segunda-feira, junho 16, 2008

Da fouce e da estrela

Farruco Sesto Novás titulou así, fillo como é da cultura política galeguista, un seu libro de poemas, non sei se o primeiro. El sabía, supoño que tamén Anxo Quintana e Mario López Rico, que Castelao ideara en pleno fragor bélico, 1937, o escudo republicano de Galicia (si: como Atila en Galicia). Neste escudo elimínase o elemento contrarreformista do copón e o Santísimo Sacramento, e o mesmo se fai coas sete cruces das sete provincias representativas do Antigo Réxime. Igualmente, a coroa real desaparece como é regra en réxime de República. No escudo de Castelao hai unha fouce de ouro, que acumula no seu simbolismo a herdanza céltica e a rebeldía dos agrarios e dos irmandiños. No chefe da fouce de ouro campa unha estrela vermella de cinco puntas (nada que ver coa de David). É a estrela da Liberdade e do Socialismo. O escudo é abrazado por un tenente que é serea de longa cabeleira que, polo baixo, ensina, atrevida e algo bulrista, o rabo de pixota. O escudo da serea, da fouce e da estrela leva, no deseño de Castelao, unha lexenda: DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS. Coido que algún día este será o escudo oficial de Galicia.Durante a guerra de España o Batallón Galego do V Rexemento XI División de Líster púxolle unha estrela vermella de cinco puntas á súa bandeira azul e branca de combate. Na clandestinidade do franquismo, a UPG e a ANPG tamén impuxeron a estrela vermella de cinco puntas no centro da bandeira, co cal lle deron unha nota de viveza e de cor que suxería a máis Liberdade e a máis internacionalismo. Os mozos nacionalistas díronlle en chamar á bandeira galega coa estrela vermella, "bandeira da Patria". A min sempre me fixo moita graza esta denominación. "Madrid está inundado de bandeiras da Patria", díxome emocionada por teléfono Oriana Méndez o día no que Nunca Máis ocupou a Corte para admiración do Mundo. A renuncia á estrela feita pública por Quintana e López Rico ten un fondo significado. O Bloque quer mudar de base e non gosta dos votos obreiros que lle vén canalizando a CIG e a esquerda social do País, gostantes da estrela vermella do internacionalismo proletario unida á idea de independencia. O BNG quer agora os votos dos señores do diñeiro fácil por iso o seu conselleiro de Industria sacrifica a imaxe maternal da Patria á infección das eólicas sen taxa. Quer os votos dos capitalistas, e a estrela espavéntaos. O que non sabemos é se San José pode mover tantas papeletas na urna como move a central sindical CIG. En todo caso xa o iremos vendo. O sindicalismo de inspiración marxista e de orientación nacionalista naceu e forxouse na loita clandestina. Eu opino que é vai ser imposíbel fundar agora unha patronal do tipo do Fomento do Traballo catalanista que lle tornera uns fantasmáticos votos burgueses a un BNG convertido en pujolista. En todo caso, é cousa do BNG e non miña nin dos que siguen en Galicia arelando, vivindo e pensando so o signo e resplendor da estrela vermella.

Sem comentários: