sábado, fevereiro 24, 2007

Manuel Lourenzo premiado co Casa dos Poetas


Felicitamos aos membros do Patronato pola súa decisión de concederlle o XXIII Premio Celanova, Casa dos poetas ao dramaturgo Manuel Lourenzo, "polo seu compromiso en prol do teatro galego e universal, como espello dos problemas sociais e existenciais ós que se enfronta o ser humano".

Lourenzo, membro destacado do colectivo Abrente, que naceu vencellado á Feira de Teatro de Ribadavia, é un dos fundadores do teatro galego contemporáneo e hoxe constitúe un referente en todos os eidos da actividade teatral, xa sexa actuando, dirixindo, producindo, ensinando, teorizando ou creando textos teatrais. Textos soberbios, clásicos e contemporáneos, sempre comprometidos e que nos obrigan a reflexionar, textos complexos e con fondura coma Contos Troianos, que tivemos o pracer de coñecer nunha moi recomendable montaxe que hai unhas semanas estreou na Sala Yago de Santiago.


A honestidade intelectual de Lourenzo tamén é indiscutible, tan indiscutible coma a súa traxectoria de máis de corenta anos facendo teatro, cine e televisión dende Galicia; en defintiva, facendo país.
A ver se algún día podemos presenciar algunha das súas montaxes teatrais en Celanova.

sexta-feira, fevereiro 23, 2007

Celanova sempre foi terra de xudeus

Como descendentes do mellorciño da estirpe xudaica arraiana cun par de parafusos arabescos rosendianos espetados na trabe de ouro, os irresponsables deste CADERNO ARRAIANO queremos dar conta dunha nova que se vía vir dende había tempo.
Estaba claro que o primeiro xudeu documentado en Galicia, no ano 1.044, tiña que ser de Celanova. O resto eran indocumentados, sen papeis, ilegais, fuxidos, arraianos: os nosos antergos.
Abraiados porque a nosa intuición non coñece límites, a noticia publicada o outro día na prensa só confirma algo ben sabido pero que só diciamos na intimidade, polo medo que nos foi transmitido de xeración en xeración.
Pero xa nolo dicía o demo... que eramos un crisol de culturas, froito da persecución, do abandono e do ecelcticismo máis fronteirizo.
O que está claro é que eran ben mellores os xudeus de hai mil anos. Entre os de hoxe hai poucos que merezan compartir o noso fogar arraiano...

quarta-feira, fevereiro 21, 2007

Polos planaltos do principio do mundo



Inesquecible xornada cos amigos do Crasto Laboreiro e co profesor Isaac Alonso Estraviz e maila súa dona, antes das Xornadas de Historia Local que organizan todos os anos os compañeiros do Centro de Estudos e Pesquisas Montes do Laboreiro. Veleiquí un dos principios do mundo para nós, que somos contrabandistas arraianos, arroutados, panteístas, intelectuais sen palestra e laboriosos apicultores e facedores de revistas.

Homenaxe Galega a Isaac Díaz Pardo

De ben nacido é ser agradecido...
A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu a presentación ante os medios do libro Isaac Díaz Pardo. Homenaxe galega, editado pola asociación cultural Fuco Buxán e coordinado por Rosa Méndez Fonte.
Esta obra pretende afondar no coñecemento da traxectoria vital de Isaac nas súas múltiples vertentes: artista, industrial, escritor, ceramista, conservador, editor e libertario comprometido con Galicia e a coa súa cultura. Consta de 260 páxinas, ilustracións e fotografías e recolle colaboracións de Camilo Díaz, Manuel Aznar, Xosé Neira Vilas, Euloxio Ruibal, Fernando Salgado, Fermín Bouza e Andrés Varela, Eva Veiga, Xosé Leira, Jose Viale Moutinho e Rosa Méndez
A presentación oficial do libro terá lugar o 2 de marzo trala cea e homenaxe que lle van render os de Fuco Buxán ao Sumámonos a esta homenaxe e felicitámolos pola iniciativa...

Se houbera máis Isaacs en Galicia, dez ou vinte aínda que só fora, outro galo cantaría neste país, que sempre foi especialmente ingrato coas persoas verdadeiramente xeniais e brillantes. E que viva a mediocridade...

Saúde Isaac, e non afrouxes!!

terça-feira, fevereiro 20, 2007

Lembranzas do Furriolo




Este potente mural de X. Vizoso no Alto do Furriolo (entre Xinzo en Celanova), promovido polo Colectivo Arraianos, foi definido por Isaac D. Pardo coma un berro no medio do monte.



Ben definido. Sobran as palabras.

As fotos son do Américo, Irmau Arraiano do Crasto Laboreiro






quinta-feira, fevereiro 15, 2007

En apoio de Dionísio Pereira


OS ARRAIANOS POLA LIBERDADE DE EXPRESIÓN


O historiador Dionísio Pereira comparece hoxe no xulgado de paz de Cerdedo para responder por unha frase incluída nun libro sobre a represión franquista na zona. A familia do ex alcalde de Cerdedo, Manuel Gutiérrez, antigo xefe da Falange local, esixe que se retracte e unha indemnización por danos e perxuízos. "Nin quiero nin podo retractarme, porque está en xogo a dignidade das vítimas".



Asinamos e apoiamos este MANIFIESTO da Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido”

A todos e a todas:
A transición á democracia, que escomenzou coa morte de quen encabezara o golpe fascista que puxera fin a IIª República, non rematou coa entrada en vigor da vixente Constitución nin coa sucesión de eleccións e relevos en gobernos (central e autonómicos) e outras institucións. A ferida provocada polo levantamento franquista segue aberta, porque aquel proceso que nos quixeron vender como exemplar non foi máis que un intercambio forzado nunha situación de clara desigualdade. Os resortes do poder seguían nas mans dos franquistas: eles pretendían obter unha cláusula de impunidade mediante o noso silencio, a cambio de poder exercer as liberdades públicas máis ou menos recurtadas.

Pero aquel medo que durante os anos da ditadura pechaba as bocas, non podía por sempre seguir sendo o parapeto protector dos verdugos e dos seus fillos biolóxicos e ideolóxicos. Co paso do tempo, agromou na conciencia colectiva a necesidade de botar luz sobre os arrepiantes acontecementos que comezaran coa Guerra Civil e aínda hoxe rebrotan. Neste punto, a Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”, que forma parte do colectivo “Sinhor Afranio”, implícase na tarefa de colaborar con quen investiga para sacar á luz todo aquilo que nos quixeron agochar.

Para honrar a cantos cerdedenses foron asasinados ou sofriron a represión de calquera xeito por defender os dereitos individuais e colectivos e á República, levamos a cabo a instalación dun monumento na Ponte do Barco (Pedre) na lembranza de dous canteiros asasinados naquel lugar; apoiamos unha iniciativa do BNG, aprobada unanimemente pola Corporación municipal de Cerdedo, de honrar a todas as vítimas da contenda sen distinción con outro monumento –algo que, pasados varios anos, o Concello aínda non puxo en práctica- ; homenaxeamos a un ilustre exilado fillo da nosa terra, Xosé Otero Espasandín; dedicámoslle a edición das Xornadas “Terra de Tod@s” de 2006 á recuperación da memoria da represión franquista e nela percorremos un roteiro dos lugares da memoria e participamos na edición dun libro, titulado A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, escrito por Dionisio Pereira.Tamén aplaudimos a decisión unànime da Corporación, tomada en abril de 2006, de retirar a rúa dedicada a un ex alcalde franquista, Manuel Gutiérrez, e advertimos do perigo que supuña outro acordo tomado en nadal do mesmo ano polo que, tan só cos votos do PP, revogaba o anterior, provocando o sanguento paradoxo de que un sistema que se quere democrático honre a quen participou no seu esfarelamento.

En pleno retroceso ás cavernas da historia, o atentado contra o monumento de Pedre serviu para advertir dalgo que nós xa sabiamos: os herdeiros do “Caudillo” non se resignan e acontecementos como o protagonizado polo Concello de Cerdedo sérvenlles de combustible.

No entanto, quédanos a forza da palabra e a fortaleza que nos dá saber que defendemos unha causa xusta. Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e de torturas. Co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade dos feitos é a mesma. Aos historiadores e historiadoras correspóndelles plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de cicatrizar unha ferida que aínda está aberta, para que a Guerra e a represión se convertan nun capítulo da historia do que apender para que non se repita.

Pero mentres que por escribir nun papel uns nomes, que foron mil veces pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie e que se sinalan como presuntamente vencellados á represión, alguén poida ser procesado, como acontece con Dionísio Pereira pola frase contida no devandito libro, “Verbo Xido” dará un paso para expresar publicamente o seu respaldo, ó tempo que solicita o de todos aqueles colectivos e persoas que traballan polos mesmos obxectivos liberadores e defendan que a palabra nin mata nin fere.

Pola liberdade de expresión!

En Cerdedo, a 11 de febreiro de 2007

domingo, fevereiro 11, 2007

O gran silencio

Non é o Castelo das Poulas, nin moito menos, pero é un mosteiro cartuxo (ou cartuxán) dos Alpes franceses.
Agora xa sabemos que só dende o silencio poderemos ouvir o vento das voces ancestrais...
Phillip Groning xa pode morrer tranquilo despois de facer este documental caralludo.
Escoita as folerpas, a néboa que baixa do monte, o ceo que se move contra as ondas da auga, a herba que medra, as vacas peludas polo claustro, as badaladas do reloxio, a pedra tépeda do verán, a madeira de cerdeira que estrala no lume que arde dentro do ferro...
Un avión que pasa, a paz do xaxún, unha treboada de primavera, a xiada, outro ceo de noite, máis herba e dúas badaladas, o reloxio dos turistas, nenos de branco que xogan na neve e que se chimpan a rolos, a risa, o xantar do domingo, a horta reverdecida, os perruqueiros, o xersei de rombos negros, o liño do xastre de tesoura máxica, o cego visionario que non teme a morte, o pano pendurado que move o vento do refectorio...
Escoita o zoar dos libros nas estancias dos monxes, a caligrafía medieval dun libro de canto, o recollemento dun cuarto ascético e acolledor, empotrado, a gota de auga sobrer auga, o eco do silencio, a palangana que roda na pedra, o vento do xeo, os cánticos gregorianos no cumio do monte e mailo ceo a chamar por nós...
Case tres horas de pura beleza cinematografica, poesía visual, o son dunha paz austera, o ritmo da vida e a harmonía da disciplina.

Corpo e espírito agroman coma unha enredadeira na horta do mosteiro, na esquina da cociña, no refectotrio, no catre empotrado, na oración, entre as estrelas e o fondo das fervenzas. A cona santa contra as parvadas dos que din saber algo de cine. Redonda, soberbia creación. Paciencia. Demasiado pronto, dicían os monxes. 16 anos despois. Beizóns á tradición ascética da orde cartuxa, á natureza e á intelixencia do cineasta alemán, por facernos partícipes da paz dos que renunciaron a todo para estar cos deuses.

A historia continuará coa próxima entrega do Gran Silencio dende o mosteiro arraiano do alto de Penagache, con banda sonora de Sangre Cavallum e Megalito Sound System, tocando piano entre as antas e as chairas do Couto do Corno Dourado.

terça-feira, fevereiro 06, 2007

Homenaxe aos represaliados polo franquismo

Volverlles a palabra é o intento de lles render unha solidaria e conmovida homenaxe a todas as mulleres e homes que foron represaliados pola ditadura franquista por pensar e vivir libremente nun país que comezaba a nacer.


"Xa non está na nosa man devolverlles a vida nin liberalos dos anos de prisión, nin impedir aldraxes e calumnias, pero está na nosa man, aínda que tarde, evocar a súa verdadeira voz, facelos falar desde a súa dignidade. O presente volume está de cheo nese compromiso de volverlles a palabra a todos aqueles que non puideron falar, e sobre todo, a aqueles que decidiron falar, pagando, tantas e tantas veces, un duro prezo, o que impuña a barbarie franquista. Conscientes deste compromiso, Baldo Ramos e X. C. Domínguez Alberte non repararon en esforzos para que un número importante de voces de hoxe se xuntasen, nesta tribuna da dignidade civil, para volverlles a palabra (simbolicamente cando menos) a miles e miles de homes e mulleres que para moitos de nós, están na raíz dos nosos mellores compromisos cívicos"




Texto de Xesús Alonso Montero no prólogo deste libro, que xa está a venda nas librerías