segunda-feira, abril 02, 2007

O Xefe fala das illas dos araianos

As illas galegas deberán ser parte da instrucción e coñecemento básico de todos os galegos
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Non hai moito a Caixa Galicia meteu nas mans da Academia Galega o uso da casa da Rúa do Príncipe da Coruña na que viviran un tempo Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Moi poucos días despois, a mesma Caixa coruñesa facía pública a compra da Illa de Sálvora coa intención, segundo leo, de incorporala ao Proxecto do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Se no seu día botamos un foguete ao coñecer a primeira noticia, agora imaxinamos unha salva de aplausos que seguramente lle aqueceu as mans a todos os galegos e galegas (sic) verdadeiramente preocupados polo medio ambiente natural. O día no que a Consellaría do ramo se faga coa propiedade da Illa de Cortegada teremos que manifestar tamén de forma estentórea a nosa satisfacción.O caso de Sálvora era moi humillante. Tratábase dunha propiedade dun marqués na que non te poderían privar dun desembarcado os gardas pro na que estaba prohibido sobrepasar a liña marítimo-terrestre do dominio público. Mesmo houbo casos nos que un vixiante armado nin siquera permitiu pisar a estrema da costa. E, pois, unha illa galega que pasa a ser, senón de propiedade nacional, polo menos dunha Caixa de Aforos que a proxecta ceder ao uso público dos habitantes do País e dos estranxeiros de toda parte. Inclusivemente agora poderán facer escursións a Sálvora os alumnos das novas escolas e institutos. Se eu fose consellerio da Caixa Galicia proporía organizar en Sálvora un grande acto no que a nova propiedade declarase o libre acceso á illa.Este cronista é un entusiasta da illas galegas, até o punto de ter pensado no pasado en escribir un libro sobre todas elas. Anos máis tarde daquela idea inicial, fíxoo Estanislao Fernández de la Cigoña; e ben vida foi a obra. Cando foi constituido o Parque Nacional das Illas Atlánticas sentinme moi satisfeito, e se este revirte ao poder autonómico da nosa Nacionalidade Histórica (chámase así oficialmente Galicia, inda que pareza mentira) teremos de novo que botar man da pirotecnia en honor de Don Manuel Álvarez e de Don Xosé Benito Reza, conselleiro e director xeral dos asuntos de medio ambiente que nunca sei como se din na nova terminoloxía sistemática. As illas galegas son lugares cuxa visita debe ser incentivada e nos que a protección das especies salvaxes tería que ser combinada con investigación e experimentos de conservación de razas bovinas, equinas, caprinas, ovinas autoctonas, alén de centros de divulgación xeolóxica, xeográfica, zoolóxica, botánica, tanto de carácter submariño como terrestre. As illas galegas deberán ser parte da instrucción e coñecemento básico de todos os galegos. Non poden constituír o Parque Nacional (os parques galegos tamén deben chamarse nacionais) unicamente aquellas illas que figuran no proxecto inicial. Este debe ser prolongado polo norte e extenderse á totalidade das illas, cons e penedos das nosas costas. Débense incorporar ao noso Parque Nacional as ínsuas do Miño, comezando pola chamada por excelencia A Ínsua e seguindo coa da Boega, o que convertería o parque en transfronteirizo pois estas son de territorialidade republicana portuguesa; e tamén as Canosas, dependentes do reino de Madrid. Probabelmente todo isto é un imposíbel. Mais observando a nova mentalidade de Caixa Galicia e tamén as actitudes políticas naturalísticas da actual Consellaría que entende en medio ambiente, eu atrévome hoxe por primera vez a expresar o meu soño.

1 comentário:

Anónimo disse...

e moi ben falado, coma case sempre