segunda-feira, outubro 13, 2008

O xefe sobre os traficantes de insectos

Cando o cronista era neno pasaba moito tempo a observar o que pasaba nun tanque de auga situado, para regar, en certa horta da cidade de Ourense próxima ao río da Barbaña. Chamáronme a atención uns pequenos esgarabellos que vivían nas augas verdosas, que nadaban moi ben e que, de tarde en tarde, subían á superficie sacando o abdomen e se proveían dunhas burbullas, non finaceiras senón de ar, que levaban consigo ás profundidades nas que habitaban. Unha vez que conseguía apañar algún individuo e depositalo no bordo do tanque, o becho soía despregar as alas membranosas e saía voando coma mesma habelencia coa que un momento antes navegaba a bucío. Nunha ocasión, e só nunha, vin, nun relanzo do Miño, contra os herbais que daquela había onda a acea e cachón de Oira, como un insecto moi parecido na forma aos esgarabellos do tanque pero grandísimo, subía á superficie e puña en contacto a cabeza co ar para, logo de facer visibel un instante o seu corpo poderoso e ovalado, perderse de novo nas fonduras do río. "É unha vacaloura de río" -díxome o Suso, que me acompañaba-. En verdade, aínda que o insecto de Oira ofrecía unha certa semellanza coa femia da vacaloura, non era tal. Supoño que o que vin daquela no Miño era un coleóptero da familia ou superfamilia dos Hydrophilidae, moi seguramente, un especimen do grande esgarabello acuático cuxo nome é Hydrous piceus. O insecto do tanque ao que me referín anteriormente pertencería a outra familia, a dos Dyscidae, e podía ser o coñecido como Acilius sulcatus.
Pasado domingo ofrecéronme no quiosco, en compañía de determinado xornal, un fascículo que trataba, penso que de xeito claro e correcto, dos esgarabellos acuáticos. Comprei decontado tal literatura que, para a miña sorpresa, estaba acompañada dun poderoso exemplar de insecto da familia dos Hydrophilidae que na publicación se presentaba, sen nome científico, como "escarabajo buceador asiático". O exemplar viña empacado nun bloque de metracrilato e, en tanto non o dou clasificado, el está agora no meu despacho en lugar privilexiado pois tivo a virtude de me retrotraer á infancia facendo as veces da magdalena ranurada en forma de vieira da que fala Proust nunha pasaxe memorábel. Ora ben, considero ilícito o tráfico de insectos que supón esta oferta. Os sete euros que custa o becho e mailo folleto, de divulgación entomolóxica revelan un tráfico de animais en grande escala que non debería estar permitido. Quen queira coleccionar insectos, que saia á natureza a cazalos, e aínda así que o faga con moito respecto. Calquera das especies de esgarabellos acuáticos merece a mesma consideración que calquera das especies de baleas e de mamíferos mariños que tanto lles preocupan (e con razón) aos ecoloxistas e amigos da Natureza. Debemos defender a biodiversidade e o tráfico de insectos como este ao que nos estamos a referir representa un negocio ilícito e non sei se constitutivo de delito ecolóxico ou non.

Sem comentários: