A familia arraiana aumenta e aínda non sabemos moi ben onde vai ir parar toda esta sementeira multimedia sen profilácticos de por medio. "Con esta crise que non nos deixa respirar e van estes tipos e montan unha produtora e consultora cultural", comenta a nosa perruqueira polo baixo cando imos facer a permanente e as mechas. Mais non podemos deixar de facer tolerías, por moito que queiramos (non é o caso) nin só porque nos digan que estamos coma cabras. Queremos ser os buxatos dos vosos soños máis atrevidos...
Vivimos na raia, habitamos as fronteiras do principio do mundo, onde sempre acontece todo o interesante. Eiquí sabemos que só os vellos e os mortos deixan de facer toladas cando xa non cren no imposible. Estamos moi vivos, máis vivos ca nunca. Coma quen di, case acabados de nacer. Mamando dos tetos da vida coa forza succionadora e cósmica do Heracles á sombra do Penagache.