40 traballos aspiran aos premios do I Certame Escolar de Podcast e Relato
Radiofónico Xosé Mosquera Pérez
O acto de entrega de premios, onde se van repartir 1.500 euros, vai ser o
vindeiro martes, 28 de maio, ás 18 horas, no Museo do Pobo Galego
O xurado e os organizadores deste
primeiro concurso de podcasts en galego, promovido polo IES Rosalía de Castro e
Arraianos Producións, co apoio da SX de Política Lingüística e a colaboración
da Fundación Rosalía Castro, as Redes de Dinamización Lingüística, o colectivo
Ponte nas Ondas, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Radio
Galega, a Real Academia Galega e a Fundación Antonio Fraguas, agradecen “a alta
participación do alumnado e do profesorado e o extraordinario nivel dos case
corenta podcast presentados ao concurso”.
O acto de entrega de premios vai ser
o vindeiro martes, 28 de maio, ás 18 horas no auditorio do Museo do Pobo Galego,
e vai contar coa presenza dos autores e autoras dos traballos premiados e dos
finalistas. Mesmo se agarda que o acto poida contar cunha intervención de Xosé
Mosquera Pérez, que se converteu na primeira estrela mediática de Galicia, aló polos anos
30 en Galicia, dándolle vida ao personaxe radiofónico “O vello dos contos”, que
se fixo famoso na emisora decana da radio no noso país, cando comezou a emitir
regularmente en 1933.
O
certame, o primeiro destas características en Galicia, está dirixido ao
alumnado dos últimos cursos de primaria e dos catro cursos da ESO dos centros
de Galicia e tamén dos que imparten lingua galega no exterior. Tiveron que
gravar un relato radiofónico, cunha duración máxima de cinco minutos, sobre
algún aspecto relacionado coa biografía ou a obra da figura que se homenaxea no
Día das Letras Galegas.
Este ano corresponde ó historiador e etnógrafo Antón Fraguas,
autor que ademáis de ser un dos impulsores da chegada da radio a Galicia, tamén
compartiu experiencias de teatro radiofónico con Xosé Mosquera Pérez, tal e
como se recolle na foto que enviamos no anexo, na que Antón
Fraguas é o primeiro pola esquerda e aparece canda Xosé Mosquera e outras
compañeiras do primeiro cadro de actores desta emisora. Por iso este ano a
entrega de premios se fai no Museo do Pobo Galego, primeira sede de Radio
Galicia e que hoxe acolle a Fundación Antón Fraguas.