Onte estreamos na Chanfaina Lab unha curtametraxe documental, realizada coa inestimable axuda de Plácido Romero e titulada, "O silencio dos eólicos". É unha peza gravada na serra de Frogoselo, no concello de San Sadurniño, nunha facenda de gando vacún de leite, onde viven David Arnoso e Mónica Anca, cos seus fillos, Manuel e Xoel, con motivo da última edición deste pequeno grande encontro de cineastas no rural.
Todo un exemplo de traballo individual e colectivo, que grazas aos seus impulsores, Manolo González e Carmen Suárez, e a toda a boa xente deste pequeno concello, xa deu como froito máis de 100 pezas audiovisuais curtas, rodadas en San Sadurniño, por xente da zona e por cineastas convidados.
Nós deixamos eiquí o noso pequeno gran de area, en forma de curtametraxe, en cuxa produción tamén colaboraron Carlos Duarte, Olivia, Teresa, Sabela, Gabriel Tizón e César Galdo. Beizóns por esta experiencia e pola Lola Cascarilleira, o premio aos chanfaineiros que aparece na foto, que é máis linda que un Mestre Mateo, un Goya e un Óscar xuntos... Viva o Rural, Viva San Sadurniño e Viva a Chanfaina Lab!!!
Sem comentários:
Enviar um comentário