domingo, dezembro 16, 2018

Certame Escolar Internacional de Podcast e Relato Radiofónico en galego Xosé Mosquera Pérez





Convocado o I Certame Escolar de Podcast e Relato Radiofónico en galego Xosé Mosquera Pérez

O instituto Rosalía de Castro de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Fundación Antonio Fraguas, a Fundación Rosalía de Castro, Radio Galega e a RAG, Ponte nas Ondas e Arraianos Producións, entidade promotora desta iniciativa, veñen de presentar o primeiro Certame Escolar Internacional de Podcast e Relato Radiofónico que se fai en Galicia. 

Este premio leva o nome de quen foi a primeira estrela mediática de Galicia, Xosé Mosquera Pérez, un activista cultural e comprometido galeguista, que durante os anos 30 deu vida ao popular personaxe radiofónico “O vello dos contos” nos micros da emisora decana da radio no noso país, Unión Radio Galicia, que comezou a emitir xa en 1932. En xuño de 1933, facíaselle unha multitudinaria homenaxe no Hotel Compostela, momento que recolle a imaxe de arriba. 


Eiquí unha información de Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo, sobre o poder da radio en galego, e outra información de Xesús Fraga na Voz, falando sobre este evento que conta con máis de 1.500 euros en premios... 


O certame, o primeiro destas características en Galicia, está dirixido ó alumnado do último curso de primaria e dos catro cursos da ESO dos centros educativos de Galicia e tamén dos que imparten lingua galega no exterior. Como indican as bases, van ter que gravar un relato radiofónico cunha duración máxima de 5 minutos sobre algún aspecto relacionado coa biografía ou a obra da figura que se homenaxea cada ano no Día das Letras Galegas.

Este ano corresponde ó historiador e etnógrafo Antón Fraguas, autor que ademáis de ser un dos impulsores da chegada da radio a Galicia, tamén compartiu experiencias de teatro radiofónico con Xosé Mosquera Pérez, pois os dous formaban parte do primeiro cadro de actores de Unión Radio Galicia, tal e como se recolle na foto de abaixo, onde Antón Fraguas é o primeiro pola esquerda, e Mosquera Pérez, pola dereita.


O texto do guión e maila gravación, que poden ser elaborados individualmente ou en grupo, van ter que ser enviados ao correo certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org antes do 17 de maio de 2019. O premio para o relato gañador é de 1.000 euros e 500 para o segundo. E tanto o podcast gañador coma os finalistas van ser emitidos en directo nun programa da Radio Galega, durante a gala de entrega de premios, antes do final do curso 2018-2019. 

Dende este luns, 17 de decembro, todos os centros educativos de Galicia e tamén os que imparten galego no exterior, recibirán a convocatoria coas bases deste primeiro certame escolar internacional de podcast e relato radiofónico en galego, que reproducimos a continuación. Agardamos os vosos traballos!!. E que vivan os novos vellos dos contos!!





quinta-feira, novembro 22, 2018

Contraportada do proxecto Leiro



E xa para rematar, por fin, con estes máis de tres anos de indagación audiovisual sobre o proceso creativo dun dos artistas galegos máis internacionais, entre Cambados, Madrid e Nova Iorque, deixámosvos eiquí esta reportaxe de 15 minuntos, emitida no programa Contraportada da TVG, onde falamos sobre o noso proxecto documental para Arraianos sobre Leiro... os-traballos-e-os-dias-de-francisco-leiro

Agora damos por rematada esta obra. Facémolo con dúas pezas audiovisuais que son coma o ying e o yang dun tao, dous documentais complementarios e independentes que se debruzan sobre o proceso creativo deste grande artista e cos que damos por rematado este proxecto, por fin, xa que un podería estar gravando a Leiro eternamente...

segunda-feira, novembro 05, 2018

Traballos e días de Francisco Leiro. E fin.

Un podería estar gravando a Leiro eternamente... Seino ben. E non só porque sexa o artista galego con maior proxección internacional, ou por ter ficado hipnotizado polo ritmo dos seus lugares de traballo, nese triángulo máxico que trazamos entre Cambados, Madrid e Nova Iorque, senón tamén por ser un artista auténtico e pouco dado ao exhibicionismo, un currante, un autónomo, "o derradeiro sobrevivinte dunha etapa heroica da escultura que xa case non existe", en palabras do escultor vasco, Txomin Badiola. Imos aproveitar que Leiro dorme, nesta iamxe no metro de NYC, soñando con Cambados, para dar esta obra, xa por fin, por rematada... Fixádevos ben que Leiro sempre semella unha escultura do propio Leiro, mesmo así, en branco e negro. E non falamos só do poder das mans, que diría Ramón Rozas...


Nalgún fragmento do proxecto documental, Leiro di que chega un momento no que hai que dar as obras por rematadas. Non porque as rematemos realmente, pois iso nunca acontece, senón porque hai que deixalas en paz e dalas por rematadas, chegado o momento, se non queremos correr o risco de nos converter nun eterno Sísifo Confuso... Para non meternos de cheo nese purgatorio sen saída no que nos metemos cando perdemos a perspectiva...



Así que despois de case cinco anos de traballo documental arredor do proceso creativo de Francisco Leiro, damos por rematada o asalto á intimidade cotiá este artista internacional, coa estrea o vindeiro 15 de novembro en Bilbao, na 60 edición do prestixioso Festival Zinebi, da segunda parte desta obra cinematográfica, titulada "O Purgatorio", un documental que forma parte do ambicioso proxecto de indagación audiovisual que principiabamos hai anos, mellor non pensar nin cantos, e sen saber moi ben nin onde nin como podería rematar aquilo. Un proxecto que denominamos xenéricamente "Traballos e días de Francisco Leiro", cuxa primeira peza audiovisual deu en chamarse "Sísifo Confuso", estreada en Londres a carón de Piccadilly, e que xa circulou por varios festivais e cuxo proxecto fotográfico mesmo participou en eventos como o Hay Festival de Segovia. 


Cando se fai un camiño tan longo, incerto e duro coma este, e curiosamente sen "apoio oficial", hai que agradecerlle a moita xente o agarimo e a inestimable axuda, dende o núcleo duro e cerne do proxecto, con Lois Codias e Plácido Romero na espeteira, até Leiro e o seu clan e, por suposto, tamén á miña propia familia, que desfruta das miñas ausencias...

Hai que lembrar tamén aos artistas convidados que nos puxeron a casa patas arriba, chegados dende Berlín, Colombia e Vigo, con Lucía Martínez, Mario Burbano e mesmo Amara ao timón, xunto con Mariana Romero, que foi quen de seguirnos por Brooklyn, Chinatown e Coney Island neste particular peregrinar polo Purgatorio Leiriano, e axudarnos a darlle forma a esta tola e fermosa idea, que nos foi levando a novos proxectos expositivos e editoriais, coma os que fixemos grazas ao apoio de Afundación e a Deputación de Pontevedra. 


Por suposto que tamén temos que darlle as grazas a Alejandro Caporale, Luis Boullosa, Lisardo e Guillermo García, Txomin Badiola, Antonio Murado, Xosé Vizoso, Nacho Santás, e a todos e todas as xornalistas que deron conta deste proxecto en diversos medios públicos e privados. Sería imposible mencionalos un por un sen colapsar a rede, así que as nosas beizóns para todos e todas.  Obrigado.

En breve deixaremos esta pequena grande obra audiovisual no aire, para que quen queira poida visitala e entrar así na intimidade cotiá dos lugares de traballo de Leiro. Asistir ao seu proceso creativo, pois nunca antes un equipo de rodaxe se adentrara de xeito tan intenso nos seus obradoiros. E así damos, por fin, esta obra por rematada. "Xa falei de máis", confesa o artista de Cambados no documental.

Pois nós tamén falamos de máis. Imos calar xa para deixar que fale a obra e seguir coa biografía do silencio. Preparando novos traballos audiovisuais, argallando novos proxectos, e comezando longos camiños cun pequeno paso, cunha palabra nunha paxina en branco que aínda non sabemos a onde nos vai levar co seu amor, agarimo e paixón. Veleiquí a maxia da vida. Aos seus pés...






domingo, julho 29, 2018

Quico Cadaval, Premio Arraiano Maior 2018


O galardón, concedido por unanimidade polo colectivo Arraianos, vaise entregar o sábado, día 4 de agosto, en Entrimo, ás 12 da mañá, no marco das celebración dos II Encontros Arraianos de Cine Rural. 

A distinción de Arraiano Maior, que recoñece a labor dunha persoa ou colectivo a prol da cultura e da identidade arraianas, recae este ano na figura do actor, director e narrador Quico Cadaval, a quen lle será entregada a Aguillada Arraiana nun acto que terá lugar o sábado, día 4 de agosto, ás 12,00 horas, no marco da xornada dos II Encontros Arraianos de Cine Rural, que se van desenvolver en Entrimo.

Quico Cadaval (Ribeira, 1960) foi impulsor do movemento de radioteatros xurdido en Galicia na década dos noventa. Aprendeu a contar contos da man dos máis maiores da casa que se encargaron de transmitirlle historias e tamén, de todos aqueles que pasaban pola taberna na que discorreron os primeiros anos da súa vida.

Comezou a interpretación teatral a finais dos anos setenta no Centro Dramático Galego, e, nos anos 80 fundou a súa propia compañía, “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes produccións da TVG, así como en curtametraxes e longametraxes, e recibiu diferentes premios polo seu traballo no teatro. Foi mestre de interpretación da Operación Triunfo portuguesa no ano 2003.

Outros Arraianos Maiores



Foi no ano 2009 cando o colectivo Arraianos decidiu instituir esta distinción para destacar o traballo de importantes persoeiros no eido da defensa da identidade e da cultura arraianas. Xosé Luís Méndez Ferrín foi o Arraiano Maior de 2010. Dende entón, o premio pasa cada ano de man en man, e xa teñen recibido este galardón personalidades da cultura galega e lusa tales como Padre Antonio Lourenço Fontes (2011), Bento da Cruz (2012), Xesús Alonso Montero (2013), Xosé Neira Vilas (2014), Isaac Alonso Estraviz (2015), Xosé Benito Reza (2016) e Paula Godinho (2017).

quinta-feira, maio 17, 2018

Quen me dera en Lobeira


Lobeira é a Luparia, ese espazo mítico da Raia Seca onde os poucos homes e as mulleres que quedan habitan un mundo borroso entre a memoria e o esquecemento, na brétema entre unha das maiores necrópoles megalíticas de Europa e o río Limia ou Lethes. Un principio do mundo no que Plácido Romero nos introduce con lirismo, mestría e sensibilidade, a través de imaxes gravadas dende hai máis de tres décadas nestas terras arraianas, que con esta obra de arte xa fican para sempre con nós.  

As imaxes de Plácido Romero apreixan a vida e o tempo, ou mellor dito, os tempos da Luparia, cunha montaxe escultórica, de artesán e orfebre do miúdo e do cotián, armando unha peza soberbia, que consegue tocar o corazón e a alma mesmo transformándonos, deixando claro de onde vimos e facéndonos sentir orgullosos da nosa identidade, mais tamén abrindo interrogantes sobre o noso futuro colectivo, mesmo removendo as conciencias e facendo que os privilexiados que asistimos onte á preestrea deste documentario sexamos hoxe xa un pouco mellores seres humanos para sempre.   

Beizóns a este gran mestre e mago do audiovisual por este agasallo de valor incalculable, tanto para os espíritos que pululan entre a Mota Grande e a Grama do Corno Dourado, dende hai 5.000 anos, como para o Xocas e para o seu irmau Xurxo, cuxa casa esmorece polo desleixo e o abandono (eiquí hai un berro reivindicativo), e sobre todo para os que hoxe resisten e habitan aínda na Luparia... e para os que se foron vivir a outros lugares na procura dun traballo e dun futuro, esa derradeira xeración dun colexio que hoxe é un xeriátrico, mais que algún día, se cadra, han voltar para repoboar estas terras, cargados de imaxinación e novos proxectos vitais que os fagan entroncar de novo coas fondas raizames da Luparia. Eiquí está a maxia do cinema. 

      
   

terça-feira, maio 01, 2018

O Tempo na Luparia (preestrea en Ourense)

A véspera sempre foi mellor que o día grande. Ou así o pensamos e practicamos nós, os que habitamos no Purgatorio, dende a noite dos tempos. Por iso que o 16 de maio, ás 20 horas, o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle a preestrea internacional dun documental titulado "O tempo na Luparia" unha desas obras de arte que son tan imprescindibles como pouco habituais no noso país. 

Veleiquí o do de peito como autor de Plácido Romero, un artesán do cinema, un mestre de cineastas e tamén, por suposto, e por enriba de todo, un mestre da vida, para os que tivemos a sorte de que se cruzara na nosa vida.  

Plácido Romero fai "un hixiénico exercicio de memoria, cunha perspectiva, lírica, do paso do tempo, na Luparia (Lobeira), o paradigma de calquera outro territorio da Galicia interior, cun forte sentimento de identidade marcado por un pasado lendario, un presente desconcertante e a esperanza nun futuro mellor", segundo anuncia. 

A historia, a etnografía, a política, a pegada imborrable de Xaquín Lorenzo e a vida cotián, sosteñen a existencia no tempo destas terras arraianas, pero tamén o tempo habita nelas, conformándoas e determinándoas. Iso é o que nos transmite este documental, producido por Arraianos Producións.  E o autor pregúntase: "Reinventarase este mundo para sobrevivir nun mañá dominado pola tecnoloxía e a intelixencia artificial?". No medio do holocausto do rural, aínda existe a ilusión e a esperanza dunha vitoria sobre o desalento. 

Só a beleza nos pode salvar a desfeita, e este documental de Plácido Romero é unha peza audiovisual tan fermosa e intimista como necesaria e catártica. Por iso e por todo o demais, beizóns, mestre. E parabéns aos que imos asistir á preestrea de #otemponaluparia, o vindeiro 16 de maio, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Despois diso, tod@s seremos mellores persoas. Por obra e graza do espírito irredento e arraiano do Plácido Romero, alias Sir Pla.