sexta-feira, maio 24, 2019

Corenta traballos participan no I Certame de Podcast Xosé Mosquera




-->
40 traballos aspiran aos premios do I Certame Escolar de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera Pérez
O acto de entrega de premios, onde se van repartir 1.500 euros, vai ser o vindeiro martes, 28 de maio, ás 18 horas, no Museo do Pobo Galego


O xurado e os organizadores deste primeiro concurso de podcasts en galego, promovido polo IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións, co apoio da SX de Política Lingüística e a colaboración da Fundación Rosalía Castro, as Redes de Dinamización Lingüística, o colectivo Ponte nas Ondas, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Radio Galega, a Real Academia Galega e a Fundación Antonio Fraguas, agradecen “a alta participación do alumnado e do profesorado e o extraordinario nivel dos case corenta podcast presentados ao concurso”.

O acto de entrega de premios vai ser o vindeiro martes, 28 de maio, ás 18 horas no auditorio do Museo do Pobo Galego, e vai contar coa presenza dos autores e autoras dos traballos premiados e dos finalistas. Mesmo se agarda que o acto poida contar cunha intervención de Xosé Mosquera Pérez, que se converteu na primeira estrela mediática de Galicia, aló polos anos 30 en Galicia, dándolle vida ao personaxe radiofónico “O vello dos contos”, que se fixo famoso na emisora decana da radio no noso país, cando comezou a emitir regularmente en 1933.


O certame, o primeiro destas características en Galicia, está dirixido ao alumnado dos últimos cursos de primaria e dos catro cursos da ESO dos centros de Galicia e tamén dos que imparten lingua galega no exterior. Tiveron que gravar un relato radiofónico, cunha duración máxima de cinco minutos, sobre algún aspecto relacionado coa biografía ou a obra da figura que se homenaxea no Día das Letras Galegas.


Este ano corresponde ó historiador e etnógrafo Antón Fraguas, autor que ademáis de ser un dos impulsores da chegada da radio a Galicia, tamén compartiu experiencias de teatro radiofónico con Xosé Mosquera Pérez, tal e como se recolle na foto que enviamos no anexo, na que Antón Fraguas é o primeiro pola esquerda e aparece canda Xosé Mosquera e outras compañeiras do primeiro cadro de actores desta emisora. Por iso este ano a entrega de premios se fai no Museo do Pobo Galego, primeira sede de Radio Galicia e que hoxe acolle a Fundación Antón Fraguas.


Sem comentários: