segunda-feira, abril 30, 2007

A ollada ilexíbel


Empecei a pintar dun xeito espontáneo. Vin nas palabras a extensión dun xesto, o tacto dunha ollada, as formas dunha imaxe incomprensíbel. Para min a pintura é unha consecuencia do que escribo, quen sabe se a mesma raíz da que agroman as palabras. No proceso de creación, entendo a caligrafía como unha ponte entre o que lemos e o que vemos, entre a escrita e as imaxes. De aí que, na selección dos signos que nomean e dos símbolos que revelan, atope maior expresividade canto máis ambiguos, canto máis abstractos, canto máis desposuídos da realidade que os evoca. Entendo a arte como unha recreación da realidade dende a nada, dende o baleiro, dende a inexistencia das cousas nunha cegueira que nos obriga a edificar, como deuses desherdados, unha ollada do mundo, unha imaxe do que habitamos na máis absoluta escuridade do abandono e da orfandade fronte ao tempo. Por iso aprecio máis na pintura a pura abstracción, porque as formas que xera sempre nacen da inocencia de non saber, do punto cero no que toda a xeometría poética asenta as súas coordenadas. Empregando un símil, se o pintor é una visor ou vidente da realidade, o pintor realista sería un visor miope, que deforma ou desfigura o que ve, mentres que o pintor abstracto sería un desafiuzado pola oftalmoloxía, xa que a súa cegueira obrígao a reconstruír a realidade a imaxe e semellanza das formas que poboan a escuridade que o acolle.

Baldo Ramos



Sem comentários: