segunda-feira, maio 19, 2008

O xefe e Curros

Foi inaugurada na Casa dos Poetas de Celanova unha conmovente exposición sobre recordos e pertenzas de Curros Enríquez, no centenario do seu pasamento e enterro na Coruña. Boa nova que conxugaremos co traslado do monumento a Curros dendesde seu desterro ao centro de Vigo de onde un alcalde franquista o tiña expulsado. A exposición de Celanova leva o rubro dun poema dedicado a Rosalía por Curros: NA FRENTE UNHA ESTRELA. A estrela, como símbolo da Liberdade, do Xenio, da Enerxía Criativa, da Emancipación. Trátase seguramente da estrela vermella de cinco puntas que Castelao puxo onda unha fouce de ouro no escudo republicano de Galicia, deseño que, obviamente, non figura entre os símbolos oficiais hoxe, por non ser de substancia autonómica senón nacional e popular. De modo que a exposición de Celanova chámase NA FRENTE UNHA ESTRELA. Ordenou de facer a exposición a Academia Galega e executouna, co concurso do Patronato Curros Enríquez, X.L. Axeitos. Beizón aos leais e pertinaces!
Daquela eu lembrei un día en que subín a Celanova en bicicleta. Era o 16 de setembro de 1951 e todo estaba preparado para a inauguración do monumento a Curros por Asorey (ou polo irmán de Asorey, segundo me di o citado Axeitos). Tamén en 1951 estaba en Celanova a Academia e tamén escomenzaba alí a súa tarefa silenciosa o Patronato destinado a perpetuar a memoria do bardo na súa Terra. Houbo críticas daquela por non se ter usado moito o idioma galego nos discursos. Eu penso que ao final do verán de 1951 había medo en Celanova, e medo ben xustificado. Terían medo a usar o galego os académicos e demais oradores. Tamén Daniel Calzado, ex-alcalde da Frente Popular de Tomiño, que representaba oficialmente no acto ao Centro Gallego de Buenos Aires, onde se encontraba exiliado, e, in pectore, ao Consello de Galiza do que había de ser derradeiro secretario.
O caso é que a BPS e a Brigadilla da GC desarticularan (1947) en toda a Galicia a "Organización de Intelectuais Libres" (OIL) e prenderan grande número de persoas relevantes, como foron o avogado e economista Valentín Paz Andrade, o escritor Francisco Fernández del Riego, o rexistrador Alejandro Otero, o médico Ramón Baltar ou o tamén médico Darío Álvarez Blázquez. Supoño que os actos académicos de Celanova en 1951 estiveron moito ben controlados polos servizos represivos e mesmo Otero Pedrayo vería coutada a súa tendencia eruptiva a citar Castelao e a falar galego en público con aquel aceno de quen fai ondear unha bandeira subversiva, tan característico.
Tamén lembro o día no que diante do monumento a Curros fixo un alto o cadaleito de Celso Emilio na súa marcha ao cemiterio de San Verísimo de Celanova en agosto de 1979. Daquela, Santalices chegou de Bande para, rachando un protocolo mísero, ler o que era seguramente o derradeiro poema escrito por C.E. Ferreiro Miguez (non Míguez). Curros, en bronca, fita dignísimo e desafiante o convento. Hoxe a súa ollada crúzase e cruzarase por sempre coa ollada tamén metalizada do Celso Emilio Ferreiro de Acisclo Manzano, este noutro lugar da mesma praza da antiga Botica abacial.

Sem comentários: