segunda-feira, junho 29, 2009

O xefe viaxa de Bernardino a Novoneira

Soemos decer que a Academia certa sempre ao designar a persoa que ha de ser celebrada no Día das Letras Galegas. En realidade o que ocorre é que, a partir do nomeamento da figura representativa anual, moitedume de individuos e grupos se aplican ao labor de diseccionala. Un impulso divulgativo irradia desde as editoriais, centros de ensino, asociacións culturais, comunidades varias e o autor intronizado no Día das Letras Galegas soe converterse no obxecto dunha análise colectiva e multidisciplinar que abraza tamén unha época dada na nosa Historia. Normalmente, e de modo litúrxico e repetitivo, sempre hai uns palermas que se laian de que o Día das Letras Galegas non serve para nada e todas esas cousas. Deus nos libre das xentes da crítica crítica (Marx).Logo están outros que coidan que negar a existencia de xeracións literarias é cousa obrigada. Xeralmente pertencen a unha tradición que vén desde hai mundos de anos repetindo lugares comúns sen teren lido Petersen nin tan sequera no Fondo da Cultura Económica. Eu agora cadro contente porque a Academia Galega, que segue sen se equivocar, acaba de admitir o Bernardino Graña como individuo de número. Póñolle a "etiqueta" a Bernardino de escritor galego da xeración das Festas Minervais. E estalle moi ben, porque el foi un dos primeiros daquel concurso que, convocado polo SEU de Compostela, quixo resucitar as vellas Festas Minervais nas que o idioma galego cantara coa voz crocitada do corvo de "asas negras" nos chamados (por quen?) Séculos Escuros. Sei que para algúns non hai xeracións literarias en xeral e a nosa das Festas Minervais carece especialmente de verdadeira substancia. Non digo que non, pero a das Festas Minervais (n´a habendo) foi ben excluída e marxinada alí onde chegaba a man negra do piñeirismo. Por esa razón a tantos importantes escritores galegos a Academia Galega do pasado, zarrapechou as portas de ingreso por eles seren considerados de filiación política sospeitosa de "nacionalismo" ou de "comunismo". Eu non sei de que diaños podería ser sospeitoso Bernardino Graña, pro o caso é que só o último sábado, e tendo o noso amigo e autor, 77 anos, a Academia chamou por el para ocupar o sitio que merece na Rúa das Tabernas.Sábado pasado, este cronista foi feliz na Coruña, na Academia, na Rúa das Tabernas. Viviu unha bela sesión na que na Academia resplendeceron as luces de prudencia, da ecuanimidade e da fraternidade corporativa. Bernardino Graña, o altísimo poeta, o mellor artífice e señor das palabras do mar, pasará a integrar a Institución. E, por se fose pouco, o noso irmán Uxío Novoneira, resultou designado figura central do próximo Día das Letras Galega. Novoneira forma parte da mesma xeración literaria ca Bernardino e ca min, aínda que é un dos pouquiños que nunca tomaron parte nunhas Festas Minervais. Durante o ano que vén falarase moito de Novoneira, e falarase no contexto dunha ofensiva dos poderes autónomicos reaccionarios contra a nosa lingua.Teremos ocasión de tratar nestes asuntos. Non teñan medo.

Sem comentários: