sábado, junho 13, 2015

Xa temos os dez traballos finalistas do II FICCVelo



O II FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE RURAL CARLOS VELO DA A COÑECER OS FINALISTAS DESTA EDICIÓN NO REALIMENTATE 2015 DE LALÍN

O II FICCVelo vaise celebrar do 26 ao 28 de xuño en Cartelle e Celanova

Entre as máis de cen curtametraxes recibidas, procedentes de quince países, o Comité de Selección do II FICCVelo resolveu escoller os seguintes traballos como finalistas:




Na categoría de documental:

Waiting for the t(rain) de Burkina Faso
Minerita de Bolivia
Santiago, olladas de perfil de Galicia
Som Pastor de Mallorca
Por qué non cantades todas de Galicia.



E na categoría de ficción:

Whale Valley de Islandia y Dinamarca
Julia de Colombia;
Aquí no pasa nada de México;
Garand de España
Cólera de España.



O Realiméntate 2015, que se celebra ata o domingo en Lalín, co obxectivo de reivindicar a volta ao mundo rural dende unha perspectiva contemporánea, foi o escenario escollido pola organización do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo para dar a coñecer os finalistas desta segunda edición do certame cinematográfico, que terá lugar en Cartelle (Ourense) os vindeiros  26, 27 e 28 de xuño.


Un total de dez traballos, cinco na categoría de documental e cinco na de ficción, foron os traballos escollidos para pasar á fase final do II FICCVelo. Historias locais e universais procedentes de seis países diferentes que retratan aspectos moi diversos do mundo rural contemporáneo, deixándonos unha paisaxe chea de grandes interrogantes.


Colombia, México, Galicia, Islandia, España, Bolivia e Burkina Faso son os países de procedencia dos traballos finalistas, “documentais e ficcións que demostran que o noso percorrido pola vida e as cuestións existenciais que nos impón son moi semellantes en todas partes do mundo”, comentan os directores do festival, Inés Vázquez e Aser Álvarez, gratamente soprendidos polo extraordinario nivel dos traballos seleccionados.


O FICCVelo realiméntase
Durante esta fin de semana os dez traballos finalistas vanse proxectar no marco do Realiméntate 2015 como un avance do II FICCVelo, dándolle a oportunidade ao público de Lalín de votar e escoller co seu voto os mellores traballos de documental e ficción. Os organizadores do FICCVelo destacaron na rolda de prensa que comparten con Realiméntate unha visión de conxunto do mundo rural, da alimentación, a saúde, a cultura e a sustentabilidade.

Estes puntos en común e as reflexións compartidas sobre o mundo rural levaron a facer da capital do Deza unha extensión do II FICCVelo, para dar a coñecer os finalistas desta edición e proxectar ao aire libre os traballos finalistas. O Xornal Agrario Galego, un portal web galego especializado no mundo rural contemporáneo, creado no marco das iniciativas multidisciplinares do I FICCVelo, é o medio oficial do Realíméntate 2015 e foi tamén presentado no marco desta feira agroalimentaria, cultural e gastronómica de Lalín.

O Festival, organizado polos colectivos LAREIRA POP e ARRAIANOS, avanza así na súa vontade fundacional de servir como punto de encontro para os profesionais do sector audiovisual que traballan en entornos rurais e xerar un espazo para o debate e  a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural, dende unha perspectiva multidisciplinar e contemporanea.



http://www.lareirapop.com/