quarta-feira, novembro 28, 2007

domingo, novembro 25, 2007

Presentación de Fóra do Sagrado en Compostela


Arraianos do mundo, se queredes vémonos este martes, 27 de novembro, ás 20 h, no auditorio da facultade de CC da Información da USC, en Santiago de Compostela...

Anxo Angueira presenta o seu último poemario, Fóra do Sagrado, recitando e con banda sonora e ambientación en directo. O Leo i arremecághona dirixe a parte músical do espectáculo, mentres que o Aser Álvarez Arraiano fai as percusións e asume o papel de ruideiro. Como decorado, poderedes ver o impresionante mural épico do Berbés que pintaron os irmaus de Diós... Hostindiós, para non perdelo nin de coña. Presenta Ricardo Losada.

quinta-feira, novembro 22, 2007

Camiñata por Bande

Este sábado, 24 de novembro imos de andaina a Bande, onde o noso alcaldable, o arqueólogo David Pérez nos ten preparado un roteiro etnográfico e cultural. A saída é ás 10 da mañá dende o alto do Iermes.

segunda-feira, novembro 12, 2007

COUSAS DE LOBOS

A primeira vez que vin un lobo, eu andaría polos 11 anos e lembro que fiquei marabillada pola estampa daquela testa ergueita, que nos fitaba orgullosa e desafiante do alto dun penedo. Aconteceu na serra do Xurés un día de xaneiro de hai algúns anos.

A miña nai, que xa vira moitos lobos antes, fitou o animal de fronte e iste, virouse e marchou sen baixar nunca cabeza. Eu tampouco tiven medo. Estaba tan abraiada, que teimei en grabar no maxín a imaxe que tiña diante sen tempo para pensar en nada máis; ben feito! porque sería esa imaxe a que dende aquela me serviría para porlle cor ás historias que se contaban no lugar, historias sobre a serra, riscos, contrabando, gardas civis, mortos, fuxidos, e por suposto, lobos. Calquera historia gañaba interés sempre e cando un lobo entrara a formar parte da acción.

Vin outros lobos dende aquela mañá de inverno. Unhas veces percorrendo co meu pai os cumios esgrevios da serra, outras, atravesando a estrada cando voltaba dunha noite de esmorga; iso sí, xa non se ven tanto coma antes, ben porque a xente xa non sobe ó monte, ben porque lles faltou alimento cando a res deixou de subir a serra e menguaran os rebaños de vacas.
O desequilibrio provocado polo home, estivo a piques de derivar na desaparición diste e doutros animais da serra do Xurés. De non ser por isto, hoxe o lobo non tería porque ser un animal protexido; as corzas reproducíríanse regularmente se non se matasen crias ou femias durante as vedas, en cazadas ilegais tácitamente sabidas e nunca denunciadas, en fin. E todo isto dende que os "novos cazadores", deixaran de practicar o deporte da caza para adicarse matar animais.

Sexa como for, o lobo segue e seguirá a ser parte imprescindible do lendario oral xuresiano, que aliás, e caixe o único de que dispomos; porén, deberiamos teimar en conservalo. Nós, que nos criamos en terra de lobos, aprendemos que o lobo só ataca cando ten fome ou cando sente ameazado o seu territorio. Isto é, se o home non invade o territorio do lobo, o lobo non invade o territorio do home. Se un dos dous incumpre a regra, entón, a loita debería ser xusta.

Mais, claro, quen se enfronta a un lobo armado cun estadullo de carro, tendo a man veleno e trampas e espingardas? Pois igualiño ca o que mata unha corza dentro da reserva para celebrar unha comedaina cos amigos. Será que levan razón as mulleres do meu lugar cando dín que xa non quedan homes coma os de antes. Saúde para o tio Eixó.

O xefe fala do garrao galego

Celebrouse por segunda vez o Curro de Domaio, que colle as bestas que andan por aquelas serras da base do Morrazo. Cando tivo lugar, a prensa, a radio e a TV a penas se referiron ao acontecemento. Para os medios de comunicación todo o que non sexa a chamada Rapa de San Lorenzo de Sabucedo non existe e, como tal, o curro vigués do Galiñeiro é pouco menos ca unha reunión clandestina. Pro ocorre que hoxe, na seu último número, unha das mellores e máis serias revistas de cabalos do Estado Español, El mundo del caballo, editada en Barcelona e dirixida polo doutor Adolf Cabané, publica un magnífico reportaxe gráfico e literario sobre o Curro de Domaio, dándolle leccións de documentación, precisión e coñecemento do asunto tratado aos periodistas que, case sempre pouco documentados desde a lonxana morte de Bene, cobren mal ou ignoran estas festas bravas da nosa Nación. Algún día as autoridades autonómicas terán que facer o católogo e o almanaque dos cen curros que cada ano se celebran en Galicia e convirten o País no territorio máis intensamente ecuestre da Península Ibérica. Xa Plino dicía que as nosas égoas empreñan do vento.Naturalmente, a revista que comentamos fala de Casas Novas e do Trofeo de Saltos de Caixa Galicia.Pero aínda hai máis mencións de Galicia nas páxinas da revista editada en Cataluña. Nunha ampla información sobre autoridade de xuíz hípico, menciónase o feito real de que o máis novo deste oficio en España é Nacho López Calvín, da Fonsagrada, precisamente especializado nas probas de marcha, andadura ou amblure, que é o aire ecuestre que Joaquín G. Troncoso, como é sabido, restaurou en Galicia equiparándonos con Islandia na práctica dunha especialidade mítica que conta cun campionato anual que cubre todo o País administrativo a aínda se extende con naturalidade á Veiga (Asturias) e a Valença do Minho. Unha reportaxe moi ben dotada graficamente visualiza e comenta o Campionato Galego de Andadura, o que nos fai pensar, máis unha vez, no feito de que cousas e riquezas culturais propias de Galicia non son debidamente nin protexidas nin incorporadas ás axendas dos medios de comunicación galegos mentres publicacións de fóra, como é El mundo del caballo, procuran a novidade, a beleza e bravura do que é noso, comprendéndoo e dando conta cabal de todo.Estivemos en Barallobre, concello de Fene, facéndolle homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé. Leuse alí unha súa cántiga ao Curro da Capelada, que é a onde se acurran os cabalos que pacen no Ortegal, na fin do mundo de Xiao Roel: "Dende a cabana teixida/ manda o vento un asubío;/ xurde da Pena Toxosa/ un rincho longo é bravío./... / O mozo Sol, dilingueiro/ no cimo da madrugada/ acurra cabalos verdes/ na serra da Capelada/..."O día no que os poderes públicos tomen realmente en serio o cabalo PRG (Pura Raza Galega) e os seus concursos morfolóxicos, o acontemento grandioso dos curros e a práctica da andadura ou marcha, haberá que reeditar estes versos completos de Pérez Pallaré e convertelos nunha especie de himno.
XLMFerrín