segunda-feira, outubro 29, 2007

O xefe fala do das dúas orellas


Sempre o lobo suscita noticias e estas decote circulan nimbadas polo mito. Infórmanme Sonsoles Cerviño e Adrian Bröking, meus amigos berlineses, que a cen quilómetros a Leste da Porta de Brandenburgo están sendo vistos os loboso. Disque veñen de Poloña, pola Grande Chaira. Non é extraño, xa que a metáfora dos lobos cincentos a correr furtivos coma os maus pensamentos aparece ben de veces no Canto do Príncipe Igor, aquela alfaia da épica medieval rusa. Velaí unha consecuencia inagardada da anexión da Alemaña democrática, da escisión das repúblicas bálticas e do derrumbamento daz URSS. Non só a corrupción, o gangsterismo e a prostitución florecen polo Leste senón que aptoveitando o desorde, "o das dúas orellas" vai calcando novos subeiros en dirección a Occidente. Bravo lobo estepario!Outra noticia de lobos chégame desde a Serra do Xurés, que a teimosía conservacionista de Reza e Vázquez vai convertir por fin no parque transfronteirizo que o PP nunca quixera por non romper España. Tiven carta de Noelia Rodríguez, forte voz poética do Xurés, na que me relata un episodio que tivo lugar alí hai uns dous meses. Ao Tío Eixó, que é un cazador oitenta e tal anos, fixéronno heroi os veciños da Serra por uns días, e a súa fazaña será relatado nos séculos por vir. Parece que lle entrara un lobo no lugar de madrugada coa intención de lle matar e levar os cans de caza. O Tío Eixó enfrentouse á fera armado cun estadullo de carro e, depois dunha dura loita, matouna. Este lobo, seguramente da estirpe do Bandua que estudaran por alí os zoólogos portugueses, non morreu atropelado na autovía por un camión, nen envelenado innobremente nun depósito de lixo, nin arrodeado por un exército en ocasión dunha batida, nin preso a treizón por cepo de ferro. Morreu loitando cara a cara cun humano desprovisto de arma de fogo e por unha razón digna: o lobo quería algo que era do home cazador e este bateuse por defender o seu. Episodio honoráble, en suma.Cóntame tamén Noelia Rodríguez, que está a preparar a edición do seu segundo libro de poesía, o que eu gosto moito, cousas relativas á memoria do urso ou oso do Xurés, animal desaparecido daquela Serra mais cuxa memoria pervive con forza na poboación. Non é para falar de osos, senón de lobos, que eu pillei hoxe o tareco de escribir. Interesa agora este dato: "Anque non se dispón (dime Noelia) de referencia escrita (ela refírese sen dúbida á parte galega do Xurés) podo confirmarlle o dato de que no Xurés se conta que o último oso foi morto a finais do século XIX no lugar que desde entón se coñece como Pala do Oso, sito na ladeira que sobe ó Altar de Cabróns". Nota: Pala é un nome prerrománico que significa algo así como "cova entre rochas" e os Cabróns do topónimo deben de referirse ás cabras ou castróns bravos que, tamén desparecidos do Xurés, foron recentemente recuperados para a fauna ceibe pola teimosía de Xosé Benito Reza.

Presentación do Caderno Arraiano en Compostela




Veleiquí as fotos da presentación do Caderno Arraiano sobre Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista na libraría Couceiro de Santiago. Beizón a todos os que quixeron acompañarnos, sobre todo aos poetas participantes no recital e ao amigo Godás, autor das fotos.



quinta-feira, outubro 18, 2007

PROGRAMACIÓN DAS XORNADAS: “O Miño, unha corrente de memoria”


Datas: 19 e 20 de Outubro do 2007
Lugar: Goián (Tomiño). Centro Goianés e Sala Multiusos
Organiza: Comisión Cidadá pola Verdade do 36, do Baixo Miño

Programa
Día 18: 20 hs. Conferencia inaugural, “As memorias da represión”, a cargo de Manuel Loff (profesor da Universidade do Porto)
Día 19: 19 hs. Inauguración oficial. Intervencións dos representantes da Consellería de Cultura, do Concello de Tomiño, de outros Concellos convidados, e dun representante da Comisión organizadora.
19:30 hs. Mesa redonda: “Memoria e contrabando”, coa participación de Xerardo Pereiro (profesor da UTAD – Chaves), José Domíngues e Américo Rodrigues (Núcleo de Estudos e Pesquisas Laboreiro – Monçao) e Albertino Gonçalves (profesor da Universidade do Minho - Braga).
Modera, Ramón Fernández Leal, vicepresidente da Comisión Cidadá pola Verdade do 36.
21 hs. Mesa redonda: “O contrabando nas voces dos seus protagonistas”, coa presenza de tres persoas da comarca que participaron nas actividades do contrabando durante os anos da posguerra.
Modera, Rafael Martínez Calzado, membro do Consello pola Memoria.
22,30 hs. Proxección do documental “Os traballadores do contrabando”, de Victor Abundancia
Día 20: 10,30 hs. Proxección do documental “A derradeira lección do mestre”, dirixido por Xoán Carlos Garrido. A continuación coloquio co director e mais co profesor da facultade de Pedagoxía da USC, X. Manuel Malheiro.
12,00 hs. Mesa redonda “A represión sobre as mulleres”. Interveñen, Aurora Marco (profesora da USC), Marga Romero (profesora e escritora) e Carme Vidal (escritora).
Modera, Sandra González, Alcaldesa de Tomiño
17 hs. Mesa redonda “Memoria da represión en Galiza e no Baixo Miño”. Interveñen, Ángel Rodríguez Gallardo (profesor da Universidade de Vigo) e Lourenzo Fernández Prieto (Catedrático de Historia Contemporánea da USC e coordenador do proxecto interuniversitario “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”).
Modera Carlos Méixome, director do Instituto de Estudios Miñoranos.
20 hs. Clausura oficial das Xornadas, coa presenza das autoridades convidadas.
20,30 hs. Proxección do documental “O campo de concentración de Camposancos”, de Xosé Ballesta. Coloquio co director.
Durante a semana de celebración das Xornadas estará aberta ao público unha exposición sobre a Historia do contrabando elaborada polo Centro de Intervençao Cultural de Monçao.

quarta-feira, outubro 10, 2007

Presentación do Caderno Arraiano sobre Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista

A Asociación Arraianos convídate á presentación da súa última novidade editorial
Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) o xoves 25 de outubro ás 20 horas
Programa:
· Introdución a cargo de Aser Álvarez e Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinadores da publicación).
· Charla do historiador Dionisio Pereira.
· Recital poético de textos do libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo a cargo dos seus autores: María do Cebreiro, Antón L. Dobao, Francisco X. Fernández Naval, Raúl Gómez Pato, Manuel Outeiriño, Baldo Ramos.

Unha illa no mapa


Por Javier Torrente Queie
Ollando no mapa do mundo, por un capricho fuxudío, atopei a illa de Cargados Carajos no océano Índico, no arquipelago das Mauricio. Imaxinei as razóns dos mariños para lle por ese nome. Imaxinei unha viaxe longuinqua, baixo o sol queimante, á procura de terras que descobrir, lonxe da terra, co único agarimo dun copo no solpor, soportando quizabes quen sabe qué maltratos ou depois dunha galerna insufrible ou de días e días sen vento en que se pode ver a auga se evaporar do mar e tamén se pode atinxir a ver o sol todo confluíndo sulagado. Imaxinei a chegada a terra con vontade de fémea dos mariñeiros e a procura ansiosa do alivio, e os mariños a correr tra-las nativas rente as palmeiras.
¿Qué nome lle poremos á illa? – perguntaranse depois de ter consumado os alivios. Pois como o día de hoxe, Santa María. Ai pois non, dixera un, non será ese o nome, depois de ter pecado tanto. Pois coma o noso rei, Illa Filipina. Ai pois non, dixera outro, non se pode nomear co nome dun rei tan cristián unha illa onde o demo fixera tantas das súas. Bon, chamemo-la entón Nova Sagunto, pois o noso piloto é daquelas terras. Ai pois non, dixera o piloto, que a miña Sagunto é terra de bos cristiáns e fora tanta a luxuria deitada nestas areas que mellor sería a chamar Nova Gomorra.
Pois algún nome hai-de lle dar a tal illa, intervira o capitán. Illa de Santa Madalena, propuxo un. Ai pois non, rexeitou un soldado, pois non era a Santa a patroa da luxuria, senón que dela saiu pola gracia do noso Señor. Meus señores, tomara un a palabra, sabede que luxuria é pecado, e fornicio é-lo mortal, e o Santo Oficio, que hai saber gracias ao noso dominico do que aquí pasara, fara-nos un auto por termos mallado o Santo nome da Coroa. Pois como a gracia do dominico é Secundino, chamemo-la illa de San Secundino, por ver se o freire acouga e non fala. Ai pois non, dixera o contramestre, o, primeiriño para todos nós foi a caza da femea. Sabede que seremos a mofa da corte, e canto ao dominico, se non participou na cacería non foi por falla de vontade, senon de forzas, mais tamén non vos tirou un ollo por mor de ter lembranza exacta dos pecados para os contar onde mester fose.
Así, déronlle voltas ao asunto, entanto o navío estaba ancorado na rada, facendo provisión de auga, frutas e carne. Pois xa teño a solución, dixera un que era vigués. Viemos aquí cos carallos cargados, e descargamo-los abofé nesta beira. O capitán atopou que era simpático o nome de Illa dos Carallos Cargados. No nome non se dí se os carallos foran ou non descargados en terra. Ao dominico se lle mete unha serpente baixo o hábito e asunto terminado. E á volta contamos que os nativos enchen os seus taparrabos con pedras para parecer máis virís e daí o nome, e pronto. O capitán e os seus, co pretexto de facer cartografías, voltaran a terra unha derradeira vez por mor de folgar coas nativas antes de partir de novo cara o descoñecido. O coitado Frai Secundino morrera antes de chegar a Goa, polo veleno dunha serpente que seica tiña subido a bordo enroscada nunha cesta de bananas.

segunda-feira, outubro 08, 2007

O Xefe fala da Desfeita no Sul

Non hai moito que fomos ao Furriolo, que unha aldeíña e un alto próximo a Celanova onde en 1936 houbo grande carnicería de roxos. A Asociación Arraianos erixiu alí un monumento ás víctimas e, este ano, celebrouse unha concentración para inaugurar a segunda parte da obra, que é da autoría de Vizoso. Mesmo a carón do teatro de masacre levanta a súa mole o Castro do Furriolo. Este é de grandes dimensións e coido que nunca foi escavado. Ocupa unha posición de alto valor estratéxico sobre a divisoria entre o vale do Sorga, da bacia do Arnoia, a chaira lacustre da Limia e as montañas de Bande, sobre as que volveremos nesta columna. A caída do Castro do Furriolo sobre Orille ou Ourille e, en xeral, sobre a feraz terra que chamamos de Veiga, recibe o nome da Munía, o que se cadra teña algo que ver cun certo San Munio alí venerado e seica sepultado nun sartego de pedra que, se o brimos, seremos cegados por unha luz do outro mundo.O Castro do Furriolo pertence ao concello da Bola, se me non trabuco. As autoridades, segundo comprobou toda a concorrencia ao acto de homenaxe aos afusilados, cortaron as murallas do castro e a coroa en todas direccións con pistas de motocrós. En lugar de pór sinais para instruir ao viaxeiro e difundir polo mundo adiante a existencia do Castro do Furriolo, deterioráronno gravemente cunhas pistas de motocrós. Seguramente a Asociación Arraianos, que vela pola memoria histórica e pola herdanza natural daquelas terras, xa terá denunciado o atentado contra o Castro do Furriolo. Falabamos de Bande.Como saben, Bande é unha vila do Sul de Galicia por cuxo termo municipal pasa unha vía romana moi curiosa que canalizaba na Antiguidade o trasfego de persoas e mercadorías entre Braga e Astorga. Digo que é curiosa porque, polo menos en dous puntos do seu percorrido, amosa senllas acumulacións de pedras miliarias que non me podo imaxinar que utilidade poidan ter que non sexas unha especie de culto ás divinedades dos camiños. Un destes "boscos de miliarios" áchase no concello de Lobios conforme subimos polo Xurés arriba e, outra, en territorio do concello portugués de Terras de Bouro e na mítica e asolagada freguesía de Vilarinho das Furnas, na zona máis protexida (Mato da Albergaria) do Parque Nacional da Peneda-Gerês.Protexida non se atopa para nada a vía romana en territorio español e galego e dentro do concello de Bande. Ao seu paso por alí, as autoridades locais mandaron facer unha pista, desas inutiles que esgazan o noso País, destragando coas máquinas da Deputación uns importantes vestixios da Via Nova que comentamos. Logo de afear a súa vila coas construccións máis desestabeis do Sul de Galicia e de cortar os negrillos ou chopos da estrada que eran o mellor adorno da vila, as autoridades decidiron que unha calzada de época romana era prescindibel e que mellor unha pista de terra que non conduce a ningures e que forma parte do facer por facer de certos políticos para enclatrar os votantes.Galicia sigue a ser así.

quarta-feira, outubro 03, 2007

Ai meu rei!!

que ben estás dese lado da raia, na república das letras arraianas e dos feitizos medievais, onde non hai mamóns nin falta nunca o viño vello, poque o que é desta beira dos vellos marcos da fronteira vaiche un frío que nin o demo heroinómano montado nun can do laboreiro, e xa che digo meu, que non hai quen pare con este frío satánico e ácrata, un frio que asolaga este país de rumiantes, cazoletas e mamarrachadas...
xa sabes que agora no outono escasea a leña nesta nosa terra e tamén a palla centea e temos que prender a lareira coas revistas do corazón, esas da pelu da pili que levan anos atrasadas, e menuda se armou o outro día na aldea, que viñeron os antidisturbios e todo porque o milocho lle deu lume á cociña de ferro e prendeu todo cun fachuco das revistas vellas da nai e caiulle un paquete da virghen santísema abráseme visto...borbón non é sinónimo de carbón... ai se os independestistas eses se dedicaran a queimar outras cousas ben máis interesantes...
non hai casa da aldea que non estea baixo sospeita nin revista non fiscalizada, as fotos reais están nas igrexas e as rúas están tomadas pola malemérita, e eu xa empezo a pensar en accións violentas selectivas e parques temáticos da tortura e só me relaza escoitar a sade con esas bases rítmicas esa voz e eses arranxos arcanxélicos... e como sigamos así, meu rei, e sigamos con este frío e con esta parvada colectiva, de seguro que tamén acaban prohibindo a cabalgata de reis, ou poñéndolle traxes ignífugos... lembras o dos reis, non? cando te vestías de chamizo acababas cunha bimba de lincandorio quente coma un piano do 45?...
Os bombeiros xa non dan abasto e a xente, sobre todo os máis novos, xa está farta de tanta merda, de tanta foto real e irreal e de tanta monarquía sen refrendar, que seica non hai cousas máis importantes das que falar e que o que conta é roubar ben sen mirar a quen... pola miña banda, xa estou chegando a pensar cousas moi raras, venme buscar, se fas favor, ao marco 19, por onde faciamos o contrabando de troitas cando o Deva aínda era un río e o Penagache non tiña muiños de vento no backstage, venme buscar meu rei, ou fago algunha tolería das miñas, que xa me coñeces, ven meu amigo, venme salvar e lévame pró outro lado da raia, onde a república e só a república dos soños me pode salvar da esquizofrenia desta poza de auga choca...