sexta-feira, janeiro 25, 2008

O mundo das aldeas chega ao Liceo de Ourense

Arraianos, Alvarellos e TVE convídano á proxección do documental Queda alguén aí?, xunto coa presentación da revista Arraianos nºVII: A vida nas aldeas e unha mesa redonda sobre o futuro do rural galego.
Participan:
Rafael Cid, director do documental
Aser Álvarez, director da revista
Henrique Alvarellos, editor
Roberto Castro, voceiro do PP en asuntos rurais
Francisco Sineiro, profesor de Economía Agraria na USC
Xosé Rodríguez Cid, Delegado da Consellería do Medio Rural en Ourense
Sábado, 2 de febreiro, ás 20.00 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal,5)

quarta-feira, janeiro 23, 2008

Irmau aviador


Aínda estou abraiado por esta nova "coincidencia", porque é a confirmación de que o noso irmau aviador segue a facer das súas dende aló enriba, sobrevoando os outeiros do principio mundo co seu vello Breguet XIX, para facer que o mesmo día en que recibo por correo en Compostela un exemplar da reedición do seu libro de memorias, Matádeo Mañá, moi lonxe da Algalia, Ana Miranda, en Bruxelas, atopa no dobre fondo dun vello pecé as derradeiras fotos do noso amigo Elixio en México, "coincidencia" máxica que queremos compartir con todos vós. Beizón, amigo Elixio, arraiano de pura estirpe, nesta foto acompañado pola súa dona, María Gloria e Ana Miranda. Unha imaxe para a lembranza.

terça-feira, janeiro 15, 2008

Arraianos e a Vida nas aldeas


De esquerda a dereita: Pedro de Llano, Aser Álvarez, Henrique Alvarellos e Augusto Pérez Alberti

O número VII de ARRAIANOS, editado e comercializado por Alvarellos Editora, está xa á venda en librarías, quioscos especializados e a tenda on line da editorial www.alvarellos.info. Trátase dun especial de 158 páxinas, maquetado a toda cor e con amplo despregue gráfico. Medio cento de colaboradores, antropólogos, xeógrafos, arquitectos, xornalistas, economistas, escritores, politólogos, críticos literarios, fotógrafos e outros creadores participan neste monográfico, onde se abre unha fonda reflexión sobre o presente e o futuro do país.
A incorporación de destacados colaboradores, un novo deseño a toda cor e novas e máis amplas seccións, marcan a nova xeira da revista ARRAIANOS, unha publicación de referencia no país promovida pola Asociación Arraianos e dirixida polo xornalista Aser Álvarez.
Atópanse sinaturas tan destacadas como Pedro de Llano, Agusto Pérez Alberti, Marcial Gondar, Francisco Sineiro, Plácido Lizancos, Xosé Manuel Pereiro, Anxo Angueira ou J.J. Moralejo, entre outros. Trátase dun monográfico sobre “A vida nas aldeas” e as fondas transformacións –o abandono do rural– que presidiron o último cuarto de século. Extractamos un párrafo do editorial, titulado “Quen anda aí?”: No tocante ao rural, seguimos entre a ideoloxía da maquinaria pesada e o quilovatio, a barbarie progresista, e a procura romántica do ser nacional embaixo da boina dos paisanos, do Santo Grial no rabo dunha vaca. Miseira mental e política (ou prepolítica). Populismo, clientelismo, anarco-capitalismo, simple desleixo, delincuencia pura e dura... Non hai trapallada que non atope aquí a súa patria. (Páx. 5).
Malia ter só dous anos de vida a revista converteuse xa neste tempo en todo un referente no eido do pensamento e da reflexión colectiva do país. A publicación abandeira o “espírito do movemento arraiano”, que ten o seu cerne nas terras do Val do Limia e Celanova, e dende esta patria intenta entender o universo todo. O seu director, Aser Álvarez, afirma que con este monográfico “o que quixemos facer é comezar a pensar que pasa coa vida nas aldeas. Tras a brutal despoboación e deterioro do medio rural experimentados nos últimos anos preguntámonos agora “Quen anda aí”?”. Neste número fálase dos caciques, das aldeas abandonadas, da Raia Seca, das perspectivas da economía rural, de arquitectura, xeografía e mesmo dos escornabois ou dos lobos. Conta ademais con seccións fixas de crítica literaria (Andel de libros), fotografía (Manuel Sendón, Ramón Godás) e creación (Fernández Naval, Niebro, Olga Novo, Chus Pato, Rábade Paredes, Daniel Salgado, Elvira Riveiro...).
Esta publicación foi presentada no Club Internacional de Prensa de Galicia, nun acto que contou coa participación do director da publicación, Aser Álvarez, o xeógrafo Agusto Pérez Alberti, o arquitecto Pedro de Llano e do editor, Henrique Alvarellos. En relación ao despoboamento e a desfeita no rural galego, De Llano manifestou que “o tráxico é que o que nós coñecemos hai un cuarto de século hoxe xa non existe. A Galicia rural está destruída. E todo porque dende o poder político non se aborda a execución dun planeamento que abranga a todo o país”. Pérez Alberti, pola súa banda, reclamou tamén “un plan director territorial” e manifestou dúas preocupacións: “A primeira, como se foi destruíndo a aldea esteticamente, mais tamén me procupa como se foi desartellando o territorio. Como se foi contruíndo do xeito en que se fai, pé dos ríos e do litoral”. O director da publicación, Aser Álvarez, identificou o problema do rural galego: “Non é algo natural nin unha consecuencia –dixo– de falta de recursos, senón de vontade política para definir un modelo de desenvolvemento e levalo á práctica”, ao tempo que definiu os contidos deste número como “heterodoxos e plurais, con aportacións de colaboradores de diferentes formacións e sensibilidades, lonxe de sectarismos e partidismos demasiado habituais neste país”. Finalmente, para o editor, Henrique Alvarellos, “incluír no noso catálogo unha revista co peso, a fondura e a intensidade de ARRAIANOS é sen dúbida un motivo de satisfacción e mesmo un orgullo para Alvarellos Editora. Dende o punto de vista da edición, e tamén na propia comercialización ou distribución, quixemos estar á altura deses contidos e facer e difundir unha publicación cultural que sexa todo un referente para o país”.

