segunda-feira, junho 01, 2009

O xefe sobre Sastre e Pradera

Madrid parecíame pequeno, nos días da miña mocedade. En círculos comunistas, e mesmo fóra deles, falábase moito de Javier Pradera. El era un activista procedente dunha familia de dereitas e clase alta e dicíase ser mesmo neto de Víctor Pradera que anda na historia do carlismo. Lembro moi ben a impresión que me produciu a súa primeira detención e encarceramento. Ninguén sabía entón quen era Federico Sánchez e mesmo que tras ese nome figuraba o Jorge Semprún que movía os fíos da clandestinidade do PCE en Madrid. Pero todos sabíamos de Javier Pradera a quen algún chamaban Aviraneta coma o conspirador de Pío Baroja. Outra figura, ben admirada e aprezada, do PCE madrileño dos meus días mozos era Alfonso Sastre. Visiteino algunha vez no seu pisiño do Barrio de la Concepción, a tiro da pedra da praza de touros de Las Ventas. El había de lle dar vida fantástica a aquela zona inventando un relato cuxo protagonista é un vampiro que fai o seu paverísimo traballo pola Carretera Aragón, onde estaba o moi fedorento Cine Aragón, estrado, de pédebas de xirasol. Alén de teórico marxista e dramaturgo, Alfonso Sastre estivo á cabeza dunha operación que lle amargou a vida a Franco e a Fraga Iribarne, o seu ministro de propaganda. Quero decer que foi Sastre o que redactou e fixo circular a famosa "Carta dos Intelectuais" na que se protestaba principalmente polas torturas da policía na represión das folgas de Asturias, con especial mención dos maus tratos ás mulleres. A protesta diu a volta ao mundo e serviu para que moitos intelectuais desen a cara e fosen ben identificados como opositores ao réxime. Sastre demostrou ser un estratega temíbel e a aquela carta seguiron outras de moito menor efecto.-¡Estoy en la calle! - díxolle Torrente Ballester a Sastre ao se ver privado das súas prebendas franquistas despois de asinar a carta dos intelectuais. -¡Bien venido!- parece que lle contestou o dramaturgo. Logo despois, Pradera e Sastre marcharon do PCE. O primeiro pola banda de Laíño en dirección á casa confortábel do PSOE. Pola banda de Lestrove marchou o segundo, exiliándose por razón políticas en Euskadi, até onde o seguiu o moi madrileño José Bergamín. Foi entón cando os medios de comunicación e os ponentes oficais e para-oficiais intentaron borrar o nome de Alfonso Sastre do mapa cultural de España. Non poden: unha e outra vez se produce o regreso de Sastre en forma de texto ou discurso literario ou teórico ou en forma de compromiso político. Milagreiramente, as figuras públicas de Javier Pradera e Alfonso Sastre acaban de conversar de novo. O caso é que Rubalcava (non sei se se escribe así) e o goberno do cal forma parte ordenaron invalidar a candidatura Iniciativa Internacionalista- Solidaridade dos Pobos (II-SP) movilizando a abogacía do Estado e a Fiscalía Xeral a cuxa cabeza se encontra un Conde-Pumpido ben coñecido nos círculos galegos de excombatentes de 1968. Tratábase de demostrar que tal lista para as eleccións europeas estaba contaminada de "terrorismo" e, tras dun fallo disparatado do Supremo, o Tribunal constitucional restaurou II-SP na legalidade.E ben, a persoa próxima ao partido do goberno que máis insistiu, directamente e a través de El País, en defender a lelicitude da "Lista de Sastre", que é tamén a que inclúe sete candidatos galegos, foi Javier Pradera. En círculos maliciosos da política de Madrid, cidade que me segue a parecer pequena algunhas veces, especúlase coa idea de non se tratar dunha re-conversión de Javeir Pradera á esquerda xenuína senón de algo moi simple: unha conspiración contra Rubalcava ao que algúns queren fóra do goberno. En todo caso, se os feitos citados tiveran lugar digamos que en Francia, o ministro do interior espancado polo Tribunal Constitucional sería posto na rúa polo primeiro ministro. Aquí non houbo destitucións nin dimisións.

Sem comentários: