sexta-feira, julho 11, 2008

Á espera de Ramón Piñeiro

Por X.L. Méndez Ferrín. Logo de deixar claro para sempre o feito de que a editorial Galaxia non o foi todo na difusión da cultura galega nos anos cincuenta grazas a que o Día das Letras focou a figura de X.M. Álvarez Blázquez, a Academa Galega acordou que a próxima celebración terá como punto de interese, a vida e obra de Ramón Piñeiro. A partir de agora, os investigadores dos ramos, interesados pola personalidade de Ramón Piñeiro poñeránse a traballar duramente e a revista os preconceitos e as certezas que xiran arredor da persoa celebrada. Velaí a capacidade mobilizadora da autoridade da Academia: ela pon os deberes cada ano e moitas persoas (críticos, historiadores, profesores, editores, activistas culturais, xornalistas) reflexionan e difunden a figurar marcada con lapis vermello. Durante todo un ano se falase e se escribira se sobre Ramón Piñeiro, como se fixo sobre os autores anteriormente designados. Milleiros de persoas ouvirán falar del por primeira vez e outros expertos no tema, acharán novas interpretacións. Case ninguén con curiosidade sobre a historia contemporánea de Galicia vai sair do próximo ano da Letras Galegas coa idea sobre Ramón Piñeiro que tén neste momento, poden estar seguros. Quén foi Ramón Piñeiro? -Pregúntaranse algúns. E obterán respostas. O traballo ao que están chamados os estudosos e os interesados en xeral non é dos doados. A obra de Ramón Piñeiro é moi pequena e redúcese ao xénero esaístico. Haberá que ler de novo ese corpus e explicalo á luz do tempo en que vivimos. O Piñeiro que aspiraba a unha imposibel metafísica especificamente galegoportuguesa a partir da vivencia da soedade ontolóxica que el chamaba Saudade terá que ser analisado e divulgado para que os alumnos -digamos- o coloquen dentro da historia da filosofía tal como lla aprenden no Instituto. A Facultade de Filosofía e as revistas de pensamento poñamos A Trabe, terán que estar moi activas o ano que vén. E as Facultades de Filoloxía tamén, pois a teoría da linguaxe e a crítica literaria foron tocadas de xeito ben polémico por Piñeiro. Pro Ramón Piñeiro foi un escritor ao dez por cento e un activista político ao noventa por cento, máis ou menos. Se alguén non está dacordo comigo terá unha boa ocasión para explicarse perante o público adecuado. E a historia do galeguismo desde o final da guerra civil até o intre da Reforma política e da autonomía outorgada a Galicia poderá estudarse debidamente tendo como punto de partida as actividades clandestinas e legais de Ramón Piñeiro. Clamamos, xa moitos, porque a memoria histórica se exerza tamén sobre a Resistencia ao franquismo en todas as súas formas e sobre a repressión sobre ela. A figura de Ramón Piñeiro está implicada nesa Resistencia e padeceu esa represión e compre saber (primeiro) en que consistiu a pecularidade de Piñeiro como axente efectivo galeguista contra o franquismo. Logo, a figura de Piñeiro servirá de referencia para falar de outros e de outras: de todos os que, de Alexandro Bóveda a Moncho Reboiras, se enfrentaron á monstruosidade histórica con honor. Penso que a Academia certou, como certa sempre, ao nomear a Ramón Piñeiro como personaxe central do próximo Días das Letras Galegas.

Sem comentários: