terça-feira, janeiro 15, 2008

Arraianos e a Vida nas aldeas


De esquerda a dereita: Pedro de Llano, Aser Álvarez, Henrique Alvarellos e Augusto Pérez Alberti

O número VII de ARRAIANOS, editado e comercializado por Alvarellos Editora, está xa á venda en librarías, quioscos especializados e a tenda on line da editorial www.alvarellos.info. Trátase dun especial de 158 páxinas, maquetado a toda cor e con amplo despregue gráfico. Medio cento de colaboradores, antropólogos, xeógrafos, arquitectos, xornalistas, economistas, escritores, politólogos, críticos literarios, fotógrafos e outros creadores participan neste monográfico, onde se abre unha fonda reflexión sobre o presente e o futuro do país.
A incorporación de destacados colaboradores, un novo deseño a toda cor e novas e máis amplas seccións, marcan a nova xeira da revista ARRAIANOS, unha publicación de referencia no país promovida pola Asociación Arraianos e dirixida polo xornalista Aser Álvarez.
Atópanse sinaturas tan destacadas como Pedro de Llano, Agusto Pérez Alberti, Marcial Gondar, Francisco Sineiro, Plácido Lizancos, Xosé Manuel Pereiro, Anxo Angueira ou J.J. Moralejo, entre outros. Trátase dun monográfico sobre “A vida nas aldeas” e as fondas transformacións –o abandono do rural– que presidiron o último cuarto de século. Extractamos un párrafo do editorial, titulado “Quen anda aí?”: No tocante ao rural, seguimos entre a ideoloxía da maquinaria pesada e o quilovatio, a barbarie progresista, e a procura romántica do ser nacional embaixo da boina dos paisanos, do Santo Grial no rabo dunha vaca. Miseira mental e política (ou prepolítica). Populismo, clientelismo, anarco-capitalismo, simple desleixo, delincuencia pura e dura... Non hai trapallada que non atope aquí a súa patria. (Páx. 5).
Malia ter só dous anos de vida a revista converteuse xa neste tempo en todo un referente no eido do pensamento e da reflexión colectiva do país. A publicación abandeira o “espírito do movemento arraiano”, que ten o seu cerne nas terras do Val do Limia e Celanova, e dende esta patria intenta entender o universo todo. O seu director, Aser Álvarez, afirma que con este monográfico “o que quixemos facer é comezar a pensar que pasa coa vida nas aldeas. Tras a brutal despoboación e deterioro do medio rural experimentados nos últimos anos preguntámonos agora “Quen anda aí”?”. Neste número fálase dos caciques, das aldeas abandonadas, da Raia Seca, das perspectivas da economía rural, de arquitectura, xeografía e mesmo dos escornabois ou dos lobos. Conta ademais con seccións fixas de crítica literaria (Andel de libros), fotografía (Manuel Sendón, Ramón Godás) e creación (Fernández Naval, Niebro, Olga Novo, Chus Pato, Rábade Paredes, Daniel Salgado, Elvira Riveiro...).
Esta publicación foi presentada no Club Internacional de Prensa de Galicia, nun acto que contou coa participación do director da publicación, Aser Álvarez, o xeógrafo Agusto Pérez Alberti, o arquitecto Pedro de Llano e do editor, Henrique Alvarellos. En relación ao despoboamento e a desfeita no rural galego, De Llano manifestou que “o tráxico é que o que nós coñecemos hai un cuarto de século hoxe xa non existe. A Galicia rural está destruída. E todo porque dende o poder político non se aborda a execución dun planeamento que abranga a todo o país”. Pérez Alberti, pola súa banda, reclamou tamén “un plan director territorial” e manifestou dúas preocupacións: “A primeira, como se foi destruíndo a aldea esteticamente, mais tamén me procupa como se foi desartellando o territorio. Como se foi contruíndo do xeito en que se fai, pé dos ríos e do litoral”. O director da publicación, Aser Álvarez, identificou o problema do rural galego: “Non é algo natural nin unha consecuencia –dixo– de falta de recursos, senón de vontade política para definir un modelo de desenvolvemento e levalo á práctica”, ao tempo que definiu os contidos deste número como “heterodoxos e plurais, con aportacións de colaboradores de diferentes formacións e sensibilidades, lonxe de sectarismos e partidismos demasiado habituais neste país”. Finalmente, para o editor, Henrique Alvarellos, “incluír no noso catálogo unha revista co peso, a fondura e a intensidade de ARRAIANOS é sen dúbida un motivo de satisfacción e mesmo un orgullo para Alvarellos Editora. Dende o punto de vista da edición, e tamén na propia comercialización ou distribución, quixemos estar á altura deses contidos e facer e difundir unha publicación cultural que sexa todo un referente para o país”.

2 comentários:

Anónimo disse...

Nova etapa, novos colaboradores, máis colorín... mais a mesma finalidade: alimentar o onanístico e infartable ego do Aseriño.

Anónimo disse...

jajajaja... vai haber que permitir só os comentarios impertinentes dos que se identifiquen para poder mandarlles as nosas brigadas arraianas facer unha visitiña...