Fotos máxicas de Rodomiro Teixeira, fotógrafo Arraiano...
Os Arraianos toman o campamento romano máis grande da Gallaecia... Coelernos e Querquernos loitan xuntos e xa non hai volta atrás... A sorte está botada, ou algo así...
O Xefe Arraiano, o Mago Ferrín, abre as columnas que cruzan o Leteo, escorrentando a algún que outro Bruto. Isaac Alonso Estraviz, Arraiano Maior saínte, dille de tanguer ben aos romanos chungos, ao Arraiano Maior entrante, e dalle paso coa Aguillada Arraiana ao Xosé Benito Reza... quo vadis e dixit algo así como...
Os Arraianos toman o campamento romano máis grande da Gallaecia... Coelernos e Querquernos loitan xuntos e xa non hai volta atrás... A sorte está botada, ou algo así...
O Xefe Arraiano, o Mago Ferrín, abre as columnas que cruzan o Leteo, escorrentando a algún que outro Bruto. Isaac Alonso Estraviz, Arraiano Maior saínte, dille de tanguer ben aos romanos chungos, ao Arraiano Maior entrante, e dalle paso coa Aguillada Arraiana ao Xosé Benito Reza... quo vadis e dixit algo así como...
Gracias a Asociación Arraianos de Aser Álvarez e Quique Moreiras por este agasallado que me dan, e grazas
a Ferrín polas súas verbas entrañables e xenerosas e polo cariño que me
dispensou durante tantos anos.
Gracias a toda a xente do Bosque
Máxico e de tantas asociacións como hoxe están a agromar, felizmente e como se
fora un milagre, no colo deste val.
Gracias a Antonio Rodríguez
Colmenero, pai de todas as cousas que nos rodean neste campamento romano de
Aquis querquennis.
Gracias a todas as persoas, amigos
e amigas que están hoxe con nós, especialmente a xente que veu de lonxe.
Vádesme desculpar pero, cavilando
que quizais sexa esta a única ocasión que teña, quixera dar conta dalgúns
agradecementos, porque moitas cousas que a min se atribúen non foron máis que o
resultado dun gran traballo colectivo; da xente do parque natural da Baixa
Limia – Serra do Xurés e sobre todo da xente dos pobos que creron en nós. Eu só
son un enxeñeiro funcionario da Xunta de Galicia que intentou facer o seu
traballo o mellor que puido, iso si, con honradez, sacrificio e unha enorme
ilusión.
ENTRE ELES:
Antonio Ferreira, exalcalde
de Lobios, que se puxo ao noso dispor para todo canto precisáramos, porque nos
acompañou e nos deu ánimos nos tempos duros primeiros, e nos deixou a sala de
plenos do concello para facer as primeiras xuntanzas cando non tiñamos sitio
onde facelas.
A meu bo amigo Manuel González do Bar Lisboa de Lobios
Unha persoa entrañable cuxa perda repentina deixou un fondo baleiro no meu
corazón. Tanta estima e cariño que lle tiña.
Un día chamoume a Celanova para
me dicir que queimaran as bandeiras do parque. Pero díxomo como el dicía as
cousas, con esa serenidade e seguridade que ten a xente de ben que te quere e
aprecia: “Vostede non se preocupe. Xa
estiven alí, e non pasa nada. Non lle dea importancia. Siga traballando e poña
outras bandeiras”. E foi o que fixen.
A Hermindo Ferreira de
Riocaldo que era (e segue sendo), algo así como o cerne daquelas montañas, como
a sabia daquelas árbores ou a escuma das fechas que choutan de pedra en pedra
dende aquelas alturas impresionantes.
Hermindo estaba tan preocupado
con todos os animais que por primeira vez campaban por las ladeiras da Serra de
Santa Eufemia, que eu ata penso que non debía durmir cavilando en toda a riqueza
que agora tiña que coidar. Un día díxome ansioso: “Pola noite, arredor do peche dos cervos, hai un cantar de lobos que
mete medo”. E eu imaxinábame a Hermindo camiñando de noite cunha lanterna
na man, rodeado de lobos pola espesura da Corga da Canda, escrutando a
escuridade dende o lugar “Onde Morreu o Martiño”, repasando o peche por se
había algún buraco por onde pasar as feras.
