terça-feira, junho 19, 2007

Arraianos en Alaska

Non, amigos, este non é o título da nova serie sucursalista e mimética do tan cacarexado, patético e endogámico mundo audiovisual galego: impúdica tragadeira de diñeiro público e divertimento de aristócratas seudo progresistas e cuchipandas de modernez paleta... Non podo tomar máis viños pola mañá.
Monsieur de Malesherbes dirixe a distancia a nosa viaxe de ultratumba a través do Canadá, na procura de mapaches e castores arraianos cos que poder salvar o pouco que queda aínda da podre estirpe malferida trala desfeita eleitoral. Chateubriand vai polo libro VIII do seu literario monumento funerario. Hoxe é 20 de xuño de 1821, fago 31 anos, e xa me dixo este carallo de gabacho que non iamos voltar ao Penagache nunca máis. En tal caso a Saint Maló, reconquistar a Bretaña. Só no Corno Dourado deixamos un pequeno chalé adosado con parcela e ao vello Medela a coidar o eterno lume de San Xoán. A verdade é que non teño morriña ningunha e me estou voltando algo conservador e libertario de máis durante as miñas andanzas por América do Norte. Imos cara ó norte, sempre norte, Arrabaldo do Norte. Só escoito ouveos de cando en vez ao pechar o cú e os ollos, pero seica por aquí tamén hai lobos ibéricos que xogan a fuxir dos homes e a comer carniza política. Ou iso nos dixo aquel protestante medio cuáquero de Nova York, que nos vendeu peles de leitón por catro cadelas, un birimbao de ferreiro e sete corzas con cornamenta de caramelo líquido para nos propulsar sobre o xeo. Non nos movemos demasiado, pero pensamos moito, pescamos troitas e salmóns e vemos a aurora boreal antes de nos retirar a meditar. Chateaubriand non para de escribir e eu leo a súa prosa chea de sabedoría para que un día destes Pedrayo poida morrer cun libro soberbio sobre o peito....

2 comentários:

Anónimo disse...

Camareiro!!! Poñame o mesmo que lle puxo a este!!

;)

Anónimo disse...

unn licandorio... marchando