O documental de Arraianos Producións, dirixido por Aser Álvarez, foi estreado no Festival de Cine de Ourense, OUFF o día 2 de outubro no Teatro Principal de Ourense. Velaquí vos deixamos un pequeno petisco para desfrutar lentamente...
Este documental é unha road movie que segue o percorrido que fixo nos anos 90 na súa vella moto o xornalista, activista cultural e escritor, Ramón Chao, para a elaboración da súa novela, “Prisciliano de Compostela”. Este novo proxecto audiovisual de Aser Álvarez, no que imos aprender moitas cousas interesantes sobre Ramón Chao e sobre o seu benquerido Prisciliano, conta coa participación de Antoine Chao, que nos leva polo París do seu pai, e Manu Chao, que nos agasalla coa súa banda sonora orixinal, os dous fillos do xornalista vilalbés e fundadores da mítica banda Mano Negra.