sexta-feira, agosto 22, 2008

Garay con Curros?

O concello de Vigo trasladou o monumento a Curros Enríquez desde o seu desterro no Monte do Castro, onde houbo tantos fusilamentos de boa xente a onde se asenta a que foi residencia de Eijo Garay, aos xardíns que levan o nome do dito prelado. Como as personalidades de Curros e de Eijo non casan ben chegamos a sospeitar que o novo asentamento da efixie do poeta de Celanova conteña unha mensaxe cifrada en clave de bulra. O caso é que non só eses xardíns, que antano eran máis grandes e lucían mellor coidados, están en Vigo dedicados a honrar a figura de Eijo Garay senón que tamén levan o seu nome unha rúa e un colexio público. Mais penso eu en realidade que o noso alcalde, que semella un neófito ardente do nacionalcatolicismo ao presidir con insignias do seu cargo público a procisión do Cristo da Victoria, tan cara a Eijo Garay, e o resto do seu equipo non sexan tan ocorrentes como para xuntar de propio intento os nomes dun poeta perseguido pola xerarquía católica e un bispo moi activo no réxime máis duro e reaccionario que coñeceu a España contemporánea, descontando o dos días ominosos de Fernando VII. Para min, que o alcalde de Vigo e o seu goberno, o que tratan é de non lle tocar ao nomenclátor urbano no que respecta a Eijo Garay. Naturalmente, a estes efectos, a sociedade franquista de Vigo está feliz con Abel Caballero polo confesionalismo que exhibiu na devandita procisión e seguramente lle agradece o seu interese en que aquela vella diocese que borrara do mapa San Olaf Haraldson e que Don García, rei de Galicia, restaurara, prescinda para sempre de Tui, degrade a súa catedral e adopte o nome único da cidade do Celta. A miña idea é que a conxunción bipartidiaria que goberna o municipio de Vigo está a tratar, por viguismo electoral seguramente, de que o nome de Eijo Garay se perpetúe nuns xardíns, nunha rúa e nun colexio público, conculcando a lei da memoria histórica. Non señor: Leopoldo Eijo Garay non foi só un bispo franquista ao modo en como o foron o resto dos seus colegas de España, incluindo algún que tivo a decencia de negarse a gravar nos muros dos seus templos a lista dos "caídos por Dios y por España". Eijo Garay foi parte inseparábel e consustancial do réxime sanguinario e o seu criterio inspirou de forma moi principal as institucións, os métodos represivos e o catecismo ideolóxico do partido unificado "Falange Española Tradicionalista y de las JONS". Franco respectou, admirou e ouviu sempre as recomendacións deste fillo de Vigo a quen nin Vigo nin Galicia lle deben nada. Franco tivo sempre ao seu carón a Eijo Garay e premiouno cos máis altos cargos, como foron o de presidente do "Consejo Superior de Investigaciones Científicas" e do "Instituto de España", postos ben políticos e nada eclesiais, no desempeño dos que Eijo Garay se convertiu en comisario do franquismo en materia cultural. Seguramente por iso o colexio cardealicio nunca o distinguiu co capelo de púrpura e o Vaticano, habilmente, limitouse a lle conceder o título esperpéntico e aparatoso de Patriarca das Indias Occidentais que, en rigor histórico, carecía de todo significado, ao tempo que lle vedaba calquera arcebispado e precisamente, o de Toledo que conleva a primacía das Españas. Certamente, somos moitos os veciños de Vigo que tememos que o nome de Eijo Garay permaneza no lapidario público, aínda que estamos seguros de que non será para sempre.

Sem comentários: