sexta-feira, julho 31, 2009

A deusa Nabia vive

Por XL Méndez Ferrín. Son varias as Santa Eufemia que se moven no mundo imaxinario de Galicia: todas máscaras católicas que ocultan alguna poderosa deusa galaica, se cadra a que, rebelde, permanece agochada en nomes de ríos e de localidades de poboación: Nabia, Navia, Návea, Neiva. A Eufemia de Baiona está moi difuminada ente sete irmás dun parto das cales só ten relevancia popular Liberata ou Librada. A grande Eufemia é a que lle dá nome á Serra de Santa Eufemia, arrombada contra o Jurés, Gerês ou Xurés nunha poderosa montaña na que o gado ceibe vive espiado polo lobo, onde un año tenro pode ser raptado pola águia maior de europa e onde, nos picoutos, senta as catro uñas o castrón da capra hispánica lusitánica, subespecie á que fariamos mellor decer gallaica. Esta Serra de Santa Eufemia, ou da Madanela, ficou para Portugal na partición de don Afonso Henriques e logo, en 1864, foi parar a España ao tempo que as provincias centralistas facían desaparecer o Reino de Galicia. Hoxe a Serra de Santa Eufemia fai parte do parque natural autonómico galego do Xurés adxacente ao grande parque nacional portugués da Peneda Gerês: faremos o posíbel para confundilos nun só.Na Serra de Santa Eufemia está viva a memoria da deusa reinventada como mártir do cristianismo. Sábese onde foi enterrada cunha man fóra e no dedo mendo o anel que una rapariga que andaba na veceira roubou. E os males que viñeron. E logo en conforme inventaron ou acharon o corpo que fora terribelmente atormentado. E por fin os bois que levan á súa vontade o carro onde vai Eufemia morta. E como bois e santa non paran até chegar a Ourense, a case cen quilómetros de alí. Finalmente Eufemia, a mociña mártir que morreu nunha roda moi enigmática, despois doutras moitas e complicadas sevicias, recibiu cova en Ourense (definitiva).Vista a persistencia do culto a Santa Eufemia, mormente no suleste de Galicia, esta santiña foi declarada patroa da diocese de Ourense e da capital episcopal, facéndolle certa sombra a Santa Martiño de Tours, que nos chegara desde o mundo suevo.Durante a nova contrarreforma católica que sucedeu aos días da desamortización, algún bispo de Ourense ordenou una división parroquial da cidade reutilizando os templos das antigas comunidades dos Xesuítas e de San Domingos. A un púxolle o nome de Santa Eufemia "del Norte" e ao outro o de Santa Eufemia "del Centro". Ninguén lle fixo caso o bispo e só se confirmou o nome de Santa Eufemia na ifrexa da antiga Compañía. Eis o caso ben curioso dunha antiga deusa da Gallaecia pagá que estivo a piques de se converter na principal santa e protectora dunha cidade e dunha diocese católica tan antiga e importante como é a de Ourense. Non ocorreu así e o culto de Santa Eufemia, ou sexa posibelmente Nabia, concéntrase nos seus sitios de orixe: nos cabezos enormes que se erguen na marxe esquerda do rio Limia ao seu paso polo concello arraiano de Lobios.Alí, na Serra de Santa Eufemia: o monte está cheo de relatos e as estorias faladas agurgullan como o fan as cargas que can en cachoeira. Procisións de defuntos con estandartes nas noites de luar, a misteriosa "seda dos reis" onde os nosos de antaño pactaban as fronteiras e resolvían os conflictos, o lobo que nuns tempos do ano só se alimenta de barro e ar. Nesta masa mítica tan densa que semella material sólido, destaca a presenza de Santa Eufemia torturada até morrer. O que non fará nunca na imaxinacións das xentes.

Sem comentários: