sexta-feira, agosto 17, 2012

Arraiano maior: Símbolo da raia seca


venres, 17 de agosto de 2012
 
Achegase o día grande dos arraianos. Será o próximo 31 de agosto, na vila de Celanova. Onde a aguillada e a boina, autoridade e poder, sinais identitarias arraianas, mudan de mau, pasan do Arraiano Maior saínte o Arraiano Maior entrante.

Este ritual vense celebrando dende o ano 2009, con motivo do nomeamento, do primeiro Arraiano Maior da Raia Seca a D. Xosé Luís Méndez Ferrín.


Méndez Ferrín, escritor arraiano universal, poeta e político, espertador de conciencias, é a figura máis representativa da literatura galega contemporánea, e un dos máis galardoados. Ferrín, é para moitos mestre, amigo, símbolo e guía.


Para esta primeira entrega, escolleuse o marco incomparable da aldea de Ludeiros (Lobios), en pleno corazón do Parque Transfronteirizo Gerês-Xurés, cunha andaina ata a fronteira da Madalena (Lindoso), aproveitando a conmemoración anual da festa da Madalena, símbolo da unión arraiana. Na que os vínculos veciñais foron máis fortes que as fronteiras administrativas.


No ano 2010, o recoñecemento foi para o Padre Fontes, polos méritos en defensa do patrimonio cultural do Barroso, e polos máis de 25 anos de congresos de medicina popular.

A entrega levouse a cabo no mítico lugar portugués de Castro Laboreiro, contouse co apoio dos irmáns arraianos do Núcleo de Estudos e Pesquisas dos Montes Laboreiro.

No ano 2011, o recoñecemento foi para o escritor portugués Bento da Cruz. Autor de títulos tan arraianos coma Planalto em chamas, Ao longo da fronteira, O lobo guerrilheiro, Histórias da Vermelhinha.

Para esta entrega escolleuse o Concello de Entrimo, e o marco natural das Cortes da Carballeira, a Igrexa de Santa María A Real e o Pedreiriño..

Nese mesmo ano, acordouse recoñecer a Celso Emilio Ferreiro como Arraiano Universal.


Este ano 2012, será nomeado Arrainao Maior, o profesor D. Xesús Alonso Montero.


Da extensa obra de Alonso Montero, destacamos os seus traballos sociolingüísticos, e os estudos feitos sobre escritores galegos. Para a nosa literatura quedan títulos coma: Cen anos de literatura galega; Decálogo da lingua galega; Versos republicanos e outros versos políticos, Curros Enríquez no franquismo ou Castelao na Unión Soviética en 1938.


Os actos comezarán as 10,00 h. Encontro na praza da vila de Celanova.

Lectura do manifesto arraiano.
10,30 h. Rota literaria por distintos espazos relacionados cos escritores nados en Celanova, con lecturas de poemas e música arraiana.
11,30 - 14,00 h. No cemiterio de San Breixo. Nomeamento de Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca do ano 2012, a cargo do Arraiano Maior do ano anterior, Bento da Cruz. Entrega do recoñecemento como ARRAIANO UNIVERSAL a Celso Emilio Ferreiro Míguez. Ofrenda floral e recital poético e musical, coa participación de poetas e músicos das terras de Celanova e do val do Limia, ao pé do xacigo de Celso Emilio Ferreiro.
14,30 h. Xantar arraiano no Restaurante Airiños.

Somos uns afortunados por ter a persoas tan significativas na nosa terra. Persoas as que temos a obriga de recoñecer a súa labor, nos diferentes ámbitos culturais, económicos e sociais. Eles son eses faros que nos permiten descubrir novas sendas, cos seus bordes, os seus nodos e os seus fitos. Eles son luz e semente nova, que nos permite avanzar e interpretar a realidade de forma dinámica.


Unhas veces con palabras e obras, e outras con silencios estanos a indicar que é tempo de sementeira, que é tempo de sementar, que é tempo de innovación, que é tempo crear, de innovar e de pórse a andar.

Sem comentários: