sexta-feira, janeiro 29, 2010

Seoane 100

O goberno de España mantén unha sociedade de conmemoracións que se ocupa de facer lembranza pública das persoas e das cousas. En Galicia non existe nada parecido. Por iso somos os particulares e as asociacións cívicas as que normalmente nos ocupamos de celebrar e analizar os sucesos do pasado para nos axudarmos na construcción da nosa identidade proxectada ao futuro.
Ao longo deste ano cumprirían cen algunhas personalidades galegas que, como Luís Seoane, contribuíron de vez a fabricar comunalmente a nosa cultura galega. Haberá congresos, actos, exposicións, artigos, cursos sobre Seoane. Estaremos atentos.
Cando aínda non rematara o curso 1959-1960, o final da miña carreira universitaria, apareceu Luís Seoane por Madrid. Coido que non está ben rexistrada esta viaxe, segundo penso a primeira que o noso conmemorado fixo despois da súa partida ao exilio de Bos Aires. Daquela Seoane limitouse a visitar Madrid e non quixo pisar Galicia, pode ser que por temor a unha forte emoción ou por temor aos incomodos que a BPS poidera fornecerlle. O caso é que Carlos Martínez Barbeito levou Seoane á taberna La Región Gallega (rúa Noviciado) onde entrou en contacto co grupo Brais Pinto, nun reservado. Falamos despois varias veces e sempre de política, de arte, de literatura e de filosofía. Os meus camaradas e eu ficamos encantados ao entrar en relación directa cunha personalidade que certo galeguismo consideraba "comunista" e, se hai caso, perigosa. Coido que Seoane fixo tamén moi boa amizade con todos nós. Conto isto porque non penso que estea divulgada aquela viaxe de Luís Seoane a Madrid.
Os historiadores da literatura contemporánea entenden que os libros galegos editados no exterior nos anos cincuenta circulaban moi escasamente en Galicia. É certo, pro Fernández del Riego encargouse con éxito de paliar tal carencia, polo menos no que se refere á poesía. Efectivamente, na súa Escolma de Poesía Galega. Os contemporáneos Del Riego inclúe textos de autores residentes no exterior, como Lorenzo Varela, Emilio Pita ou Luís Seoane que moitos limos con fruición. Digo isto para lles decer que a Seoane lle chocou moito o bon coñecemento que nosotros, os de Brais Pinto, tiñamos dos poemas seus.
Seoane foi pintor, grabador, ilustrador, diseñador de libros e revistas. Pro tamén ensaísta, poeta, home de pensamento. Tiña unha idea da arte e da literatura que coincidía coa que tiñamos aqueles mozos de Madrid. Ou sexa, que acreditaba na función social e política da arte e da literatura pro non aceptaba as fórmulas do social-realismo. Coma Brecht, pensaba que o realismo non era a única fórmula válida para a práctica da literatura e a arte de inspiración política socialista. Por cima, Seoane era un nacionalista galego que sentía a necesidade de robustecer, mediante a actividade estética, a conciencia histórica de Galicia. E todo isto parecíalle compatíbel coa autonomía da creación artística e literaria.
Se cadra estes temas serán tratados durante o ano no que o sabio e brillante Luís Seoane se convertiría nun home centenario se a morte non o levase antes de tempo.
Por Xosé Luís Méndez Ferrín

segunda-feira, janeiro 25, 2010

O xefe fala de Carlos Velo

Diciamos sexta feira pasada que este era ano de centenarios. Conmemorarase o nacemento de Carballo Calero, Carlos Velo, Torrente Ballester, Luis Seoane. Agora ábreseme paso entre a brétema da memoria a palabra precisa, a ollada intelixente, o sorriso sabio de Carlos Velo. Era eu un rapaz de once ou doce anos e pasaba en Ourense as festas do Corpus. Algo me levou á rúa de Alba ou de Paz Nóvoa, desde hai un mundo de anos Cardenal Quiroga. Alí estaba o Cine Mary, que vin nacer e morrer. Botaban Torero, unha película mexicana que os ben informados aseguraban estar dirixida por alguén de Ourense apelidado Velo, que seguramente confundían con Xosé Velo. Desconcertoume a fita. Non me gustou a vida do toureiro Luis Procuna e a praza de El Toreo ouveando o seu nome semelloume desprezábel. Nin me emocionou nin deixou de me emocionar o rostro do protagonista comido polos dentes do medo. Pro o feito de que Procuna real a penas se interpretase a si mesmo e que a cámara de Velo conseguise a base da película seguindo o matador durante un longo tempo, interesoume. Ficción e realidade crúa mesturábanse de xeito inusual. Moito tempo máis tarde souben que aquela película mexicana, Torero, era a obra prima ou mestra da Tendencia que na Unión Soviética foi denominada kino-pravda e en Francia cinema-verité. Informeime con Georges Sadoul e co propio Velo cando tiven ocasión de o tratar, e comprendín o tamaño de Torero. Así que , algunhas veces, diante de películas como poden ser Shadows de Cassavettes ou Von Trier aquí e acolá, lembrome de Torero e do cine-verdade. Tamé me fai acordante de Torero o "reality show" Alén de Torero, Velo dirixiu moito cine: Pedro Páramo (sen Anthony Quinn, má sorte), películas didácticas ou científicas (era entomólogo coma Nabokov), spots publicitarios, comedias comerciais sen altura, documental. El cría na potencia educativa e nas posibilidades artísticas do documental e aprezaba sobre todas as cousas Man of Aran. Este é o cine que el faría se as circunstancias da guerra, da emigración política e da vida non llo impediran.
Carlos Velo procedía da pequena burguesía togada e nacera en Cartelle. Cursou Ciencias na Universidade Central de Madrid. Viviu na Residencia de Estudiantes. Foi catedrático de Instituto fugazmente e explicou Historia Natural. Lector en profundidade, o pensamento contemporáneo estaba dentro del e navegaba polos grandes espazos da filosofía, da ciencia da literatura e das artes. Sabía que o cine era a forma perfecta de comunicación do noso tempo. Tempo que el analisaba desde dous ángulos: o nacionalismo galego e o marxismo internacionalista. Velo non foi membro de máis partido político que a UPG, a partir de 1963. Con Lois Soto formou equipo nesta militancia orgánica e na empresa inesquencíbel da revista Vieiros. Os historiadores non o mencionan, pro Carlos Velo foi o responsábel da delegación do Consello de Galiza en México e pelexou para que este goberno galego extraterritorial non fose desobedecido polo galeguismo piñeirista e por outros inimigos políticos.
Nota: Corríxanme dicindo que Carlos Velo Cobelas non naceu en 1910 senón o decembro de 1909. Rectifico, pois, aínda que hai algo na personalidade de Velo que asociarei sempre ás de Carballo, Torrente e Seoane.
Artigo de Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo de hoxe.

domingo, janeiro 24, 2010

O xefe, presidente da RAG

Os nosos parabéns. O Arraiano Maior da Raia Seca xa está ao fronte da Real
Academia Galega. Desexámoslle moito tino e grandes acertos neste tempo tan
borralleiro para o galego.

sexta-feira, janeiro 22, 2010

O xefe fala dos centenarios

Algúns homes que foron importantes para min e se cruzaron, de modos diversos, na miña vida converteríanse en centenarios no presente ano, de estaren vivos. Polo tanto, andarei moi atento ao que se publique sobre Torrente Ballester, sobre Carballo Calero, sobre Luís Seoane, sobre Carlos Velo. Persoas, todas elas, da cultura e nadas en Galicia, foron intelectuais moi activos que se formaron nos días da Dictadura de Primo de Rivera e que tiveron presenza na República. Logo, cada un atravesou como puido ou como quixo o trámite terríbel da guerra de España e dos longos anos de opresión franquista. Os catro homes mencionados eran persoas de pensamento e de ideas, o que non lles pexou os pes para circularen, cada un ao seu xeito, polas estancias das letras e das artes. Durante a guerra, Torrente pasou por Francia, da España democrática á España negra. Carballo foi oficial no exército republicano e purgou unha penosa conmutación da pena de morte que lle foi imposta polo franquismo. Seoane, de nacionalidade arxentina, escolleu o exilio no seu país de nacemento. Velo, polo vieiro inusual de Casablanca e Marrocos, foi dar cos seus osos en México. Un só deles, Torrente, foi intelectual orgánico de Franco, estatuto do que o desaloxou un Fraga Iribarne iracundo. Os outros foron, cada un ao seu xeito, demócratas e galeguista ou nacionalistas. Só Torrente usou en exclusiva a lingua castelá, aínda que respectase o galego. Non se pode entender a cultura galega dos nosos días sen as aportacións dos restantes. Seoane, no ensaio, na poesía, no grabado, na pintura. Carlos Velo na edición de Vieiros no apoio á inicial toma de posición marxista da UPG, na súa permanente lección de cine, sen que nunca dera chegado a ser o cineasta galego que quería. Mesmo sería inintelíxibel e cultura literaria de noso sen as peculiaridades e as grandes aportacións histórico-literarias, de Carballo Calero.
Teremos que falar de Torrente, e desde Galicia, porque teño moito medo de que Madrid non saiba tratar a súa herdanza literaria como debe. Moi "nacionalista" para certa crítica, fóra de Galicia non se soporta ben que en "Los Gozos y las Sombras" Torrente intente unha historia novelada da sociedade das Rías Baixas nos días anteriores á Guerra. A moitos ese Torrente chéiralles a realismo social probabelmente, e tal expresión forma parte do catálogo das prohibidas. Outros non soportan, e iso sábese, a hilarante inmersión (palabra prohibida pola Consellaría de Educación) nos mitos e lendas mesocráticas da Galicia urbana que se nos impón desde a primeira páxina de "La Saga Fuga de JB". A outros resultaralle en esceso esquisito o perfume de "La Isla de los Jacintos Cortados" e eses haberán de ser os mellor encamiñados.
Ocorre que, na mentalidade dominante e no Madrid literario desde o século XIX non se admite un escritor no que o rigor intelectual se combine co humorismo e coa fantasía, a non ser que ese escritor sexa sudamericano e forme parte do boom fabricado nos talleres de pirotecnia editorial de Barcelona. E Torrente élles alleo. Por iso penso que en Galicia non deberiamos de permitir que nos veñan a explicar a nós a obra de Gonzalo Torrente Ballester aqueles que non saben en que consistiu a fábrica de Massó en Bueu nin a tertulia da botica de Perfecto Feijóo en Pontevedra nin o trampitán de Don Juan de la Cova y Gómez inventado en Ourense.

segunda-feira, janeiro 18, 2010

O xefe fai análise académica a fondo

A consellería de Educación remitiulle á Academia Galega as bases para o Decreto de Plurilingüismo. Na sua carta, o señor conselleiro non lle pedía á Institución un dictame. Así e todo, os académicos consideraron obriga súa faceren unha análise do decreto que se prepara e enviarlla ao conselleiro. Foi nomeada unha comisión que, ben asesorada xuridicamente, elaborou un documento de doce páxinas, titulado "Análise académica das Bases para o Decreto de Plurilingüismo". Tal documento foi presentado ao Plenario da Academia e aceptado por unanimidade. Poderiamos decer mellor que o Plenario aclamou o documento, premiando os seus redactores cunha ovación de palmas e varias series de baterías aprobatorias marcadas cos cotelos na mesa da xuntanza. Esto ocorría sábado pasado. Deseguida, fíxose chegar a Análise ao señor conselleiro. Hoxe, segunda feira, o presidente en funcións da Academia Galega reuniu na Coruña os medios de comunicación para lles entregar copias da Análise e mais un condensado dos contidos dela. Este cronista non formou parte da comisión que concebiu e redactou a Análise, polo que está en boa posición para a eloxiar calurosamente sen ser acusado de inmodestia. Ao longo do día de hoxe a Análise terá eco na radio, televisión e internet.
Mañá ocupará un espazo, dependendo das tendencias na prensa. Por esta razón agora non nos ocuparemos aquí en difundir os contidos da Análise Académica.
O rexeitamento do novo decreto do galego parece xeneralizado. A Xunta debería recuar e desistir dos seus propósitos negativos. Desde o meu punto de vista, o PP non dispón dunha maioranza suficiente para promulgar un decreto tan radical contra o galego. Todo parece indicar que o goberno do señor Núñez Feijóo está dirixido desde Madrid e ten como tarefa principal a de desposuír Galicia dos seus signos distintivos, comezando polo idioma que nos fai ser únicos e diferentes no Mundo.
Xamais este goberno se refire a Galicia chamándolle Nacionalidade Histórica, tal e como é definido o noso país no texto do Estatuto, aínda que tamén é verdade que a anterior Xunta autonómica tampouco facía tal. Os premios nacionais de cultura, aínda que precarios e minimalistas, parecer ser que desaparecen da axenda da consellería correspondente. As galescolas, cuase non natas, perden o sentido e os obxectivos que orixinalmente tiñan, e mesmo adoptan un distintivo ridículo. Disque a selección galega de fubol, se cadra por constituir un factor identitario, non é apoiada pola Xunta. O frenesí neocentralista e neoliberal dimanante de Madrid (e do núcleo duro FAES) parece que lle esixe diariamente a Núñez Feijóo que dea mostras de vontade antinacionalitaria. E o mellor holocausto que Núñez Feijóo puido facer nos altares da reacción madrileña é o decreto contra o galego que hoxe mantén a Galicia nunha viva e indesexada contradicción. A agricultura e a gandaría retíranse e deixan paso á selva primixenia, pro a prioridade da Xunta é deprezar o idioma. A crise azóutanos, e a Xunta cruza os brazos. Está diante dos fuciños a posibilidade dunha euro-rexión Gallaecia, que só nos podería reportar vantaxes, pro a Xunta non a promove porque sería, para Madrid, anti-española sen dúbida. Do Banco de Terras de Suárez Canal non se sabe cousa. Só miramos nesta Xunta unha fobia galegófoba que nos fire cada día a moitos fillos deste antigo reino que eles queren facer recuar ao tempo das catro provincias en estado puro.

segunda-feira, janeiro 11, 2010

No centenario do Aviador Dro Arraiano

O 4 de febreiro de 2010 Elixio Rodríguez tería feito 100 anos. Anos de honestidade e xenerosidade. Foise con el un dos bos e xenerosos. Era un deses homes que levan na fronte unha estrela e no bico un cantar. Nado en 1910, Elixio Rodríguez Domínguez deixounos no 2008. Se visitades os posts dese mes neste caderno, saberedes algo máis sobre a súa persoa e veredes a imaxe do seu velorio en México, unha foto que nos enviaron os seus fillos, Paio Fiz, Denís, Iago Xes, Elixio Gael e Alda Olaia, o mesmo día en que o ían soterrar.
Uns meses máis tarde, no día do que sería o seu aniversario, rendémoslle ao aviador arraiano unha merecida e multitudinaria homenaxe en Lobios e Celanova. E agora xa por fin o seu libro de memorias, Matádeo Mañá, que levaba anos esgotado, volve estar nos andeis das librarías. Queremos mandarlle dende eiquí unha agarimosa aperta á toda a súa familia e moi especialmente á súa dona, Gloria, a quen lle mandamos un bico enorme dende a distancia para lle lembrar que o seu home segue e seguirá a ser sempre un referente para todos nós.