Recollemos a información de Xesús Fraga hoxe na Voz 
Editado un dobre deuvedé con documentais e abondoso material inédito
Editado un dobre deuvedé con documentais e abondoso material inédito
A aproximación «contemporánea, non 
académica e fresca» do cineasta Aser Álvarez á figura de Celso Emilio 
Ferreiro, e que se concretou na longametraxe documental 100 % CEF, xa 
está dispoñible nunha edición en dobre deuvedé que recolle máis 
materiais extra arredor do escritor de Celanova. Deste xeito, a cinta, 
que foi elixida mellor documental nos Mestre Mateo do ano pasado, 
combina unha caracterización do autor, a cargo de Luís Tosar, con 
testemuños dos seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, 
xunto cos de outros como Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, César 
Portela, Daniel Salgado, Sabino Torres e Anxo Angueira. Tamén interveñen
 os fillos de Celso Emilio, Isabel e Luís, artistas como Francisco 
Leiro, Baldo Ramos, Manolo Paz e Baldomero Moreiras, e músicos como 
rapeiros ou gaiteiros. 
Reducido e ampliado 
A edición en disco, coordinada 
por Plácido Romero para Arraianos, inclúe tanto a versión reducida da 
obra, 50 % CEF, o poeta da vida -unha síntese cun claro obxectivo 
didáctico e que leva subtítulos en inglés-, como a ampliada: así, 102 
testemuños de aniversario compensa os recortes que por mor do espazo 
tivo que sufrir 100% CEF, e rescata da mesa de edición «unha selección 
das opinións máis interesantes e valiosas, por achegaren enfoques 
novidosos e mesmo polémicos sobre Celso Emilio», segundo os seus 
responsables. O 102 do título vén condicionado pola súa publicación 
neste 2014, cando se fan 102 anos do nacemento do escritor. O propio 
Romero tamén é autor dunha achega a como se fixeron os documentais, un 
making of sobre estes traballos. 
A edición complétase con outros 
dous títulos que teñen un carácter máis artístico. Trátase de Homenaxe a
 Celso Emilio Ferreiro, unha curtametraxe sobre unha instalación de 
Baldomero Moreiras, creada para 100?% CEF, así como Noutrora, unha 
videocreación que asina Xudit Casas. 
Arraianos, que dedicou máis de 
dez anos a investigar a vida e a obra de Celso Emilio, está a presentar 
os deuvedés en diferentes localidades de Galicia e Portugal.
 
 
Sem comentários:
Enviar um comentário