segunda-feira, abril 30, 2007

A ollada ilexíbel


Empecei a pintar dun xeito espontáneo. Vin nas palabras a extensión dun xesto, o tacto dunha ollada, as formas dunha imaxe incomprensíbel. Para min a pintura é unha consecuencia do que escribo, quen sabe se a mesma raíz da que agroman as palabras. No proceso de creación, entendo a caligrafía como unha ponte entre o que lemos e o que vemos, entre a escrita e as imaxes. De aí que, na selección dos signos que nomean e dos símbolos que revelan, atope maior expresividade canto máis ambiguos, canto máis abstractos, canto máis desposuídos da realidade que os evoca. Entendo a arte como unha recreación da realidade dende a nada, dende o baleiro, dende a inexistencia das cousas nunha cegueira que nos obriga a edificar, como deuses desherdados, unha ollada do mundo, unha imaxe do que habitamos na máis absoluta escuridade do abandono e da orfandade fronte ao tempo. Por iso aprecio máis na pintura a pura abstracción, porque as formas que xera sempre nacen da inocencia de non saber, do punto cero no que toda a xeometría poética asenta as súas coordenadas. Empregando un símil, se o pintor é una visor ou vidente da realidade, o pintor realista sería un visor miope, que deforma ou desfigura o que ve, mentres que o pintor abstracto sería un desafiuzado pola oftalmoloxía, xa que a súa cegueira obrígao a reconstruír a realidade a imaxe e semellanza das formas que poboan a escuridade que o acolle.

Baldo Ramos



sábado, abril 28, 2007

O Xefe fala de Líster e dos galegos no Exército Republicano


A asociación A Oliveira de Teo anda nun labor de fixación na memoria nacional do rostro humano e da figura histórica do xeneral e comunista Enrique Líster, nativo de Ameneiro (Calo), lugar daquel concello do hinterland da Compostela que, simultaneamente, proxecta unha rúa para Fraga Iribarne. X.L. MÉNDEZ FERRÍN

O que nos leva a pensar que se ben todos os interesados saben que Líster mandou contra Franco o 5º Rexemento, a 11ª División e o Corpo do Exército que se bateu no Ebro, encóntrase en estado difuso a idea de participación dos galegos como tales na historia militar daquela guerra que o xeneral de Calo non quería chamar "civil" e con moita razón.Foron moitos os galegos que, estando presentes o 18 de Xullo na zona que se consolidou leal, se uniron ao seu exército. Algúns deles foron de nome literario ilustre, como Carballo Calero, Guerra da Cal ou Rafael Dieste, quen renunciu ás tarefas de propaganda e empuñou con honor o Mauser de soldado raso. Sábese de moitos centos de segadores galegos en Castela que colleron as armas, maiormente so o mando de Líster. Coñécese o feito de que os galegos constituíron o meirande continxente de soldados de Franco que, por principios, se pasou ao exército republicano, seguido en número polo dos canarios. Un dos combatentes que mudou de bando foi o galeguista Ramón de Valenzuela, que contou o episodio na novela Non agardei por ninguén. Non se contou, por contra, a historia do tamén galeguista Vicente Hermida, o cal se pasou no primeiro intre aos gudaris do PNV para, logo de feito prisioneiro con nome suposto vasco, ser fusilado en Camposancos. O ponteareán Benavides conta a xesta dos mariñeiros, cabos e oficiais de Máquinas galegos que se fixeron cos grandes buques da Armada e os puxeron ao servizo do Estado Maior da República. E non debe esquecerse o oficial de aviación, máis unha vez galeguista, Elixio Rodríguez, que se pasaou á zona republicana co seu caza e a través de Gibaltrar.En canto aos galegos organizados como tales no exército republicano foi sempre moi lembrada a existencia do Batallón Galego do 5º Rexemento de Líster, mandado polo tamén nacionalista galego (da USG dirixida por Xohán Xesúas González, fusilado) comandante Esturao. Esta unidade arboraba a bandeira de combate azul e branca con estrela vermella e editaba unha revista propia titulada Nueva Galicia na que se incluían colaboracións en galego de Cabanillas. Sen embargo, poucos recordan o Batallón Celta que, promovido pola CNT dentro da disciplina do Exército de Euskadi, mandaba un esquecido e descoñecido para min Comandante Fernández. O Celta estaba integrado por mariñeiros da mercante e de pesca e, en xeral, por traballadores galegos en Euskadi.Ocorre que é máis ou menos coñecida a Solidaridade Galega Antifeixista, órgano político dos galegos durante o conflicto bélico, que Lois Soto (comunista) creara co apoio de Castelao (galeguista). Pro o estudo da participación galega na Guerra en canto que continxente nacional e á luz da Historia Militar aínda está por facer. Por suposto, esta crónica dos galegos organizados nos frentes de combate é inseparábel da crónica das guerrillas organizadas na Galicia ocupada que prolongaron a loita contra o franquismo e a guerra de España máis alá de 1939 e en forma de Resistencia.

quinta-feira, abril 26, 2007

Baldo Ramos Arraiano


Ninguén é poeta na súa terra? Máis vale tarde ca nunca... Por fin imos poder ver unha mostra da obra de Baldo Ramos na súa vila natal, Celanova. E veleiquí a nota de prensa da Fundación Curros Enríquez. Sen comentarios...
“LIBROS DE ARTISTA” É A NOVA EXPOSICIÓN DA CASA DOS POETAS EN CELANOVA
CON ESTA MOSTRA A CASA DE CURROS XA ESTÁ CHEA DE POETAS

Dende o 27 de abril ata o 8 de xullo a sede da Fundación Curros Enríquez acollerá unha mostra de Baldo Ramos, poeta e artista nado en Celanova, polo que durante dous meses a Casa dos Poetas estará chea de arte celanovesa. Trátase dunha selección de ‘libros de artista’ que elabora este escritor combinando a palabra e a pintura. As imaxes vexetais e os trazos caligráficos en tinta negra remitennos á escritura chinesa nun intento de evocar sentimentos ou conceptos abstractos que complementen a mensaxe escrita.
Esta é a primeira ocasión na que Baldo Ramos expón a súa obra artística, aínda que non a poética xa que Escura e transparente foi presentado na Casa dos Poetas en 2005 e proximamente esta Fundación editará o seu último traballo O ourego e o compás.
A promoción deste autor ten a singularidade de que se trata dun escritor ainda descoñecido na comarca a pesar de ter publicadas sete obras. Gañador de galardóns como ‘Premio Concello de Carral’, ‘Premio Arcipreste de Hita’ ou ‘Premio Mª del Villar Berruezo’ esta mostra é o noso particular recoñecemento á súa obra.
Esta exposición inaugurarase o venres 27 de abril ás 20:00 horas na Casa dos Poetas e contará coa presencia do artista. Será un acto aberto ao público en xeral.




domingo, abril 15, 2007

76 anos depois da II República


Pola República Ibérica dos Pobos... Xa o dicían Pepe Velo e os do DRIL, e tamén algúns anarquistas e comunistas adiantados ao seu tempo. Os Arraianos sempre fomos fieis aos nosos referentes, bos republicanos e contrabandistas de ideas confederadas

sábado, abril 14, 2007

Xa vai sendo hora de traballar sen fronteiras


(Información recollida do Faro de Vigo do 14 de abril de 2007)

La eurorregión Galicia-Norte de Portugal relanza para el ecoturismo el Parque Xurés-Geres

Galicia y el Norte de Portugal presentarán en 2008 ante la Unesco la candidatura del parque transfronterizo Xurés-Guerês para su declaración como Reserva Internacional de la Biosfera, categoría que en Galicia ya ostentan Os Ancares. Éste fue uno de los acuerdos tomados ayer en el Plenario de la Comunidad de Trabajo Galicia-Norte de Portugal. Para impulsar este parque y recibir el sello de la Unesco, la eurorregión le dedicará una inyección económica de veinte millones hasta 2013. Galicia y el Norte de Portugal pretenden convertir este espacio natural , con 69.593 hectáreas en tierras ourensanas y 34.496 en zona lusa, en un foco de atracción turística. La eurorregión quiere promocionar el parque como destino ideal del ecoturismo, y crear una central de reservas conjunta para alojamiento. Galicia y el Norte luso también pedirán a los Gobiernos de España y Portugal que el parque sea declarado internacional. Con la fuerte inversión que planean en este espacio natural, prevén además conservar especies amenazadas, reintroducir otras ya extinguidas, como el águila real, y crear un vivero de especies de interés, entre otros proyectos. La declaración de Xurés-Gerês como Reserva Internacional de la Biosfera es uno de los proyectos más ambiciosos del Plan de Trabajo de la eurorregión, que en 2007-2013 manejará 97 millones de euros. Por primera vez la política medioambiental ocupa un lugar destacado, con una inversión de 36,5 millones. Hay 12,5 millones para el desarrollo sostenible de las cuencas de los ríos Miño, Limia y Támega. También hay un proyecto para reforzar la cooperación en la lucha contra el fuego.

segunda-feira, abril 09, 2007

O Xefe fala do amigo Carlos

CORUÑÉS E PATRIOTA
Hai outras Coruñas, mais é a Coruña das persoas como Carlos Díaz a que levantou o monumento a Curros que o é tamén ao nacionalismo, á Republica, ao laicismo e á confianza no Home
X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Morreu Carlos Xohán Díaz Martínez, que, alén de amigo e home activísimo e leal, encarnaba a figura dun certo tipo de coruñés que, para ben de Galicia, se obstina en non desaparecer da sociedade. Falo do nacionalista que se nega ao accidentalismo asumido pola maior parte dos seus correlixionarios (hoxe, o BNG) e considera que a aspiración á forma de goberno republicana é irrenunciábel e está unida ao laicismo e á confianza no progreso do Xénero Humano. Naturalmente, non é privativa das xentes da Coruña esta actitude ideolóxica e sentimental, pro Curros Enríquez, que era de Celanova, sabía ben que a cidade de Díaz Porlier e Juana de Vega constituía un emblema visual de todo iso. Hai outras Coruñas, mais é a Coruña das persoas como Carlos Díaz a que levantou o monumento a Curros que o é tamén ao nacionalismo, á Republica, ao laicismo e á confianza no Home. Por cima, Carlos Díaz sumaba ao exemplo das figuras do pasado o valor e constancia do proletariado coruñés que el e a súa familia vían representado nos Irmáns da Lexía, victimas, como tantos outros, do terror branco no Campo da Rata segundo creo.Carlos Xohán apredeu a arte de ser galego na emigración obreira de Suíza, a onde marchou meniño acompañando seus pais, coruñeses de Atocha. Xa a principios dos anos setenta el pertencía á xove garda (daquela aínda vermella) da UPG e era incansábel. En Xenevra (mandábanos escribir así o exónimo) promovía un novo centro galego (Irmandade Galega na Suíza) máis próximo do nacionalismo ca o benemérito e máis vello que fundaran Anllo, J. Angel Valente, o outro Suso Vaamonde e máis amigos (A Nosa Galiza). Amante das artes gráficas, puña en marcha alí en Xenevra as Edicións Roi Xordo. E non se editaba na Roi Xordo só política: tamén dos seus obradoiros artesanais saía poesía de combate. Luis G. Blasco "Foz" exiliado en París e Carlos X. Díaz estudante e traballador en Xenevra constituíronse en executores dunha renovación política na emigración galega en Francia e en Suíza que tiña como eixo o nacionalismo frentista de esquerda que ao tempo impulsaba a UPG a través da organización de masa ANPG. Tiveron éxito.Os derradeiros relanzos da vida de Carlos X. Díaz Martínez, que media entre 1988 e o pasado 31 de marzo, foron moi productivos. Ademais das actividades asociativas que el centrou, nesta etapa, no Ateneo Republicano da Coruña, puxo en valor o seu valiosísimo arquivo persoal de documentos da Resistencia antifranquista facendo posíbel que accedesen a el os investigadores da memoria. Difundiu mediante a edición as súas coleccións privadas, en especial a moi nutrida de postais. Aplicouse ao que eu considero a súa vocación fundamental: a edición de libros. Por riba de todo, Carlos X. Díaz era editor vocacional e, moi concretamente, editor de textos en idioma galego. Primeiro foino, xunto con M.A. Fernán-Vello, de Espiral Maior; logo, el só, das Promocións Culturais Artesa, que fabricaron algunhas alfaias bibliográficas que pasarán á historia do libro en Galicia. Colaborou, igualmente, con outras editoriais como é o caso de Edicións Xerais de Galicia, Vigo.Entusiasta, intrépido, cordial, Carlos X. Díaz Martínez extinguiu a súa vida e xa é cinsa. Prevalecerá a súa obra xenerosamente consagrada á colectividade e, en canto nós vivamos, e aínda máis alá, ha pervivir a súa memoria de coruñés e patriota.

sexta-feira, abril 06, 2007

ARRAIANOS POLA XUSTIZA E A DIGNIDADE


PRONUNCIAMENTO SOBRE O PROXECTO DE LEI DA MEMORIA HISTÓRICA
(En fase de trámite no Congreso dos Deputados)


En relación coa recuperación da Memoria Histórica, valoramos positivamente a aprobación polo Parlamento Galego o pasado 28 de decembro dunha Proposición non de Lei para a “rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e de todas as persoas asasinadas e represariadas por defenderen a legalidade democrática, as aspiracións de autogoberno de Galicia e a xustiza social”. Sumámonos á petición do Parlamento Galego para que o Goberno Central inicie “as accións necesarias que permitan a anulación dos consellos de guerra a que foron sometidos”. Entendemos que a represión da ditadura chega ata 1977 e comprende represión de todo tipo: política, sindical, social, moral, educativa, económica, etc.

Consideramos que o citado Proxecto de Lei debería incluír os seguintes aspectos:

1. Condena do franquismo, que foi declarado en decembro de 1946 pola ONU como un réxime criminal.
2. Recoñecemento explícito da resistencia antifranquista e de todas as persoas que loitaron pola liberdade.
3. Declaración da nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenza, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterior ditadura.
4. Aplicación do dereito internacional sobre as vítimas da represión franquista, incompatible con calquera mecanismo de impunidade, previsto no articulado do Proxecto de Lei: imprescriptibilidade, dereito a saber, dereito á xustiza, dereito á reparación.
5. Consideración dos crimes do franquismo como delitos contra a humanidade.
6. Instar a todas as administracións (central, autonómica e local) para que se retiren dos espazos públicos os símbolos franquistas, dos monumentos, edificios, placas, rúas e prazas e as referencias ás persoas relacionadas coa ditadura.
7. Apoio á conservación e potenciamento dos arquivos da memoria, tanto públicos como de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades.
8. Instar á Administración a que apoie aos familiares das vítimas da represión na busca de información, presentación de reclamacións, etc.
9. Intervención publica das distintas administracións nas labores de localizacións, identificación das fosas de enterramentos das vítimas do franquismo e, no seu caso, exhumación, divulgando os resultados; elaboración dun protocolo de actuación científica multidisciplinar.
10. Revisión dos currículos escolares, fomentando e apoiando a elaboración de materiais sobre o período republicano, sublevación militar fascista, ditadura e resistencia antifranquista.
11. Regulación da apoloxía do franquismo como delito e prohibición de toda exaltación do mesmo.

quinta-feira, abril 05, 2007

O Porto e os biorritmos arraianos



Xa cho dicía eu, meu querido irmau arraiano, que cada corazón humano ten un ritmo diferente, aínda que hai quen bota toda a vida sen sabelo. Pero o teu xa sabes que é de ská e o meu de reggae. Mándoche esta postal para non dicir nada importante. Coma sempre. Ti xa me coñeces: Dispersoberbio perfecto!
Prque os patíns on line éche o que teñen. Que te pos a darlle pedal e non das parado nunca. Pero non hai como patinar sobre as augas remexidas do Minho, o deles e o noso quero dicir, sen esquecer que lle aínda debo ao Lima un descenso en canoa dende Muíños até Viana do Castelo, con mostacho esturrxado e foto finish no Bon Xesús en branco e negro. Pero iso será outro día, porque hoxe vou on line e co vento a favor. Os portugueses venme cara de español e os españois (ou galegos?) tómanme por portuñol. Seica van ver se xa abriron os de ikea.


Un tipo con pinta de sospeitoso patina coma un foguete polas rúas da moi doce, marroquí e napolitana cidade do Porto, cun saxo enorme dourado ao lombo e o bandullo cheo coma un bocoio. En Leça de Palmeira agárdanos Álvaro Siza no restaurante Boa Nova, un refuxio de finais dos 50 que se agocha entre as penedas da beiramar e refinería de galp. A Habana ao fondo. Uns mariñeiros surfean coa chalupa ao curricán. Música moderniña e moita percusión. Vento norte. Merda. A sopa de legumes xa está fría e Siza aburrido de falar. Sempre esquezo que cobran a manteiga salgada. Parvo do carallo.


De Boa Nova a Boa Vista. Das pendedas á rocha da música. Patino por entre os camións petroleiros até o bairro do percebe alado sen mirar aos ollos a ninguén. Só unha muller que me dice en castellano que ella ha vivido en orense y que estoy majara. Pido indicacións e lévame amable até o centro rítmico da cidade. Alí está a cosmopolita pena de Anamán. A primeira obra do arquitecto holandés Rem Koolhas en Iberia Pen Ínsua. A Casa da Música do Porto. Os arredores deste edificio son o paraíso dos rolers e dos skaters, que me reciben coma a un deus de Papúa.


Entro agatuñando da emoción. O edificio marea, coloca, pon cego, lisérxiame os caralludos traseiros, sobácame as pálpebras húmidas de bágoas e acelérame o ritmo. Pouso o saxo sobre o chan brando das escadas e tomo morfina con Coltrane. Todo é música na casa. Interruptus da luz, portas de madeira forradas de veludo, pasos sobre aceiro, madeira e vidro. Descuadres, desenfoques, claridade, orden, vértices imposibles.


A xente camiña agarrada ás paredes sen a axuda de drogas sintéticas nin analóxicas. A Orquestra Aragón?. Non pode ser. Pero este cheiro a habanos... Este destino ás veces é un can de palleiro. Abro a porta e aparecen eles, pedíndome que toque as congas no tema Killing me softly. Aforro 15 ouros de entrada levito sobre violíns, percusión, piano, baixo e frauta traveseira. A loiraza dime que fique alí para sempre, pero lembro que teño que impedir os vía crucis miñotos con resistencia pacífica.


Meter fuciño sen fouciño que limite os sentidos, e a ver se aprendemos algo que mellore os biorritmos arraianos...




Fundada em 1939 por Oscar Aragón Cantero, a Orquestra Aragón mantém‑se em plena actividade tanto no seu país, Cuba, como em concertos por todo o mundo. Traz à Casa da Música as sonoridades tradicionais cubanas, que tem procurado ao longo dos anos enriquecer com novas composições e incursões de ritmos das mais variadas proveniências.

segunda-feira, abril 02, 2007

O Xefe fala das illas dos araianos

As illas galegas deberán ser parte da instrucción e coñecemento básico de todos os galegos
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Non hai moito a Caixa Galicia meteu nas mans da Academia Galega o uso da casa da Rúa do Príncipe da Coruña na que viviran un tempo Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Moi poucos días despois, a mesma Caixa coruñesa facía pública a compra da Illa de Sálvora coa intención, segundo leo, de incorporala ao Proxecto do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Se no seu día botamos un foguete ao coñecer a primeira noticia, agora imaxinamos unha salva de aplausos que seguramente lle aqueceu as mans a todos os galegos e galegas (sic) verdadeiramente preocupados polo medio ambiente natural. O día no que a Consellaría do ramo se faga coa propiedade da Illa de Cortegada teremos que manifestar tamén de forma estentórea a nosa satisfacción.O caso de Sálvora era moi humillante. Tratábase dunha propiedade dun marqués na que non te poderían privar dun desembarcado os gardas pro na que estaba prohibido sobrepasar a liña marítimo-terrestre do dominio público. Mesmo houbo casos nos que un vixiante armado nin siquera permitiu pisar a estrema da costa. E, pois, unha illa galega que pasa a ser, senón de propiedade nacional, polo menos dunha Caixa de Aforos que a proxecta ceder ao uso público dos habitantes do País e dos estranxeiros de toda parte. Inclusivemente agora poderán facer escursións a Sálvora os alumnos das novas escolas e institutos. Se eu fose consellerio da Caixa Galicia proporía organizar en Sálvora un grande acto no que a nova propiedade declarase o libre acceso á illa.Este cronista é un entusiasta da illas galegas, até o punto de ter pensado no pasado en escribir un libro sobre todas elas. Anos máis tarde daquela idea inicial, fíxoo Estanislao Fernández de la Cigoña; e ben vida foi a obra. Cando foi constituido o Parque Nacional das Illas Atlánticas sentinme moi satisfeito, e se este revirte ao poder autonómico da nosa Nacionalidade Histórica (chámase así oficialmente Galicia, inda que pareza mentira) teremos de novo que botar man da pirotecnia en honor de Don Manuel Álvarez e de Don Xosé Benito Reza, conselleiro e director xeral dos asuntos de medio ambiente que nunca sei como se din na nova terminoloxía sistemática. As illas galegas son lugares cuxa visita debe ser incentivada e nos que a protección das especies salvaxes tería que ser combinada con investigación e experimentos de conservación de razas bovinas, equinas, caprinas, ovinas autoctonas, alén de centros de divulgación xeolóxica, xeográfica, zoolóxica, botánica, tanto de carácter submariño como terrestre. As illas galegas deberán ser parte da instrucción e coñecemento básico de todos os galegos. Non poden constituír o Parque Nacional (os parques galegos tamén deben chamarse nacionais) unicamente aquellas illas que figuran no proxecto inicial. Este debe ser prolongado polo norte e extenderse á totalidade das illas, cons e penedos das nosas costas. Débense incorporar ao noso Parque Nacional as ínsuas do Miño, comezando pola chamada por excelencia A Ínsua e seguindo coa da Boega, o que convertería o parque en transfronteirizo pois estas son de territorialidade republicana portuguesa; e tamén as Canosas, dependentes do reino de Madrid. Probabelmente todo isto é un imposíbel. Mais observando a nova mentalidade de Caixa Galicia e tamén as actitudes políticas naturalísticas da actual Consellaría que entende en medio ambiente, eu atrévome hoxe por primera vez a expresar o meu soño.

domingo, abril 01, 2007

Morreu o editor e documentalista Carlos Díaz

Mirando esta foto que pendurou Manuel Bragado no seu blog, lembro a impresión que me causou o camarada Carlos a primeira vez que o vin, todo vestido de branco, co pelo para atrás en con gafas de sol, falando con bo criteiro: Boa xente.
Coñecín a Carlos Díaz Martínez a través do fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luís. unha tarde de verán no Auditorio de Galicia, en Santiago Compostela. Daquela anadabamos a argallar un monográfico da Revista Arraianos sobre o poeta celanovés. Foi tal a conexión e a empatía entre nós, que ese mesmo día acoordamos que Carlos (Artesa) ía dirixir o proxecto gráfico do número seis da nosa revista: Celso Emilio fai 95 anos. Viñeron despois reunións e conversas para coordinar o monográfico nas que o entendemento a sintonía entre nós deu pé a novos e ilusionantes proxectos para o futuro. Proxectos que agora imos retomar os arraianos por Carlos. Polo seu entusiasmo, pola súa honradez, pola súa amizade, por ter a sorte de atopármonos e porque o seu bo facer profesional marcou o inicio desta nova etapa da Revista Arraianos. Até logo Carlos. Beizón.