A José Otero, a persoa que viña comigo, sempre pendente de min. Como
esquecer aqueles días escuros, coa xente rebotada mirándote de esguello, cun
alcalde berrando e erguendo a aguillada por riba dun carro mentres ti
intentabas poñer algo de cordura na veciñanza. E alí estaba el, o José, o
Otero, como unha especie de garda pretoriano, ollando firme e severo, sempre
cunha palabra de ánimo, e esa risa explosiva e sincera cando recordabamos aqueles
malos momentos, que lle saía directamente do corazón.
A Sindo García, de Prado, que me levou por vez primeira no seu
Land-Rover a Sagueiros hai corenta anos, camiño daquela descuberta.
Que ledicia cando me comunicou
José Luís Veiga de Patrimonio que a aldeíña e todos os montes nunha superficie
de 660 hectáreas xa eran da Xunta de Galicia. Naquel intre case choro lembrando
os tempos de mociño de había vinte anos atrás
Recordo como se fora hoxe aquel luns
24 de novembro de 1997, un día chuviñoso e morriñento aos mil metros de
altitude de Salgueiros. Abriuse a porta traseira do camión e aló se meteu o José,
o Otero, para soltar as primeiras 16 cabras montesas que pisaban a Raia dende
había máis dun século: 8 femias, 4 machos e 4 crías.
Só tres anos máis tarde, na
primavera do 2001, os portugueses anunciaban con gran gozo e satisfacción que a
cabras cruzaran a “raia”, e que nas ladeiras fragosas do Cabril o biólogo do
Gerês Armando Loureiro avistara tres parellas ateigado de fonda emoción.
Hoxe as cabras cóntase por
centos, espalladas en distancias quilométricas ao longo de toda a cordal a un e
outro lado da fronteira.
Gracias a todos os técnicos que pasaron polo parque e ao persoal de campo.
Gracias a Perfecto Paz Montero, Fernando,
Milo e Manolo Oliveira de Manín, a Rosa de
Olelas, Celso Paz de Araúxo, Modesto de
Queguas, Nido Barroso da Illa; José Paz de Lobios, Benito Pereira de Lantemil, José
Araújo de Requiás, Manuel Lamela e o seu irmán, meu querido e admirado amigo,
alma destas serras José Lamela Bautista, e tantos e tantos outros como Lino
Perdiz, Perfecto García e o seu irmán Manuel, que foron membros da Xunta
Rectora do parque.
E tamén un recordo para os meus amigo portugueses
do Gerés, sobre todo para Tito Costa,
que tivo que abandonar a área protexida o 6 de xullo de 1996 por defender o seu
Lima, deixando en min unha fonda sensación de orfandade e ausencia. Tivemos que
sufrir por algo que hoxe todos asumen: no ano 2009 o goberno da Xunta prohibiu
a instalación de novas centrais hidroeléctricas nos ríos galegos pola
sobreexplotación á que estaban sometidos, e agora, coa aprobación do Plan
Hidrolóxico Galicia-Costa, esa prohibición adquire carta de natureza. Así remata
esta historia.
Tal era o respecto e o cariño que nos profesábamos
que o ano seguinte de ser eu cesado no cargo de xefe do servizo e cando estaba
a piques de selo como director do parque, Tito escribiu unha carta de queixa
nada menos que a Fraga Iribarne e ao presidente da República portuguesa Jorge
Sampaio, onde, entre outras cousas dicía: “Acabeime
de me aperceber que o Engº Benito Reza –un inteletual, sensivel aos problemas
ambientais e ás fragilidades de vivéncia das pessoas e tecnico dotado de grande
sentido prático e empenhamento-, poderá vir deixar os cargos que ven ocupando.
Constituindo este Engº o elo da cadeia que poderá ainda induzir a vivência
entretanto perdida, de que as populaçoes tanto beneficiaram, nào me contive em
dirigir-me a V. Exas, no sentido de trasmitir esta situaçao, tendo por base
todo o acompanhamento e apoio por V. Exas, entretanto facultados a estas Areas
Protegidas, inseridas em regiâo de interior, de montanha, deprimida, e nunca
antes objecto de tanta atençao. Faço-o tambén na perpectiva de que vale a pena
as pessoas materem-se mobilizadas e lutarem
(O cidadao
Tito Costa)”.
O remate da carta evidencia a valía e coraxe deste
home único, que hoxe, por mor dunha enfermidade, quizais xa non saiba nin quen
foi nin o que fixo na súa vida.
Levamos moito traballo... pero, para que? Pedimos e
esiximos que se trate estes territorios e as súas xentes con respecto e
dignidade, que se atendan as súas necesidades, que se defendan e aproveiten con
racionalidade e intelixencia os seus valores naturais e culturais.
As institucións levan investido nos últimos anos
millóns de euros na promoción e posta en valor de lugares como a Ribeira Sacra,
as Illas Cíes ou a Praia das Catedrais, ben está, pero... que pasa con nós, co
Val do Limia? Nós xa somos todo o que poden ser eses outros territorios grazas
ao traballo que se fixo e á implicación e xenerosidade da xente que vive eiquí:
Reserva da Biosfera da UNESCO, o parque internacional máis grande da Unión Europea,
Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Protección de Aves da Rede
Natura 2000.... ¿Como se pode deixar podrecer a única aldea propiedade da Xunta
logo do que custou comprala e recuperala?
Pedimos respecto, investimentos e discriminación
positiva, porque, entre outras cousas, hai moita vida e moita
natureza polo medio destes montes e corgas que seguen as liñas de fallas e as
diaclasas do granito, paisaxes onde quedaron
integradas as pegadas dos devanceiros, das aldeas, da arquitectura tradicional
e a etnografía que estudio Xocas; dos camiños, pontes, levadas e outras obras
da enxeñería dos antigos; dos montes estivadas inzados de mámoas no val da
morte do Salas ou nas chairas elevadas do Leboreiro que estudou Eguileta; da
mansión, o campamento e o paso dos romanos pola Portela do Home, con máis
miliarios que en ningunha outra parte do Imperio a dicir de Colmenero; co suevo
ou visigótico de San Trocado, o campión Odoario e o monxe Odoyno, o barroco
cargado e revirado de Entrimo, as ermidas caladiñas que observan o paso do Limia
na curupela dos outeiros; vilas, prazas fortes e niños de aguia enfrontados a
Lindoso; polos lombeiros do Leboreiro ata a penechaira infinda onde remata e
suspira o mundo un exabrupto de humidades; pola montaña de pura pedra chamada
Anamán, refuxio de bandoleiros e morada de deuses primitivos; polo Quinxo de
Alberte Adán, as cachenas e as paredes arrepiantes que esfragan no abismo sobre
Portugal; pola mole xigante da Santa Eufemia onde cantaron os carros dos
carboeiros e corren ceibes os últimos garraos; polas agullas do Xurés,
esgarradas das montañas primixenias polo xeo dos glaciares e un millón de anos
de chuvias e temporais; por Salgueiros e o Camiño dos Mortos ata a última
morada; pola Serra do Pisco e da Pena entre medias de Pitós; polo Camiño Privilexiado
dos Mixtos, os camiños do contrabando, da mente prodixiosa de Méndez Ferrín e
Bento da Cruz; tantas e tantas valiñas escorregando dende as alturas, por
corgas abrigosas estoupando en cachoeiras de prata e aldeas suspendidas en
socalcos como en Gustomeau; tantas e tantas cousas que non acabariamos xamais…,
pero si temos que rematar este acto.
SAÚDE E TERRA, IRMAUS ARRAIANOS!!!
XB Reza / 20 agosto 2016
Sem comentários:
Enviar um comentário