda non podía imaxinar o desastre que ía acontecer nos ríos nos que pescaba, mesmo no seu berce de pescador, moi perto do seu Principio do Mundo, onde pasados os anos ía promover a creación do maior parque natural de Galicia, precisamente no lugar onde "Deus deixou toda a pedra que lle sobrou trala construcción do mundo", como lle comentaba o seu vello...



O pescantín foise convertendo tamén nun camiñante, nun soñador ben curioso, que gostaba de subir aos máis altos cumes dun país rico, fermoso e cheo de posibilidades, chamado Galicia... E comezou xa daquela a cruzar fronteiras, as grandes fronteiras do leste e do oeste...


Nacido nun lugar onde o mundo se chamaba Celanova, aquel enxeñeiro e escritor foi coñecendo a algunha xente importante que lle ensinou a camiñar polos míticos vieiros dos Arraianos e polos subeiros segredos do contrabando... por uns camiños e carreiros que xa nunca máis abandonaría... 


E así foise facendo un dos máis grandes defensores da identidade arraiana, da natureza, da paisaxe e da cultura da nosa terra, camiñando sempre, consciente de que andando xurden as boas ideas  


Até que un día deixou o caxato e a mochila nun lugar chamado as Catro Cruces, onda o Penagache, onde habitaba o vello dragón tibetano, e retirouse a Salgueiro a meditar, preparando o retorno...


E daquelas sementes, alimentadas polo espírito dos nosos mortos, agromaron tan grandes proxectos desfronteirizantes e traballos tan importantes, nos eidos da cultura, da paisaxe e da defensa da natureza, que o fan sobradamente merecedor do Premio Arraiano Maior 2016, que lle vai ser entregado o día 20 de agosto de 2016 ás 20 horas no Centro de Interpretación de Aquis, en Porto Quintela (Bande). Un acto ao que estades todos convidados, e no que mesmo imos contar coa presenza do Xefe Arraiano, quen vai facer unha semblanza do premiado.


E non se fale máis, que xa dixemos demasiado. Reunidos na Chaira de Amoroz, levantan acta os Lobos Arraianos, un día calquera de 1968, onde as vacas seguen pacendo dende o Neolítico.



  

terça-feira, maio 10, 2016

Sísifo Confuso viaxa en tráiler


Despois de máis de tres anos de traballo, entre Cambados, Madrid e Nova Iorque, deixámosvos eiquí hoxe unha pequena escultura (audiovisual) que é o tráiler oficial da nova longametraxe documental de Aser Álvarez para Arraianos Multimedia, titulado "Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro", que comeza agora a súa andaiana internacional por festivais e centros de arte contemporánea. 


Estamos seguros de que vai dar moito que falar, polo inédito do seu enfoque e ton, pola súa sobriedade, estilo e o ritmo, con música da gran compositora galega, afincada en Berlín, Lucía Martínez e a montaxe do prestixioso documentalista e editor colombiano, Mario Burbano. Un traballo audiovisual sobre Leiro feito ao estilo do propio Leiro.



E mentres non chega a estrea desta longametraxe docuemental, lembrade que podedes desfrutar de balde dalgúns petiscos na expo que até o 4 de xuño vai estar instalada no centro cultural de Abanca na praza de Cervantes de Compostela, onde vas poder saber máis sobre o proceso creativo de Leiro.    



domingo, março 27, 2016

Traballos e días de Francisco Leiro

Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro. 


O choio era facer algo sobre Leiro ao estilo Leiro. Sen artificios nin postureos. Un percorrido polo proceso creativo de Francisco Leiro entre Cambados, Madrid e Nova Iorque. Tres intensos anos de traballo, rodaxe e procura dun documental que finalmente conseguimos argallar. E outra peza para televisión, que xa está tamén en camiño "O purgatorio de Leiro".  Un Imprescindible.   


E todo sen sair deiquí. Unha escolma do mellor da obra de Leiro das coleccións de Abanca e Afundación. Obras que xa falan por elas mesma, e de que xeito... Nós so tratamos de mostrar o que hai detrás da obra. O debuxo como berce da escultura. E o proceso creativo, en pedra e madeira. Sen caralladas. Traballos e días. Unha longa documental para cine, moi ao estilo Leiro. 

  
Dende Compostela, posiblemente a cidade do mundo con máis obra civil de Leiro en espazos públicos. Posiblemente. Leiro como o derradeiro sobrevivinte dun xeito de facer escultura que xa case non existe.  E xa. Por agora. 

quinta-feira, fevereiro 11, 2016

O santuario do Principio do Mundo (e xa vou vello)

O dia do nomenamento do Arraiano Maior da Raia Seca a Isaac Alonso Estraviz, o autor repenica as campás máxicas do Xurés e confirma, agora si, que vai vello que nin diolo porque os amigos comezan a lle pedir prólogos para os seus libros...

O santuario do Principio do Mundo


Nunca fun moi amigo das virxes, aínda que debo de recoñecer que hai algunhas ben simpáticas. Entre as máis bonitas están as do Cristal, a Peneda, Aparecida, Eufemia, a das Maravillas e a do Viso e tamén a Clamadoira. Pero sobre todas elas amo incondicionalmente á Nossa Senhora do Xurés. Ámoa de contrabando, cunha mestura de devoción mariana e panteísmo precristián, mesmo dende algo antes de nacer na casa escola dos Mociños, a aldeíña arraiana que se ergue entre o Río Deva de Moralejo e a Serra do Leboreiro de Ferrín. Conste pois que son mariano só por obra e graza das nosas virxes do Principio do Mundo.

Coñecín ao Lamela moito despois de terme desvirgado tocando as campás coa Virxe do Xurés, quen me abríu a codia impenetrable dos carballos do seu adro, acabado de chegar eu de Dublín daquela, xa feito un chavalín. Sen sabelo aínda, escorrentei os malos espíritos e as bruxas dende o campanario máxico do santuario, percutindo coas miñas mans sobre as vellas campás, inocente de min, o ritmo telúrico dun atardecer de verán con cheiro a lume, invocando aos mortos. E dende aquil outeiro vin pasar a todos os que andaron antes ca nós polos vellos camiños. Dende a noite dos tempos apareceron os primeiros poboadores e os invasores romanos facendo a Vía Nova. Desfilaron os caciques de antano e os de agora, rodeados de plumas. Vin tamén a sarracenos con rabo e aos cregos repisando a fartura baixo o voo das águias xigantes. E espertei de súpeto co estrondo do helicóptero dos incendios, de onde baixou meu irmau cun libriño.      

"El Xurés y sus misteiros" era o título. Despois descubrín que o escribira un arraiano entusiasta con ollos de druída chamado Xosé Lamela Bautista, que mesmo ía chegar a xefe de clan dos Lobios. Devorei aquel texto no medio da noite, coma unha víbora fuciñuda famenta de estirpe, na casa do Adoufe, en Muíños, onde estivera a consulta do Abades, o médico de Mugueimes. E entendín todo de vez, nunha revelación tibetana, na compaña dun mosquito vampírico con bigote de francés e estilete de puta que morreu estampado entre as páxinas 12 e 13, do que conservo aínda a mancha do meu propio sangue purificador naquel bendito libro baixado do ceo que debera ser texto de obrigada lectura nos colexios da contorna.

Despois de varias mortes e resurreccións inconfesables, chégame este novo libro que agora vostede comeza, con mal criterio, por onde se principian os cestos. Chega en pdf no medio dunha noite de invernía, entre o Formigal e a Panticosa, na mesma Raia Seca dos Pirineos de Aragón. Polo remitente intúo que é cousa seria. Xa algo me anunciara. Lamela acaba de pairir un texto exquisito, feito a base de amor e traballo investigador, incorruptible madeira de carballo xuresiano, coa que se fixeron os únicos barcos invencibles, lendas contadas por ursos e serpes voadoras e mesmo un chisco de marianismo ilustrado, que tamén o hai, combinado con imaxes poderosas e unha erudición tan rigorosa e reconstituínte coma un caldo galego en Anayet. 

Novamente posuído polos meus mortos, paso a noite sen durmir. Leo mentres o vento zoa contra as xanelas e sinto a caída da neve seca sobre a miña alma. O malo é que o druída me encomenda a min, un pobre panteísta na procura do Tao, o prólogo destoutra alfaia imprescindible nos andeis dos máis prezados xuresólogos e arraianos. Fóra a alma, son mesmo un oso lambón de meles alleos, un choto, como lle din por eiquí, ou mesmo un xabaril zoupón que agora descende a rolos pola neve neste amencer pirenaico no que podo escoitar aínda, dende eiquí, os ecos das miñas máis recentes badaladas no alto do campanario do santuario do Principio do Mundo, na compaña dunha india de Vilaméa, o mesmo día que nomeamos Arraiano Maior da Raia Seca a Isaac Alonso Estraviz e aos amigos do Fontefría e do Núcleo de Estudos e Pesquisas do Castro Leboreiro. Daquela o Lamela non puido estar. E agora entendo o porqué. Andaba a argallar.

Beizóns, meu caro amigo. Graciñas por esta delicia desfronteirizante e reveladora. E vós, pobres incautos, deixade estas lerias de contrabandista arraiano e desfrutade xa dunha vez deste agasallo do Lamela para nós e para os fillos dos nosos fillos. Para que saiban de onde veñen cando estean perdidos, ou case. Para que escoiten tamén os sinos, dende calquera lugar do mundo, das únicas campás que poden escorrentar co seu badalar todo o mal do mundo. Só nos queda agora saber escoitar e transmitir as vibracións deste repenique telúrico e transformador que nos chega dende o máis fondo de nós mesmos, da man da historia, da lenda e do mito. Silencio. Escoitai como cae a neve sobre as campás máxicas do santuario do Principio do Mundo.  

Aser Arraiano, entre o Pirineo e o Xurés. Febreiro de 2016.                                              

segunda-feira, janeiro 18, 2016

Irmau Pepe Velo

Estamos a celebrar o centenario de Xosé Velo Mosquera (Celanova, 1916). Pepe Velo fai cen anos e goza de moi boa saúde. Por iso a Comisión Pro Centenario de Xosé Velo celebra este venres, 22 de xaneiro, no Museo do Pobo Galego, ás 17:30, a presentación das actividades que os colectivos e institucións representadas nesta Comisión van celebrar en 2016 para divulgar a vida e a obra deste ser humano extraordinario, entre as xeracións máis novas... Seguimos a drilar, drilear e a facer memoria. Porque un pobo sen memoria é un pobo neurótico. Estades todos convidados a subir ao Santa Liberdade, co noso irmau Pepe Velo e lembrade que a travesía non fixo máis que comezar. Avante a toda máquina...

segunda-feira, janeiro 11, 2016

Xa está eiquí #anacosdevida


Se non puideches ver o programa especial de Arraianos Producións #anacosdevida, onde mortos e vivos conviven en harmonía, xa podes velo na web da Televisión Galega pinchando eiquí
Boa viaxe!!