sábado, janeiro 03, 2009

O Xefe e Viale Moutinho na Academia Galega

Do romántico portugués Alexandre Herculano pódese decer que recibiu Murguía incitación e pulo para afondar nos seus estudos de Historia de Galicia. Herculano consideraba Galicia como o ovo do que saiu a mellor e máis nutrida parte de Portugal. Debía de ser, aquela Galicia primordial, un ovo de dúas xemas, pois del naceu tamén a Galicia actual. Outros escritores portugueses tiveron en conta Galicia para explicaren Portugal e o seu idioma; certos deles, ao se referir ao que teñen ao Norde do Miño, do Xurés, do Larouco ou do Montezinho, oscilaron entre o desprezo e a condescendencia. Logo, no século XX, M. Rodrigues Lapa, mestre da filoloxía portuguesa contemporánea, foi un apoloxeta e un dilixente propagador da nosa realidade lingüística e literaria en Portugal. Sen embargo é José Viale Moutiño o escritor portugués que máis traballou a prol da difusión e coñecemento de Galicia en todas as tribunas públicas do seu país desde hai case cincuenta anos.
Por esta razón a Academia Galega, na súa última reunión plenaria, elixiu Viale Moutinho como membro de honra. Vense sumar así o escritor do Porto, hoxe radicado na illa da Madeira na que nacera, a un reducido elenco no que, vivos, figuran Giusepe Tavani e John Rutherford. A elección de Viale Moutinho produciuse por unanimidade. Agora podemos pensar que, mercé a el e ás súas relacións no universo cultural portugués, a Academia Galega terá ocasión de se facer realmente na República de a carón.
Viale Moutinho é un escritor moi importante das letras contemporáneas que brillou na poesía, no ensaio, na erudición histórica, e que innovou con forza o conto, a novela curta e a novela en Portugal. Igualmente foi un xornalista de moi longo alento e un conferencista reputado nos máis altas tribunas do seu País.
Teño sobre a mesa unha colección de contos deste noso autor que están prontos para veren a luz nas edicións A Nosa Terra. Titúlase a obra Negra sombra! negra sombra! con palabras pedidas emprestadas máis ao poema estremecedor de Luís Pimentel ca aos versos inmorredoiros de Rosalía. Falan moi ben o galego estes relatos nos que a dicción concisa, as luces inagardadas, a precisión fulgurante das descripcións, a referencia punxente á historia da Galicia Mártir dos anos trinta, o discurrir onírico dos acontecementos que nos arrebata, completan una obra mestra do conto contemporáneo que, orixinalmente en portugués, deita unha luminosidade rara sobre a nosa realidade. O extrañamento alucinado confóndese co realismo e o lector síntese, simultáneamente, distanciado e absorbido.
Que coincidan no tempo o nomeamento de Viale Moutinho como académico de honra e a publicación deste seu libro na lingua galega que el quer moito ben representa un sucedido memorábel.

Sem comentários: