quinta-feira, maio 17, 2018

Quen me dera en Lobeira


Lobeira é a Luparia, ese espazo mítico da Raia Seca onde os poucos homes e as mulleres que quedan habitan un mundo borroso entre a memoria e o esquecemento, na brétema entre unha das maiores necrópoles megalíticas de Europa e o río Limia ou Lethes. Un principio do mundo no que Plácido Romero nos introduce con lirismo, mestría e sensibilidade, a través de imaxes gravadas dende hai máis de tres décadas nestas terras arraianas, que con esta obra de arte xa fican para sempre con nós.  

As imaxes de Plácido Romero apreixan a vida e o tempo, ou mellor dito, os tempos da Luparia, cunha montaxe escultórica, de artesán e orfebre do miúdo e do cotián, armando unha peza soberbia, que consegue tocar o corazón e a alma mesmo transformándonos, deixando claro de onde vimos e facéndonos sentir orgullosos da nosa identidade, mais tamén abrindo interrogantes sobre o noso futuro colectivo, mesmo removendo as conciencias e facendo que os privilexiados que asistimos onte á preestrea deste documentario sexamos hoxe xa un pouco mellores seres humanos para sempre.   

Beizóns a este gran mestre e mago do audiovisual por este agasallo de valor incalculable, tanto para os espíritos que pululan entre a Mota Grande e a Grama do Corno Dourado, dende hai 5.000 anos, como para o Xocas e para o seu irmau Xurxo, cuxa casa esmorece polo desleixo e o abandono (eiquí hai un berro reivindicativo), e sobre todo para os que hoxe resisten e habitan aínda na Luparia... e para os que se foron vivir a outros lugares na procura dun traballo e dun futuro, esa derradeira xeración dun colexio que hoxe é un xeriátrico, mais que algún día, se cadra, han voltar para repoboar estas terras, cargados de imaxinación e novos proxectos vitais que os fagan entroncar de novo coas fondas raizames da Luparia. Eiquí está a maxia do cinema. 

      
   

Sem comentários: