segunda-feira, dezembro 15, 2008

O Xefe fala do artista arraiano Xulio Fontes

Recordamos a rúa Uruguay de Vigo como un centro de comunicacións terrestres e un espazo de dinamismo. No inicio, contra Colón estaba a parada central do tranvía ou tren eléctrico a Baiona. Logo viñan as movimentadas administracións do Castromil e do Auto Industrial. Ao final da rúa chegaban ondas do trasfego ferroviario. Aínda o auto-odio de Vigo no destruíra a nobre estación do século XIX. Un ar de dignidade e certo empaque impregnaba a rúa Uruguay e os seus elementos nobres, e unha migalla aparatosos, eran o Fraga (cine dos cines e envexa de toda Galicia, só comparábel ao Eden de Lisboa) e a escalinata dos arroaces venustos e a pérgola caprichosa que, obra do Palacios máis convencional, nos conducía á Praza de Portugal e ao busto do gran Camòes. A medida que Uruguay se aproximaba a Cervantes (todo Vigo é un catálogo de evocacións onomásticas da Hispanidade, incluindo a "Hispanidade") as casas ían perdendo prestancia burguesa aínda que non harmonía. Entre as arterias maiores de Sanxurxo Badía e Urzáiz, con saída a Colón, a Rúa Uruguay sempre foi unha viva e dinámica rúa de segunda no conxunto central da cidade de Vigo. Alí está "sempre", como soía escribir Valle-Inclán imitando a afectación francesa de Rubén, o Hotel Junquera, que hoxe se amosa renovado con bo gusto. Por moito que faga retroceder as miñas lembranzas da Rúa Uruguay, non logro vela nunca sen o letreiro luminoso que anuncia, en grande formato, o Hotel Juquera. Desapareceu o Fraga, o tranvía de Baiona; o conxunto escenográfico da escalinata de Palacios foi desgrazado pola barbarie municipal viguesa, tan característica: o hotel Junquera permanece e sabe reconstituirse.
Estes días Xulio Fontes, pintor e escultor procedente de Quintela de Leirado, na mesma raia montuosa do Crastro Leboreiro, que vive e traballa en Vigo para Galicia e para o Mundo, abriu unha exposición no Hotel Junquera. É para min un gozo maior permitirme o luxo dun paseo pola rúa que tantos acordanzas de xuventude me trai para descansar na obra de Fontes. Exposición intensa e variada, como múltiples e incensantes son as preocupacións e as ideas deste autor sempre alerta, convén comezar a súa visita polas pedras. Hai anos, Xulio Fontes descobriu as ánimas ocultas no interior das pedras, dos seixos, dos cantullos, dos pandullos. El ve nestes refugallos xeolóxicos inútiles e perdidos no mundo sen función definida, nin práctica nin estética, unha forma oculta. E o artista, sen lle tocar ou case sen modificar a forma e a textura, fai emerxer unha mensaxe coa axuda das cores, e non só da intervención cromática. De pronto, a pedra, en contacto con Fontes, fai unha metamorfose e maniféstase como é ou, mellor dito, como o artista ve que é quer que sexa. Pezas inquedantes, misteriosas, sorpréndenos e transpórtanos a un alén do cal nin sabiamos a fondura nin a perigosidade. As pedra de Fontes son aparecidos que nos ollan desde o magma dos principios do Mundo; por veces intranqulízannos; sempre nos penetran. E non é só iso o que hai no Junquera, pois alí pendura Fontes, nun festival multicolor e rechamante, ás veces diriamos que "guineano" ou "bantu", unha pintura feliz que ás veces é tamén obxecto e, case sempre, é máis que cadro. Sendo forma "en si mesma", e volume, e textura, moitas pezas aparentemente pictóricas de Fontes rebordan a súa condición e convértense, máis alá das convencións, nunha cousa diferente que lle naceu á cidade. É tan potente o colorido das obras de Xulio Fontes que se aparenta moito a aquel estalido de luces e formas que se produce no interior dos nosos ollos cando recibimos un golpe neles.

Sem comentários: