quarta-feira, novembro 25, 2020

II Premios de Podcast "O Vello dos Contos"

O pasado 19 de Novembro do 2020, ás 12:00 h, reuniuse de forma virtual o xurado do II Certame Escolar de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Arraianos Producións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio do colectivo Ponte nas Ondas, o Museo do Pobo Galego, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a Radio Galega, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia. 

Logo de valorar os traballos finalistas, acordou por unanimidade conceder os seguintes premios, consonte as bases do concurso:



Categoría de Primaria

Primeiro Premio

Sinécdoque, un podcast do CEIP Raíña Fabiola de Santiago de Compostela. Tendes aquí o enlace para escoitalo. 

Premio Especial 25 Aniversario de Ponte nas Ondas

Ánimo, xente, un podcast do CEIP Canosa-Rus de Coristanco.

Accésit

Na verea da igualdade, un podcast do CEIP Baamonde de Begonte.

Categoría de secundaria

Primeiro Premio

O vello dos contos, un podcast do IES de Foz.

Premio especial 25 Aniversario Ponte nas Ondas

Morriña, un podcast do IES Manuel García Barros da Estrada.

En breve informaremos sobre a entrega de premios e deixaremos o enlace aos traballos premiados.



sábado, novembro 14, 2020

De Carballo a Carvalho e a capacidade transformadora da educación


Veleiquí estamos os dous inseparables cabezudos que ao longo destes meses pandémicos nos fomos facendo bos compas de viaxes, troulas, lecturas, músicas, rodaxes e que mesmo así, tanto tempo xuntos, nos acabamos facendo grandes amigos. Nesta imaxe de Xoán Alrey, que serve para ilustrar esta info ben interesante sobre algúns dos nosos proxectos documentais sobre Ricardo Carvalho Calero, que fixemos con Arraianos Producións, non se sabe moi ben quen colle a quen, quen terma de quen, quen turra de quen... Sempre me levei moi ben cos mortos. E Carvalho é un morto ben vivo. 


Foi este noso idilio unha xeira ben fermosa, que comezamos pouco antes do confinamento, con "De Carballo a Carvalho. Percurso pola vida e obra de Ricardo Carvalho Calero", un documental con fins divulgativos e pedagóxicos que foi unha encomenda da Agal, nun percurso que continuamos todo o mes de maio co proxecto Unha palabra para don Ricardo, que fixemos para a Real Academia Galega, e aínda houbo tempo de crear un proxecto multimedia chamado "Carvalho Calero sem fronteiras", coa axuda dun equipo de xente extraordinaria, todos convencidos das potencialidades transformadoras da educación e da utilidade do audiovisual neste eido. E aínda houbo recitais poéticos, diálogos entre poetas eróticos e rock, músicas e outras drogas de curso legal para as nosas almas e para reivindicar a este pequeno grande home de Galicia. Un home sen fronteiras. 


Coido que Carvalho está contento co traballo feito, co carácter divulgativo e pedagóxico que lle demos a todos os proxectos, ou polo menos iso é o que me di don Ricardo cando me meto dentro del... Fun  feliz. Agora, seino... Seguimos na xeira das Letras Galegas!!