Unha homenaxe do noso irmau Arraiano, Moisés Quintas Suárez, ao fotógrafo Carlos Valcárcel, cuxos fondos forman parte do proxecto expositivo A VIDA LENTA, que estes días se pode visitar no Café Moderno de Afundación, en Pontevedra. Beizóns ao mestre Valcárcel.
"Coñecín a Carlos Valcárcel hai 10 anos cando lle solicitei colaborar en “ Terra e Alma” coas súas fotografias, que tanto admiro. Sumamos ilusións e a pesar de moitas adversidades, foi entregándome cada unha das que eu lle solicitaba, sempre tratando de acadar o que para el era o resultado óptimo, sen importar o traballo e o esforzo que lle supuña. Ao tempo, tamén a Ed. Canela se interesou pola súa obra, publicando 197 fotografías do seu arquivo no libro, “Carlos Valcárcel. Fotografía etnográfica 1960–1980”. Carlos, a pesares da enfermidade e da dificultade para poder moverse, estivo e disfrutou nas presentacións dos seus libros e exposicións coa alegría e humildade que o caracterizaba.
Ultimamente, na correspondencia que mantiña con el, amosábame a satisfacción de que súa obra formara parte da exposición «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», comisariada por Aser Álvarez de Arraianos Producións, xunto a valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos como a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión ou os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Eu mandáballe con asiduidade fotos e recortes de prensa para mantelo informado e facelo partícipe, como si el estivese con nós en cada presentación. Sei que traballar nestas publicacións e proxectos expositivos arredor da súa obra deulle moitos folgos e ilusións para seguir loitando. Eu, síntome afortunado de telo coñecido e compartido parte destes últimos anos da súa vida, nos que ademais descubrín unha excelente persoa e un bo amigo.
Que descanses prezado Carlos..."
Un obituario de Moisés Quintas Suárez sobre Carlos Valcárcel.