Reapertura do Foro Negro


O vindeiro sábado, 19 de Xaneiro, ás 12 da mañá, Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo presenta a nova xeira do portal www.arredemo.info no Instituto Galego de Información apoucos días do afastamento definitivo de Isaac Díaz Pardo da dirección do grupo Sargadelos. No contexto desta agresión, reábrese o Foro Negro como punto de encontro, reflexión, debate e denuncia das outras tantas agresións que estamos a padecer no social, no ambiental, no político e no cultural. No mesmo día vaise presentar o número cero do Xornal Galicia como reflexión colectiva e análise da situación social e cultural do país, que servirá como documento de base do foro e inciativa de apoio a Isaac. Dende Arredemo e Burla Negra chamámoste a formar parte da construción da rede de comunicación e distribución social coa que xa compartimos aventuras, despistes e fracasos, e algún que outro éxito en experiencias como Hai que Botalos.Queremos contar contigo e con toda a túa experiencia para sumar forzas naconstrución dunha rede capaz de proporse accións á altura das esixencias do momento,seguros como estamos de que cando traballamos xuntos nos sentimos menos sós eacadamos mellores resultados. Porque cando as cousas se sinten e o compromiso é sincero e libre as nosas acciónsresultan máis divertidas e os obxectivos a acadar semellan máis próximos. O sábado 19 chocámonos as mans no edificio do IGI. Non faltedes.Confirma a túa asistencia ou a do teu colectivo en foronegro@arredemo.info

quarta-feira, janeiro 09, 2008

De neta a avó


Elixio Rodríguez foi un home que, lonxe de forxarse un carácter áspero, despoixa dunha vida dura e de zafar da morte en varias ocasións, entre sorrisos e retranca sempre tentou deixar testemuña daquelo no que cría. Contando as historias do que viviu, dende a infancia até o final da súa vida, lembraba e describía cada intre coma se o tivera vivido só uns días atrás. Parecía respirar fondo cando falaba do verde recendente de Galicia e saboreaba as súas palabras cando pensaba nese pan e nesa carne que xa non eran coma as antes. Foi un home que nunca deixou morrer a ilusión do meniño que levaba dentro, e ese era un dos motivos polos que sempre pensei que era inmortal. A posibilidade da súa morte era unha desas cousas que anadaban aí e que sabía que tiña que acontecer tarde ou cedo, pola súa avanzada idade (97 anos). Pero só lembrarme da derradeira vez que o vin en Madrid, no aeroporto cando voltaba a México, que ao verme ergeu os brazos sen agardar e co rostro alumeado berrou: " a miña neta", faime pensar que non cabe a posibilidade de que deixe de existir xamais.
Eso mesmo foi o que pensei o pasado 4 de xaneiro, día do seu 98 aniversario, cando tantas persoas se xuntaron para lle render homenaxe pola súa vida íntegra e coherente e pola fonda pegada que nos deixou o seu paso polo mundo. Este evento tivo una gran carga emotiva e máis dunha bágoa foi derramada por familiares e amigos cando escoitamos cada unha das palabras que, ás veces coa voz entrecortada, se dixeron na súa honra. O estómago formigueaba ao ver cada ollada que se enchía de gratos momentos ao lembralo e a pel ourizábase ao ver a súa fotografía ao fondo, mentres se deixaba claro que Elixio Rodríguez é un ser que sempre vai vivir na nosa memoria e que, aínda que non foi un santo, foron moitos os que o lembraron e lembrarán sempre. Elixio foi un grande home coas ideas claras que deixou non só un bo feixe de descendentes senón taméninumerables amigos. Incluso para a xente que non tivo o privilexio e o pracer de coñecelo é un referente e todo un exemplo de vida comprometida e cunha historia extraordinaria.Toda a familia Rodríguez sentimonos inmensamente agradecidos polos actos do outro día en Lobios e Celanova e tamén polo esforzo que se puxo na súa organización. Estamos orgullosos de ver que tanta xente o aprezaba e que ao longo da súa vida conseguiu o que sempre quixo: deixar a súa tetemuña viva e, o que é máis importante, o seu exemplo vital, pra que as novas xeracións sigan loitando por un mundo e un país máis xusto.
Este texto foi escrito por Isa Talía, neta de Elixio Rodríguez que actualmente traballa e reside en Madrid.

terça-feira, janeiro 08, 2008

quen anda aí?

Pódese subir a un outeiro nunha noite limpa con pouca lúa. Por exemplo ao curuto de Castromao, dominando o val do Arnoia. O que se ve na terra é unha morea de puntos de luz relativamente espallados ou agrupados en pequenas constelacións. Máis de 138, que é o número de pezas do Opus de Beethoven, e menos de 8.479, as estrelas que seica poden verse no ceo a simple vista. Debera abondar esta complexidade topolóxica para espantar o reduccionismo.
Mais non abonda. No tocante ao rural, seguimos entre a ideoloxía da maquinaria pesada e o quilovatio, a barbarie progresista, e a procura romántica do ser nacional embaixo da boina dos paisanos, do Santo Grial no rabo dunha vaca.
Miseria mental e política (ou prepolítica). Populismo, clientelismo, anarcocapitalismo, simple desleixo, delincuencia pura e dura... Non hai trapallada que non atope aquí a súa patria.
Teño diante unha foto dun libro de Oteiza. Vense uns homes comendo nunha mesa grande a carón dun caserío. O escultor glosa deste xeito: “Emocionante reunión, la pasión de reunirnos los vascos (pero sólo para comer, para jugar). Hemos perdido el apetito espiritual. La montaña deja de ser un mamífero: es un armario. ¿De dónde venimos, cómo somos, qué no somos capaces de hacer y de apostar en el orden espiritual? Parece, últimamente, que vamos a aprovechar este apetito que nos reúne para comenzar a pensar”.
Iso foi o que quixemos facer nós. Aproveitar o apetito que nos xunta para comezar a pensar sobre a vida nas aldeas. Ou máis modestamente, para preguntar quen anda aí.

domingo, janeiro 06, 2008

Eloxio de Elixio Rodríguez

En xullo deste ano contámoslles da morte de Elixio Rodríguez, histórico galeguista de longa e vizosa traxectoria, nado en Grou, Lobios, un 4 de xaneiro de 1910. E tamén anunciamos entón que iamos organizar unha homenaxe. E veleiquí, por enriba de todos os obstáculos que Arraianos e a Fundación Galiza Sempre atoparon para poder organizar este evento que superou as nosas mellores expectativas. Demóstrase unha vez máis que as terras de Celanova precisan espazos públicos para o movemento asociativo. E tamén unha vez máis se demostra que o noso amigo aviador é un referente para moitos de nós.
Beizón, amigo Elixio, arraiano de pura estirpe.