quarta-feira, junho 04, 2014

Xuño é o mes do cine rural

Coa chegada do soslticio de verán chega tamén o primeiro festival galego de cinema rural, o I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, que se vai celebrar os vindeiros días 20, 21 e de xuño en Cartelle, localidade natal do gran cineasta galego Carlos Velo no Centro Multiusos de Arraianos en Celanova. Nos vindeiros días daremos conta do programa completo de actividades.

O FICCVelo forma parte dunha rede nacional e internacional de festivais de cinema rural vai manter unha estrutura e programación estables a través da creación do Cineclube Carlos Velo.

Case 200 traballos, cunha calidade media extraordinara e chegados de todo o mundo, aspiran a ser un dos dez finalistas nas categorías de documental e ficción. No marco deste festival tamén imos presentar o primeiro número do Xornal Agrario Galego, unha publicación de referencia sobre o mundo do agro e do comunitarismo de Galicia.

Alí onde estea, Carlos Velo anda a argallar cos deuses celtas para que todo flúa coa forza irreductible dos ciclos naturais. O festival que leva o seu nome, para reivindicar a súa figura e o seu xeito de ser e de estar no mundo, vai celebrar a súa primeira edición, superando as nosas espectativas máis optimistas, grazas á colaboración e confluencia de vontades de numerosas persoas, institucións e empresas. A teimosía de Velo por facer de Galicia un referente internacional no mundo audiovisual está a dar os seus froitos tendo como epicentro o seu Cartelle natal e as actividades que imos desenvolver, ao longo de todo o ano, no Cineclube Carlos Velo. Marcade na axenda as datas, do 20 ao 22 de xuño, e reservade o solsticio de verán para viaxar con nós ao principio do mundo a través do mellor cinema rural nacional e internacional. 

Sem comentários: