O Ferrín Arraiano é un idioma misterioso e descoñecido, que mesmo precisa dun ritual iniciático que so é apto para arraian@s e persoas que gostan das fronteiras brandas. Até agora so druidas podían descifrar as enigmáticas mensaxes do Mago Ferrín. Pero veleiquí está, xa dispoñible nas mellores librarias do país de Tagen Ata, a Enciclopedia Ilustrada de Ferrín Arraiano...
O mesmo día do 86 aniversario do Xefe, o 7 de agosto de 2024, o Teleclube de Vilanova dos Infantes, lugar de nacemento e principio do mundo do Ferro, acolleu a presentación desta obra colectiva, coincidindo cos 20 anos da fundación do colectivo Arraianos, como podemos ver nesta foto do acto organizado de contrabando, con Quique Costas pechando os ollos, en éxtase místico, visiblemente emocionado e algo afectado polo licandorio matutino e a música sufí do gran gaiteiro entrimeño, Freire o enfeitizado, coa que se encetou a cerimonia... Disque até fixeron cartaces, os moi desgrazados, por obra e graza do grande artista celanovés, Baldomero Moreiras, o mostachudo...
O ágape seica foi servido de xeito maxistral polo gran Mestre Arraiano, Plácido Romero Bernardo, actuando de MC, o Julito da Ramallosa, no papel de taberneiro e o Don Adolfo, o crego de Vilanova, oficiando os sacramentos. Os tres son membros fundadores do noso colectivo e actualmente forman a santísima trindade Arraiana, que nos agarda desoutra beira da Raia Seca, mentres seguen a soar de fondo os acordes cósmicos dos alalás de Lobeira e Bande, interpretados polo músico e bandido, a partes iguais, Moisés Quintas Suárez, coa zanfona de Faustino Santalices...
E coidado que como non vaiades logo á vosa libraría, igual ficades sen a Gran Enciclopedia Ilustrada de Ferrín Arraiano, que os exemplares seica están voando coma as aguias do Xurés sobre os marcos da Raia Seca... E lembrade sempre que é preciso ter moito coidado con estes Arraianos... E se non mirade a listaxe dalgunhas colaboracións nesta obra colectiva e xa nos diredes se hai que entrullal@s ou non... E aínda por riba seica leva nun código QR o documental Ferrín Arraiano... Puto contrabando cultural!!
- VV.AA (2024). Enciclopedia Ilustrada de Ferrín Arraiano. Ed. Arraianos e Revista Arraianos. Cuberta de Baldomero Moreiras. Coordinación do proxecto multimedia e editor: Aser Álvarez. Colaboracións: Xosé Benito Reza, Anxo Angueira, Pepe Barro, Antonio Gamoneda, Daniel Salgado, Xabier Cordal, Fernando Ramallo, Gonzalo Hermo, Xosé Herique Costas, Aser Álvarez, Xosé Luís Axeitos, Xosé Manuel Outeiriño, Arancha Nogueira, Olga Novo, Ana Mosquera Fernández, Anxo Cabada, Erín Moure, Silvia Penas, Xulio Fontes, Luís Boullosa, Baldo Ramos, Xosé Ramón Pena, Leo Arremecághona, Antón Capelán.