segunda-feira, março 19, 2007

O Xefe e o Eloxio da carniza



SEGUNDA FEIRA de X. L. MÉNDEZ FERRÍN

"Cada serra e cada zona deshabitada de humanos debe manter un depósito de preas e de carniza"


Hai pra aí vinte anos o concello de Celanova acoutara unha tenza de monte como depósito de lixo ao que ían parar indiscriminadamente todos ou case todos os despoxos da contorna, desde restos de obras e mobeis vellos a desperdicios orgánicos. Aquilo fedía e sofría constantes crises de autocombustión que provocaban unha habitual columna de fume. Pola noite, os lobos baixaban por un subeiro secreto desde o seu santuario de Cortiña Grande e da Chaira de Amoroce, a rentes de Castromau, para rebuscar comida entre aquel lixo. Cando raiaba o sol, retirábanse os lobos e, desde as súas choupanas de onda a vila de Celanova, subían ao depósito os ciganos portugueses ou arraianos para iren, eles tamén, ao rebusco, esta vez de ferrovello e obxectos recuperabeis. Non hai moito tempo, o concello, seguindo as tendencias vixentes de hixiene pública, clausurou o depósito de lixo en Celanova. Os lobos víronse privados de alimento e os ciganos portugueses ou arraianos tiveron que ir a procurar o ferrovello algures. Naquel tempo, os lobos da miña terra, alén de buscar carniza no depósito de lixo de Celanova, comían moito das galiñas mortas que os propietarios das granxas asociadas a Coren tiraban en zanxas a ceo aberto e de acceso doado para as feras. Entre o depósito de lixo e os grandes galiñeiros movíanse os lobos. " E un élle coxo" -díxome un día meu compañeiro de observación Manuel Posada Silva, O Macendo, sinalando unhas pegadas irregulares na area dunha pista. Por parte, ao tempo había xente polas partes de Celanova que tiña a disgracia dunha morte na corte, o cadavre era montado nun tractor e abandoado na devandita Chaira de Amoroce ou Cortiña Grande. Naturalmente eran os lobos os primeiros en dar conta do becerro ou vaca morta, e sempre quedaba algo para corvos, cans de viciños, vermes, insectos e, naturalmente, microorganismos. Cada vez que tiraban unha vaca na Chaira producíase alí o Grande Festival da Biodiversidade. Hoxe todo isto está prohibido e o bicharío pasa moita fame. Anda Luis González Tosar moi impresionado. Seica lle contaron que hoxe en día os corvos velan as ovellas, que son parvas, cando elas van parir e, ao ceibaren o año, xa eles se botan sobre o bicho naipelo para o matar e comer a peteirazos. Supoño que, como é costume nos córvidos, chamarán os uns polos outros e acudirá toda unha paxarada para participar no festín. A estoria dos corvos, as grallas, as pegas e todas esas cousas en relación coa nacencia de años e outras criaturas é vella e sempre me foi referida por pegureiros permanentemente chorosos e laións. Ora ben, non dubido que a asepsia do monte decretada polas autoridades así como o efecto devastador dos incendios conduciron a unha situación indesexábel: non hai carniza nos nosos espazos naturais. E debería habela, porque cada animal morto orixina unha prodixiosa multiplicación de vida. O exemplo dos "podrideiros" dos Picos de Europa que concentrando os animais mortos nun punto da montaña en poucos anos fixo que a poboación de grandes avutres se recuperase, debe ser imitado en Galicia. Cada serra e cada zona deshabitada de humanos debe manter un depósito de preas e de carniza en lugar de que se icinere o gado morto. Coido que a icineración ou o enterramento de gado morto priva a nosa natureza de vida. Vaiamos, pois, a unha rede de depósitos de carniza estratexicamente situados en toda a superficie do país e controlados polos servizos públicos de Medio Ambiente Natural.

4 comentários:

Anónimo disse...

Dende logo este Ferrín ten cada cousa... Mira que dicir que en Celanova non hai carniza...Outra cousa non haberá pero veciños carniza hainos abondo

Anónimo disse...

Se hai na vila é Carniza. Madialeva!

Anónimo disse...

Viva a carniza medieval de Vilanova dos Infantes

Anónimo disse...

A carniza humana de Celanova non a queren nin os avutres nin os lobos. Só a terra e os vermes a poden reciclar