segunda-feira, outubro 19, 2009

O xefe en Bonaval

Por XL Méndez Ferrín. Visitamos o Museo do Pobo Galego de Bonaval. Carlos García Martínez, ánima férrea da institución, foinos ensinando as salas nas que se gardan os arquivos e as bibliotecas de Antonio Fraguas, de Xaquín Lourenzo, de Taboada Chivite e, en parte, de Fermín Bouza Brey. Persoas, todas elas, dedicadas a coñecer a cultura e tradicións do pobo galego que lle legaron o seu expolio ao Museo e á posteridade. Impresiona o Museo do Pobo Galego no seu conxunto excelentemente instalado no mosteiro dominicano cuxa fundación ou sagrazón de 1230 cantara precisamente Bernal de Bonaval, o trovador compostelán.
Tras duns seiscentos anos de dominio monástico, o liberalismo burgués do século XIX expulsou de Santa María de Bonaval os frades que aquí mandara asentar San Domingos. Hoxe, entre aqueles muros garda a memoria nacional-popular o Museo de Pobo Galego. No que fora cemiterio romántico (aló está a cova de Aurelio Aguirre) hai agora un precioso parque público. Baixo a cruzaría gótico-mendicante de Bonaval instalarase o panteón de homes e mulleres ilustres de Galicia. Non hai letreiro ningún que, coma no Pantheón de París rece algo así como A PATRIA AGRADECIDA ("LA PATRIE RECONNAISSANTE"). Sen embargo os xacigos de Rosalía e de Castelao enchen de sentido nacional aquel espazo.
Grazas á secularización e exclaustración do goberno Mendizábal os conventos de Compostela pasaron a poder das institucións civís. A universidade e o concello saíron beneficiados e a cidade clerical por excelencia convertiuse en centro de ciencia e de cultura laicas. O antigo templo retirado do culto, como panteón de galegos ilustres nunca funcionou de modo satisfactorio. Pondal e outros grandes vultos xacen no belísimo cemiterio mariño da Coruña: San Amaro. Grandes homes e mulleres de Galicia terminaron enterrados en moi diversos lugares da nosa xeografía. Nunca houbo un regulamento protocolario do panteón de Bonaval, o que ocasionou que acollese restos de individuos de importancia menor. Chegou a usarse Bonaval mesmo para desfiles de modas.
Foi precisamente tal desfile o pretexto que aproveitou o Arcebispo de Santiago para pleitear pola recuperación de Santa María de Bonaval. Todo este escuro asunto nunca foi explicado debidamente. Pro parece ser que a mitra compostelá reclamou perante os tribunais a igrexa que acolle o panteón de galegos ilustres, e os xuíces fallaron favorabelmente. O cal constitúe unha burla histórica. A desposuída no século XIX foi a comunidade de Bonaval ou, se se quer, a orde relixiosa dos dominicanos ou dominicos. O Arcebispo nunca posuíu Bonaval e sen embargo os xuíces parece que llo adxudicaron. Un espazo de dominio público e, ademais, cargado de simbolismo nacional pasou diante dos nosos ollos a mans eclesiásticas ás que nunca pertencera e ninguén dixo nin fixo nada sobre tal asunto.
Visitamos dúas exposicións en Bonaval, nos claustros que hoxe ocupa o Museo do Pobo Galego. Unha, a colección de adiviñas e os traballos manuais que recolleron e procesaron os nenos do Colexio Público Cristina de Carballo. Outra, a mostra Ceibes no Monte na que traballaron os profesores e alumnos do Instituto Terra de Turonio, de Gondomar. Esta última versa sobre os bestas ceibes nos montañas do Sul de Galicia, especialmente nas do concellos de Gondomar. Coido que o Museo do Pobo Galego é a primeira vez que se abre á dimensión ecuestre da nosa cultura popular.

Sem comentários: