A véspera sempre foi mellor que o día grande. Ou así o pensamos e practicamos nós, os que habitamos no Purgatorio, dende a noite dos tempos. Por iso que o 16 de maio, ás 20 horas, o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle a preestrea internacional dun documental titulado "O tempo na Luparia" unha desas obras de arte que son tan imprescindibles como pouco habituais no noso país.
Veleiquí o do de peito como autor de Plácido Romero, un artesán do cinema, un mestre de cineastas e tamén, por suposto, e por enriba de todo, un mestre da vida, para os que tivemos a sorte de que se cruzara na nosa vida.
Plácido Romero fai "un hixiénico exercicio de memoria, cunha perspectiva, lírica, do paso do tempo, na Luparia (Lobeira), o paradigma de calquera outro territorio da Galicia interior, cun forte sentimento de identidade marcado por un pasado lendario, un presente desconcertante e a esperanza nun futuro mellor", segundo anuncia.
A historia, a etnografía, a política, a pegada imborrable de Xaquín Lorenzo e a vida cotián, sosteñen a existencia no tempo destas terras arraianas, pero tamén o tempo habita nelas, conformándoas e determinándoas. Iso é o que nos transmite este documental, producido por Arraianos Producións. E o autor pregúntase: "Reinventarase este mundo para sobrevivir nun mañá dominado pola tecnoloxía e a intelixencia artificial?". No medio do holocausto do rural, aínda existe a ilusión e a esperanza dunha vitoria sobre o desalento.
Só a beleza nos pode salvar a desfeita, e este documental de Plácido Romero é unha peza audiovisual tan fermosa e intimista como necesaria e catártica. Por iso e por todo o demais, beizóns, mestre. E parabéns aos que imos asistir á preestrea de #otemponaluparia, o vindeiro 16 de maio, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Despois diso, tod@s seremos mellores persoas. Por obra e graza do espírito irredento e arraiano do Plácido Romero, alias Sir Pla.
2 comentários:
Moita sorte pra estrea... Si vindes pra Barcelona, avisame porfavor!!!
feito!!
Enviar um comentário