quarta-feira, junho 11, 2014

O FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE CARLOS VELO DA A COÑECER OS DEZ TRABALLOS FINALISTAS


Veleiquí unha pequena mostra nesta promo do I FICCVelo realizada por Bruno Nieto. A natureza, a despoboación, os modelos de xestión do común ou o mantemento da memoria. O amor, a morte e os vencellos coa familila e cos amigos. Os traballos finalistas do I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo recollen unha boa mostra das temáticas, especialmente vencelladas ao presente, ao pasado e sobre todo, ao futuro do mundo rural, facendo seu o espírito co que nace o primeiro festival de cinema rural de Galicia. Os directores do FICCVelo, Inés Vázquez e Aser Álvarez, os membros do xurado e do comité de selección deron a coñecer os cinco finalistas en cada categoría a concurso, que se resolverá durante a celebración do festival, do 20 ao 22 de xuño en Cartelle e no Multiusos de Arraianos na Chaira de Amoroce (Celanova).  


No caso do documental, os finalistas son: Hijos de la Tierra, de Patxi Ruiz; Trazos en la Cumbre, de Alejandro Victorero; Espés, de Tànit Fernández Ciria e Isaac Rodríguez; La selva invisible Albert Pérez e Concejo Abierto, de Carmen Comadrán. “Trátase de traballos de gran calidade centrados en comunidades no rural como Espés, no que se narra a situación dun pobo do pirineo aragonés na voz dos seus útlimos catro habitantes, ou Selva Invisible, centrada nas comunidades indíxenas da marxe do río Ampiyacu, na amazonía peruana. En grave perigo de desaparición tamén. Son realidades transversais que encaixan perfectamente co espírito e cos intereses do noso festival”, explica o seu director, Aser Álvarez. Unhas curtas que veñen abaladas, ademais, polos recoñecementos en prestixiosos festivais como o Premio 'Perpetuum Libertas' Cinema Perpetumm Mobile, Bielorrusia (2014) no caso de Concejo Abierto; o de Mellor Guión e Mellor Dirección do Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña de Espés ou o premio a Mellor Curtametraxe no Festival de Cine ELCO, acadado por Trazos en la Cumbre. 

Deste primeiro peneirado tamén saíron os cinco finalistas en la categoría de ficción, traballos de temáticas tamén moi diversas pero vencelladas a evolución persoal e as relacións humanas: Epitafios, de María Ballesteros, que conta coa participación do televisivo Arturo Valls; Porsiemprejamon, Ruth Díaz; Mi ojo derecho, de Josecho de Linares, que acadou, entre outros o premio ao Mellor director no Festival de cine "¡qué bello es vivir!" e o segundo premio a Mellor Curta no Festival Internacional de Cine Rengo (Chile); “Al otro lado”, a cargo de Alicia Albares y Trío de Ases, de Virginia Valderve y Javier Gallego. 

Os organizadores agradeceron a todos os autores que enviaron os seus traballos para optar a unha praza como finalistas nesta primeira edición do FICCVelo. “Sentímonos moi soprendidos pola calidade e pola cantidade dos traballos recibidos e tamén vemos que os realizadores que apostan por este formato de curtametraxe coinciden con nós necesidade de crear un circuito estable de visionado deste tipo de traballos”, aseguran Inés Vázquez e Aser Álvarez, "e por iso creamos a Cineclube Carlos Velo, co que lle imos dar continuidade ás nosas actividades ao longo de todo o ano". 

quarta-feira, junho 04, 2014

Xuño é o mes do cine rural

Coa chegada do soslticio de verán chega tamén o primeiro festival galego de cinema rural, o I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, que se vai celebrar os vindeiros días 20, 21 e de xuño en Cartelle, localidade natal do gran cineasta galego Carlos Velo no Centro Multiusos de Arraianos en Celanova. Nos vindeiros días daremos conta do programa completo de actividades.

O FICCVelo forma parte dunha rede nacional e internacional de festivais de cinema rural vai manter unha estrutura e programación estables a través da creación do Cineclube Carlos Velo.

Case 200 traballos, cunha calidade media extraordinara e chegados de todo o mundo, aspiran a ser un dos dez finalistas nas categorías de documental e ficción. No marco deste festival tamén imos presentar o primeiro número do Xornal Agrario Galego, unha publicación de referencia sobre o mundo do agro e do comunitarismo de Galicia.

Alí onde estea, Carlos Velo anda a argallar cos deuses celtas para que todo flúa coa forza irreductible dos ciclos naturais. O festival que leva o seu nome, para reivindicar a súa figura e o seu xeito de ser e de estar no mundo, vai celebrar a súa primeira edición, superando as nosas espectativas máis optimistas, grazas á colaboración e confluencia de vontades de numerosas persoas, institucións e empresas. A teimosía de Velo por facer de Galicia un referente internacional no mundo audiovisual está a dar os seus froitos tendo como epicentro o seu Cartelle natal e as actividades que imos desenvolver, ao longo de todo o ano, no Cineclube Carlos Velo. Marcade na axenda as datas, do 20 ao 22 de xuño, e reservade o solsticio de verán para viaxar con nós ao principio do mundo a través do mellor cinema rural nacional e internacional.